Ir al contenido principal

5 domingo Pascua 2023

 PORQUE NA TÚA CASA HAI SITIO PARA TODAS E TODOS.... GRAZAS, SEÑOR!!!!

CANTO GOZOSO

ö ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)

ö LECTURAS: Eu soñei (Nº 58)

ö OFERTORIO: Benaventurados (Nº 118)

ö COMUÑÓN: Ti es camiño e verdade (Nº 57)

MIRADA AGRADECIDA

Imos debullando este tempo de alegría e esperanza que é a Pascua. Neste quinto domingo, Cristo Resucitado sae ao noso encontro para lembrármonos que El é o Camiño, a Verdade e a Vida. Este é o punto de arranque do cristianismo: cristiá é aquela persoa que en Xesús vai descubrindo o camiño máis axeitado para vivir, a verdade máis segura para orientarse, a vida máis plena.
E este camiño é moi concreto e obríganos a escoller: indiferenza cara quen sofre ou compaixón; benestar para min e para os meus ou un mundo máis humano para todas as persoas; intolerancia e exclusión de quen é diferente ou actitude aberta e acolledora; esquecemento de Deus ou testemuño alentado e alentador no Deus Pai/Nai; fatalismo e resignación ou esperanza última.
Que a celebración que agora comezamos sexa alento no camiño.
CORAZÓN MISERICORDIOSO

* Renuncias a superar a tentación de querer facer da Igrexa unha comunidade pechada dentro dos templos e sen enraizar nos gozos e dificultades do mundo, para abrirte a un diálogo fraterno e sincero con todas as persoas que se sintan urxidas a defender a dignidade e a vida humanas?. SÍ, RENUNCIO.

* Renuncias a facer da Igrexa unha comunidade despreocupada polo que lle pasa á xente pobre, desprezada e esquecida, para camiñar no compromiso de abrir a porta a toda persoa que se sinta necesitada de ser escoitada, axudada e defendida?. SI, RENUNCIO.

* Renuncias a facer da Igrexa un guetto pechado, uniforme e nostálxico do pasado, para esforzarte en construír a túa comunidade desde a experiencia de pluralidade, apertura e gozo?. SI, RENUNCIO.

PALABRA PROCLAMADA

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario. Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:
- Non está ben que deixemos a palabra de Deus para nos dedicarmos ó servizo das mesas. Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. Nosoutros continuaremos dedicados a oración e ó servizo da palabra.
A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; presentáronllelos ós apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans.
A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PEDRO

O achegárdevos ó Señor, pedra vivificadora ‑de refugallo para os homes, pero pedra escollida e apreciada ós ollos de Deus‑, sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer ofrendas espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. Por iso lese na Escritura:
Ollade que eu poño en Sión unha pedra angular, escollida e digna de honra, de xeito que quen fíe nela, non levará desengano.
A súa honra é para vós os que credes, pero para os que non cren é a pedra que refugaron os canteiros e que se converteu en esquinal e aínda máis: en pedra onde se tropeza, en couce onde un se esnafra.
Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.
Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoardes as marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN 

Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
- Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
- Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
Filipe díxolle:
- Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
Xesús replicoulle:
- Pero, Filipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. ¿Como dis entón "móstranos o Pai"? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA

O libro dos Feitos dos Apóstolos que lemos neste tempo de Pascua vainos mostrando como se van artellando as primeiras comunidades cristiás. E na súa lectura podemos descubrir que probablemente un dos aspectos que máis e mellor definen a aqueles homes e mulleres que seguían a Xesús era a coherencia entre o que crían e o que facían. Ao tentar levar á vida de cada día o mandado do amor que Xesús lles encomendou pronto se decataron de que a caridade tiña que ser algo central no seu quefacer diario e que unha comunidade que non serve, non serve para nada. A salvación que en Deus se nos ofrece non é algo abstracto ou teórico. Non. A salvación ten unha dimensión totalmente práctica que pasa pola salvación das persoas. De aí que non descoiden a atención e o coidado da xente máis empobrecida das súas comunidades. Por iso, botando man da creatividade, escoitando e dialogando, nunha auténtica mostra de sinodalidade foron quen de resolver o problema da atención das viúvas que se plantexaba. Seriamos nós hoxe capaces de facer o mesmo, de aportar a nosa creatividade, o noso punto de vista, a nosa visión... sen tratar de convertela en única e verdadeira?
Xesús hoxe dínolo ben claro: El é camiño, verdade e vida. Só a través súa chegamos ao Pai. E isto implica que na nosa vida debemos seguir as súas pegadas. Unhas pegadas que sempre acollen, unhas pegadas que sempre escoitan, unhas pegadas que sempre respectan a liberdade e non manipulan conciencias, unhas pegadas que nos falan de servizo e de entrega xenerosa, unhas pegadas preñadas de esperanza, unhas pegadas dunha ilusión contaxiosa, unhas pegadas de cercanía... E porque estas pegadas seguímolas levando zapatos diferentes, dinos que non nos preocupemos, que na súa casa hai cuartos para todas as persoas: máis soleados e con cheminea para os que teñen frío, máis fresquiños para os calorosos, con moito colorido para os creativos, máis sobrios para os serios, empapelados, pintados... pero sempre serán cuartos que acollen e non exclúen.
ORACIÓN COMPARTIDA

A Xesús, Camiño, Verdade e Vida, dicímoslle agradecidas e agradecidos:
GRAZAS POR CONVIDARNOS Á TÚA CASA
· Para que na Igrexa aprendamos a respectar a pluralidade de formas, modos, maneiras e expresións á hora de levar á vida a nosa fe, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS Á TÚA CASA
· Para que nas nosas comunidades fagamos da escoita e do diálogo ferramentas para resolver os desafíos que se nos van presentando, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS Á TÚA CASA
· Hoxe pedimos polas nosas nais. Para que nunca reduzamos o seu día ao primeiro domingo de maio, senón que sempre se sintan queridas e o seu imprescindible papel sexa valorado na nosa sociedade, OREMOS
GRAZAS POR CONVIDARNOS Á TÚA CASA
· Para que na nosa vida cotiá saibamos descubrir e testemuñar a Cristo como camiño, verdade e vida, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS Á TÚA CASA
Acolle, Señor, a oración que acabamos de compartir como comunidade reunida no teu nome. PXNS. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Ti ofréceslle a túa casa labrega
a toda a xente que camiña ao pairo polos camiños da vida.
Ti es amigo de acoller sen preguntar,
ofrecendo primeiro a calor da túa aperta,
a tenrura da túa amizade
e o alimento do teu amor.
Canto temos que aprender de ti!!!!!!!!!!!!.
Ti reservas un cuarto para cada persoa,
respectando o noso ser e as nosas teimas,
prezando a nosa voz e a nosa decisión,
provocando sempre a nosa responsabilidade.
Ti gardas sempre o sitio mellor,
o máis tranquilo, o que está mellor amoblado
para a persoa máis pobre e pequena,
para quen está máis marcada pola vida.
Canto temos que aprender de ti!!!!!
Ti lémbrasnos cada día
a infinidade de persoas que temos no mundo
orfas de casa e pan,
orfas de presente e de porvir,
mentres o teu soño primeiro
foi un fogar amplo, quentiño e común
no que poidamos vivir a ledicia da irmandade.
Canto temos que aprender de ti!!!!!!!!!!!!!
Ti non quedas parado.
Reclamas a nosa colaboración
para esta tarefa, sublime e elemental,
de darlle a cada persoa un cuarto
nesa casa grande, na túa casa labrega,
que é a humanidade.
Canto temos que aprender de ti!!!!!.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...