Ir al contenido principal

5 coresma B 2024

O Deus da Alianza que fala aos corazón e camiña sempre ao noso carón

CANTOS

            Entrada.- Unha certeza nos guía ( 60)

Lecturas.- Dános un corazón, grande para amar

            Ofertorio.- Velaqui, Señor, o viño (   )

            Comuñón.- Xesús chamado amigo (  )

Sinal

          No esforzo por facer da coresma tempo no que ir recompoñendo o corazón roto, este domingo engadimos un novo elemento para conformar o corazón renovado na Pascua.

 

OLLOS ABERTOS

 

            Ao longo do tempo de Coresma fomos intentando recompoñer o noso corazón roto. Na nosa vida son moitas as situacións, vivencias, relacións... que nos van desilusionando, entristecendo ou desacougando, por iso a Igrexa pon ao noso dispor estes corenta días, nun tempo no que tanto custa ir a modo e recoñecer erros, para que nos paremos e revisemos como vai a nosa vida.

Neste quinto domingo chegamos ao final, e cada un e cada unha de nós pode dar conta, ou non, deste camiñar querendo cambiar. Esforcémonos logo o deixar atrás todo canto nos ata, nos incomoda, nos paraliza e poñámonos no camiño de renovación e cambio.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

 

·      Por non buscar tempo para recoñecer erros e cambiar. SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NA TÚA MISERICORDIA.

·      Porque  no noso camiñar cústanos sabernos limitados e débiles. CRISTO, ACOMPÁÑANOS NA TÚA MISERICORDIA.

·      Polas veces nas que nos eixamos levar por rutinas que non esperanzan. SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NA TÚA MISERICORDIA.


PALABRA PROCLAMADA

 

Proclamación da profecía de Xeremías 31,31-34

 

Velaquí os días é o Señor quen falanos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel  unha alianza nova; non coma a alianza que pactei cos seus pais, o día no que os collín pola man para os sacar do país de Exipto; pois eles quebrantaron o meu pacto, aínda que eu seguín sendo o seu Señor é o Señor quen fala.

Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel despois deses días é o Señor quen fala: Hei meter a miña lei nas súas entrañas, escribireina nos seus corazóns, serei para eles o seu Deus, e eles serán para min o meu pobo.

Xa ninguén terá que instruír o  compañeiro, xa ninguén terá que instruír o seu irmán, dicíndolle: "Respectade o Señor"; senón que todos eles me farán caso, desde o máis noviño ó máis grande

é o Señor quen fala, pois eu perdoareilles a súa iniquidade, e xa non me lembrarei máis dos seus pecados. Palabra do Señor.

 

Proclamación da carta aos Hebreos 5,7-9

 

El, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión. Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse en causa de salvación eterna, para todos os que lle obedecen, ó mesmo tempo que Deus o proclamou Sacerdote á maneira de Melquisedec. Palabra do Señor.

 

Proclamación do evanxeo segundo Xoán 12,20-33

 

Algúns dos que subían a adorar no día da Festa eran gregos. Achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:  Señor, queremos ver a Xesús.

Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:

Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai. Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? ¡Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.

Chegou entón unha voz do ceo:  Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.

O oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". Xesús interveu dicindo: Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ó príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.

Dicía isto, indicando de que morte había de morrer. Palabra do Señor.

 

 

PALABRA REMOÍDA

 

·      Unha alianza nova.- Deus, como escoitabamos na primeira lectura, renova a súa alianza co pobo de Israel; aquel pobo que conformou en Abrahám, acompañou con Moisés e alentou desde a voz dos profetas ao longo da súa historia de amor no que camiñaron e escribiron xuntos. Ese mesmo Deus, El non cambia, que sempre está coa súa man aberta e tendida, non para sinalar e estigmatizar, senón para acoller e acompañar. Nunca da as costas nin se esquece das persoas. E isto non sempre o entenderon ben no pobo de Israel; tampouco o entendemos nós moitas veces. Por iso precisamos estes tempos fortes, a Coresma é un deles, para que fagamos un alto no noso camiño e, con tranquilidade e sen présa, miremos cara dentro recoñecendo onde están eses puntos débiles que nos fan dar pasos en falso e equivocados; puntos que nos levan a enfrontarnos con quen temos ao lado; actitudes que nos desacougan e, tamén moitas das veces, fan que nos volvamos xordos e cegos ante o que lle pasa aos demais, e insensibles fronte ao mal que nós podemos provocar ou xerar nas demais persoas. Especialmente nas que temos ao lado. Pero, non o esquezamos, a pesares desta nosa insensibilidade, sempre nos invita a recompoñer o corazón, a acoller esa nova oportunidade a volver que nos ofrece.

