Ir al contenido principal

6 Domingo Pascua 2023

DÉIXATE CATIVAR POLO SEU ROSTRO DESGASTADO

CANTOS

·      Entrada: Que ledicia miña (Nº 4)

·      Lecturas: Déixate querer (Nº 61)

·      Ofertorio: Recibe Señor (Nº 31)

·      Comuñón: Gracias, Señor, graciñas (Nº 50)

 

MIRADA AGRADECIDA

 

Hoxe a Igrexa española celebra a Xornada da Persoa Enferma. E na mensaxe que para este dia escribiu o papa Francisco dinos que: “a enfermidade forma parte da nosa experiencia humana. Pero, si se vive no illamento e no abandono, se non vai acompañada do coidado e da compaixón, pode chegar a ser inhumana”. Invítanos logo o papa a evitar a “cultura do descarte” e da exclusión para camiñar sinodalmente, xuntas e xuntos, diante das persoas enfermas, para ser, “segundo o estilo de Deus”, cercaníacompaixón e tenrura.

            Dispoñámonos logo a compartir este momento de encontro comunitario reforzando o noso compromiso de facerlle a vida a maiores e enfermos que temos ao noso lado, máis feliz e máis humana.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

 

·      Porque ante as persoas enfermas non somos quen de responder con humanidade. SEÑOR, CÓIDANOS PARA QUE COIDEMOS.

·      Porque nos sobra tempo desperdiciado e nos falta tempo compartido e acompañado. CRISTO, CÓIDANOS PARA QUE COIDEMOS.

·      Porque as persoas maiores e enfermas non están nas nosas prioridades de concretar e vivir a fe. SEÑOR, CÓIDANOS PARA QUE COIDEMOS.

 

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Felipe baixou á cidade de Samaría e predicóulle-lo Mesías. O pobo, dun acordo, atendía ó que dicía Felipe, sentindo e vendo os sinais que facía; pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados. A cidade encheuse de alegría.

O sentiren dici-los apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán. Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús. Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO

 

Benqueridos irmáns e irmás:

Adorade a Cristo coma Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro. Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien. Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facérde-lo ben, que por facérde-lo mal.

Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados, o xusto polos pecadores, para  Vos achegar a Deus; sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Se me amades, gardaréde-los meus mandamentos, e eu rogareille ó Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir. Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el. Palabra do Señor.

 

PALABRA ENRAIZADA

·      Baixar a Samaría: Iso foi o que fixo Felipe. Samaría, como ben sabemos, non era terra ben vista para os xudeus; nin ela nin as persoas que nela vivían. Porén, no evanxeo sempre que aparece Samaría en boca de Xesús é para ofrecernos outra mirada. Unha mirada de humanización, persoal, acolledora e compasiva. Lembremos a conversa coa muller samaritana ao pé do pozo que liamos nun dos domingos da coresma pasada; lembremos tamén a parábola do samaritano que proclamamos non poucas veces nas nosas celebracións. Mesmo o papa Francisco na súa encíclica Fratelli tutti invita, chama e urxe a facer da samaritanía cerne desde o que actuemos, nos comportemos e vivamos. Porque a samaritanía é poñer ás persoas no centro, veñan de onde veñan e estean na situación que estean, como primeiras; na razón de querer levar dignamente o nome de seguidoras e seguidores seus. Sen samaritanía, non podemos chamarnos crentes, cristiáns, seguidoras e seguidores Del. E a samaritanía remítenos a non ter présa, a pensar antes de actuar, a ter sempre unha mirada compasiva e humanizadora desde a que poñer as mans que acollen, os oídos que escoitan e o corazón que aquece no noso achegarnos aos irmáns e irmás.

