Ir al contenido principal

Pentecoste 2023

Remol. Pentecostes.2023

XUNT@S ANUNCIAMOS O QUE VIVIMOS

CANTOS

Entrada.- Pedras vivas

Lecturas.- Manda o teu Espírito (126 )

Ofertorio.- Recibe Señor ( 31 )

Comuñón.- Quédate, Señor, connosco ( 63 )

ESCOITA ACTIVA

 

Hoxe é Pentecostes, o remate do tempo de Pascua; o comezo do tempo da Igrexa. Esa Igrexa santa e pecadora; esa Igrexa que por veces ten prestado máis atención á súa imaxe que a servir ás persoas, pero tamén esa Igrexa que ao longo de dous mil anos, entre luces e sombras, ten sido faro de acollida, servizo, solidariedade e loita pola paz.

            Cando a Igrexa se deixou levar pola ansia de poder e polo afianzamento como institución, foise afastando do Evanxeo, para converterse en foco de poder e dominio. Porén, cando ten mirado ao Evanxeo, á persoa de Xesús, ao testemuño de homes e mulleres que foron capaces de dar a vida por defender aos máis débiles, mostrouse como relampo de presenza do Espírito Santo e continuadora da misión que Xesús lle encomendou a aquelas persoas que o seguiron na primeira hora.

            Que nós, aquí e hoxe, saibamos ser continuadores e continuadoras desta presenza do Espírito Santo, traballando por ser unha Igrexa inclusiva, igualitaria, servizal e sempre defensora das persoas máis débiles.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

 

·      Por non ter posto a nosa mirada nas persoas máis débiles tendéndolle  a nosa man. Señor, que o Espírito Santo nos leve da túa man.

·      Por non ter posto o noso corazón na busca da igualdade e a aceptación de tódalas persoas. Cristo, que o Espírito Santo nos leve da túa man.

·      Por non ter posta as nosas mans ao servizo daquelas cousas que defenden sempre ás persoas por riba das ideas. Señor, que o Espírito Santo nos leve da túa man.

PALABRA PROCLAMADA

 

A PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Cando se cumpriron os días de Pentecostes, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de tódalas nacións da terra. O se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros: "¡Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? 9Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

 

PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

Ninguén que diga "Arrenegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.

Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. 5Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.

Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:

‑Paz convosco.

Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:

‑Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

‑Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

 

PALABRA ENRAIZADA

 

·      A Igrexa, formada por homes e mulleres diversos, plurais, con pensamentos diferentes e situada en realidades xeográficas distintas, convértese nunha igrexa de amplitude, universal, e non de restrición; de concreción e non de abstracción; de  diferenza e non de uniformidade. Entender isto, e facelo desde a Palabra que vai iluminando a nosa reflexión e a nosa vida, supón que non nos deixemos levar por andrómenas ideolóxicas nin por defensas indefendibles do que nela se fai, se di, se vive ou se proxecta. 

 

·      Cando falamos da Igrexa falamos de persoas, non falamos de  idealizacións que non responden ao que está pasando. Por iso é tan importante diferenciar entre o que facemos e o que deberiamos de facer. Sexan estes palabras ou feitos realizados polo papa, bispos, curas ou leigos. Son os feitos, non as abstracción teóricas e ideoloxizadas, os que dan a fondura, ou non, ao noso vivir cristián. Isto esíxenos ter sempre os ollos ben abertos para coñecer, distinguir, comprender e vivir. O que nos exixe e urxe un actuar de honestidade e un vivir na coherencia. 

 

·      E para isto precisamos aprender a discernir desde o Evanxeo, non desde posicións de poder e dominio, e con reflexión. Un discernimento no que a presenza do Espírito Santo vaise converter na compañeira que non nos deixe equivocarnos, ou defender posicións claramente en contra do humanismo de graza e salvación que nos ofrece a fe en Xesús. Non manipulemos ao Espírito Santo no nome do “deus” que nós construímos a nosa imaxe e semellanza!; non defendamos a quen simplemente busca poñer á institución, e o seu propio orgullo e prestixio, por riba das persoas!; non fagamos da verdade a nosa única verdade, excluíndo a quen non pensa coma nós, non reza coma nós, non celebra coma nós ou non sente o amor e a felicidade do mesmo xeito ca nós! A presenza do Espírito Santo non é para xulgar aos demais coa dureza de quen exclúe a quen é diferente, senón para aprender a  discernir, diferenciar, entender que Deus é o Pai que sempre abre os seus brazos porque o que busca é querer, amar, acoller, comprender e... tentar que sexamos felices. E por iso, e para iso, nos ofrece o Espírito de paz, que non de confrontación nin de defensa do “status” de poder e mando. Por iso onte, hoxe e mañá, seguiremos celebrando que é Pentecostes!

ORACIÓN COMPARTIDA

 

            Na sinodalidade de ser Igrexa  en participación e sen prexuízos, rezamos dicindo: QUE O ESPÍRITO SANTO SEXA VENTO DE RENOVACIÓN.

·      Para que sexamos Igrexa de comunidade e servizo, e non Igrexa de Institución e poder. Oremos: que o Espírito santo sexa vento de renovación.

·      Para que construamos parroquias nas que camiñemos xuntas e xuntos, e non parroquias de prexuízos, exclusión e enfrontamento. Oremos: QUE O ESPÍRITO SANTO SEXA VENTO DE RENOVACIÓN.

·      Para que nós non fagamos da Igrexa unha idea abstracta e de consumo, e sí unha Igrexa de tolerancia, servizo, pacificadora e sabendo alimentarse do Evanxeo. Oremos: QUE O ESPÍRITO SANTO SEXA VENTO DE RENOVACIÓN.

Grazas, Señor, por deixarnos como compañeiro da nosa viaxe a presenza do Espírito Santo. Que El nos axude a non desviarnos do camiño do Evanxeo. Por Xesucristo o noso señor. Amén.

 

SILENCIO AGARIMOSO

Invítovos a soñar. Porque nese soño vainos a felicidade. O Señor quérenos felices, a nos chama. Iso é o que nos manda anunciar. Podémonos preguntar: Que teríamos que facer para ser máis felices? Que tería que facer eu para que o soño de Xesús se faga realidade? Con frecuencia perdémonos no labirinto das ideas, ideoloxías e relatos. Busquemos tempos e espazos para escoitar no silencio. Deixemos que as palabras que Xesús proclamou desde o monte resoen na terra cha da nosa vida e cheguen ao noso corazón: “Felices os pobres no espírito, deles é o Reino dos ceos!” (Mt 5,3).

A Igrexa naceu en saída. Estaba encerrada no cenáculo e, despois, saíu. E debe permanecer en saída. No debe volver a encerrarse no cenáculo. Xesús quixo que fose así. E «fóra» significa o que eu chamo «periferias», existenciais e sociais”. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...