·      Escribireina nos vosos corazóns.- Neste camiñar en común, neste ofrecer sempre novas oportunidades, neste non darnos as costas nunca, Deus móstrase como amor pleno e enchoupado de confianza. Nós dámonos as costas, a El e aos demais, pero El sempre vai á nosa par coa man tendida. Porque vai escribindo a súa lei de amor nos nosos corazóns para que nunca perdan a calor que os mantén aquecidos; por iso diante das nosas rupturas do corazón, el sempre ten na súa man o fío que os vai volvendo unir para que non nos perdamos nin na tristura nin na desesperanza. Escribir a súa lei nos nosos corazón móstranos que somos dignidade respectuosa, e que, desde ela, recibimos a encarga de  facer do noso actuar dignidade e respecto coas demais persoas. E isto non sempre o cumprimos ou temos en conta, por iso precisamos que de cando en vez dispoñamos de tempo para pensar en que nos temos trabucado e como debemos recompoñer o noso camiño. Que nunca deixemos de ler a escrita que Deus, desde o comezo da nosa vida, escribiu nos nosos corazóns.

 

·      O meu espírito está turbado.-  E precisámolo porque moitas veces perdemos a memoria e acabamos endurecendo ou rompendo o corazón polo noso xeito de actuar e comportarnos. O que nos leva a converternos en persoas turbadas, tristes, sen esperanza, capaces de acumular rancor e de facer dano ás demais persoas. Moitas veces mesmo a quen temos máis preto. A turbación, nunca é bo sinal, e permanecer de xeito continuado nesta turbación convértenos, se caemos nela, en persoas lastradas pola falta de ilusión e sen capacidade de renovación de proxectos e ilusións para seguir camiñando. Para evitar que sexa esta turbación o que nos guíe, precisamos, como acabamos de escoitar no evanxeo , como a semente, morrer a nós mesmos e crecer capacidade de poñer a mirada, o corazón desde a nosa acción, no facer o ben máis alá de nós mesmos/as. Sexamos quen, neste tramo final da Coresma en recompoñer os nosos corazóns para que a Pascua, cando chegue, nos atope renovados e enchoupados de esperanza.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Porque sempre, Señor, vas escribindo nos nosos corazóns a invitación ao amor e respecto de tódalas persoas, queremos agora rezar, con agradecemento, dicindo: QUE TRABALLEMOS PARA DAR FROITO ABONDOSO, SEÑOR.

·      Porque sempre nos chamas a ser unha Igrexa que una, acompañe, alente, escoite e sexa misericordiosa. Oremos. Que traballemos para dar froito abondoso, Señor.

·      Porque vasnos invitando cada día a renovar as nosas comunidades, para que non caian no aburrimento nin a rutina de rezar con indiferenza. Oremos. Que traballemos para dar froito abondoso, Señor.

·      Porque nunca deixas de crer en nós, e vasnos invitando a recompoñer os nosos corazóns rotos, que saibamos deixarnos agarimar por la túa tenrura e actuar cunha misericordia como a túa. Oremos. Que traballemos para dar froito abondoso, Señor.

Porque sempre queres acompañarnos, Señor, a pesares das nosas indiferenzas, dámosche grazas porque invitarnos a dar froitos abondosos de amor, fraternidade e paz. P. X. N. S. Amén.

 

 

RECENDO DE GRATUIDADE

É tempo de actuar, e en Coresma actuar é tamén deterse. Deterse en oración, para acoller a Palabra de Deus, e deterse como o samaritano, ante o irmán ferido. O amor a Deus e ao próximo é un único amor. Non ter outros deuses é deterse ante a presenza de Deus, na carne do próximo. Por iso a oración, a esmola e o xaxún non son tres exercicios independentes, senón un único movemento de apertura, de baleiramento: fóra os ídolos que nos agonían, fóra os apegos que nos aprisionan. Entón o corazón atrofiado e illado desapertarase. Por tanto, desacelerar e deterse. A dimensión contemplativa da vida, que a Coresma faranos redescubrir, mobilizará novas enerxías. Diante da presenza de Deus convertémonos en irmás e irmáns, percibimos aos demais con nova intensidade; en lugar de ameazas e inimigos atopamos compañeiras e compañeiros de viaxe. Este é o soño de Deus, a terra prometida cara á que marchamos cando saímos da escravitude. (Mensaxe para a Coresma de Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...