 

·      Neste día da Xornada das persoas enfermas esta palabra que acabamos de escoitar impacta directamente nos nosos corazóns e na nosa mente, facendo que abandonemos a idea, tantas veces recorrente, de que con ritos e fórmulas externas xa temos gañado ea confianza e a fidelidade a Deus. Porén, a súa palabra segue a insistir que se non somos capaces de pasala polo recoñecemento, a acollida e a capacidade de poñer tempo de calidade a favor dos máis excluídos, nunca chegaremos a comprender o que dicimos cando afirmamos que temos fe e que vivimos como cristiáns e cristiás. A fe, se non a pasamos pola vida, comprometéndoa e implicándonos, non é máis que parafernaliña externa ou unha simple representación teatral. Mais Xesús non quere teatro, El quere vida. E que mellor que neste día pensar como estamos a responder a esta esixencia que nos pon diante de nós. Unha vida que se concreta en non dar as costas a quen está a vivir unha situación de enfermidade ou vai sentindo sobre os seus ombreiros o paso dos anos. Deixémonos logo cativar polos rostros feridos e desgastados que temos preto de nós!

 

·      E para Xesús todos eses rostros feridos que somos capaces de identificar e non ignorar, son os rostros da súa presenza. El vaise facendo presente nos rostros de tantos homes e mulleres que nestes tempos de présas e tecnoloxías que nos individualizan e incomunican das demais persoas, nos están dicindo: párate, fálame, dedícame un pouco do teu tempo. Non te illes, interacciona, tende a man, pon sorriso, comparte... e iso só o podemos facer se facemos do amor non unha palabra baleira, superficial e consumista, senón unha esixencia de achegamento ás persoas, nas que recoñecemos o seu rostro e a súa presenza. Que os rostros desgastados polo fracaso, a desilusión, a tristura ou o desencanto atopen en nós presenza amorosa do Deus de Xesús que non cansa de dicir: quérote!

 

ORACIÓN COMPARTIDA

 

Porque o rostro e a presenza de Deus só se pode manifestar por medio do noso xeito de actuar e tratarnos entre nós, dicimos agora na oración comunitaria: 

QUE A FRATERNIDADE ALENTE O NOSO ACTUAR

·      Para que sendo unha Igrexa samaritana traballemos cada día para que as persoas sexan sempre o centro de canto dicimos, facemos e rezamos. Oremos. 

QUE A FRATERNIDADE ALENTE O NOSO ACTUAR

·      Para que as persoas maiores e enfermas das nosas parroquias sintan sempre a nosa cercanía, a nosa fraternidade e a nosa solidariedade real efectiva. Oremos.

QUE A FRATERNIDADE ALENTE O NOSO ACTUAR

·       Para que nunca deamos as costas ás persoas que nos precisan, para saber ofrecerlles o noso sorriso, a nosa palabra, o noso recoñecemento, a nosa axuda e sempre a nosa samaritanía, ao estilo de Xesús. Oremos

QUE A FRATERNIDADE ALENTE O NOSO ACTUAR

Nas túas mans, Señor, poñemos a nosa oración comunitaria, para que nin as présas nin o noso individualismo nos levan a esquecer ás persoas máis vulnerables que temos preto. Por Cristo o noso Señor. Amén.

SILENCIO ALBOROZADO

               A Encíclica Fratelli tutti, como sabedes, propón unha lectura actualizada da parábola do bo samaritano. Escollino como eixo, como punto de inflexión, para poder saír das «sombras dun mundo pechado» e «pensar e crear un mundo aberto» (cf. n. 56). De feito, existe unha profunda conexión entre esta parábola de Xesús e as moitas formas en que hoxe se nega a fraternidade. En particular, o feito de que o golpeado e desposuído quede á beira da estrada representa a condición na que quedan moitos dos nosos irmáns e irmás cando máis necesitan axuda. Non é doado distinguir que ataques á vida e á súa dignidade veñen de causas naturais e cales, en cambio, proceden da inxustiza e da violencia. En realidade, o nivel de desigualdades e a prevalencia dos intereses duns poucos afectan xa a todos os ambientes humanos, ata tal punto que resulta difícil considerar calquera experiencia como “natural”. Todo o sufrimento ten lugar nunha “cultura” e no medio das súas contradicións.

                

(Da mensaxe de Francisco para a Xornada do Enfermo 2023)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...