Só sabendo rectificar seremos quen de superar os nosos prexuízos
CANTOS
* ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)* LECTURAS: Escoita ti a palabra de Deus (Nº26 )
* OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
* COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)
ALENTANDO O CORAZÓN
Dinos a lectura dos Feitos dos Apóstolos que imos proclamar hoxe, que os discípulos de Xerusalén non se fiaban de Saulo, tíñanlle medo, por iso non acababan de crer a súa conversión fose verdadeira. Como lle custaba fiarse daquel que os perseguira e polo que moitos deles acabaron no cárcere!Algo así tamén nos pode pasar hoxe a nós cando facemos da desconfianza a maneira de achegarnos ás demais persoas; cando non nos fiamos do que nos din ou do que fan aqueles que noutro tempo non eran dos nosos. Pero os Apóstolos foron quen de esforzarse por superar os seus prexuízos, e acabaron acollendo e aceptando a Saulo entro os do seu grupo.
Que tamén nós saibamos vencer os nosos prexuízos e volver confiar das persoas.
ACOLLENDO A MISERICORDIA
- Polas nosas desconfianzas e prexuízos. SEÑOR, QUE EVITEMOS XULGAR AOS DEMAIS.
- Polas nosa falta de sinceridade cando nos achegamos aos demais. CRISTO, QUE EVITEMOS XULGAR AOS DEMAIS.
- Pola nosa soberbia que nos fai crer mellores ca os demais. SEÑOR, QUE EVITEMOS XULGAR AOS DEMAIS.
ESCOITANDO A PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Chegado Saulo a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade. Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús. Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. O sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN
Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade.Deste xeito saberemos que vivimos conforme a verdade e sosegarémo-lo noso corazón diante do tribunal de Deus. Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande có noso corazón e coñece todo. Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus e El dáno-lo que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facémo-lo que a El lle agrada.
Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns ós outros, coma el nos mandou. que cumpre cos seus mandamentos, está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Dilles Xesús ós seus discípulos:
Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O sarmento que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.
Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós os sarmentos. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus. Palabra do Señor.
REMOENDO A PALABRA
- A medida que nos imos adentrando no tempo da Pascua, imos descubrindo dúas cousas fundamentalmente: que a primeira comunidade sentíase chamada a ser testemuña de todo canto lle transmitiran de Xesús e a súa mensaxe. Asemade a medida que ía pasando o tempo, os seus vínculos de unión eran cada vez máis estreitos, o que mostraban queréndose, axudándose e sempre estando pendentes para que ninguén se vise excluído/a ou arrinconado e sen atención por parte dos demais. Isto trouxo como consecuencia que aquel grupo de persoas fora crecendo cada vez máis, namentres o seu testemuño supuña unha referencia de coherencia e verdade para canto os ían coñecendo. Era así como ían vencendo atrancos e dificultades, á vez que se protexían e termaban unhas persoas doutras. Deste xeito, tentaban mostrar co seu comportamento todo canto os Apóstolos lles foran contando sobre Xesús e a súa mensaxe, o que os fixo que perdesen medos e comezasen a dar razón da súa esperanza.
- Tendo isto presente, podemos entender o que lles foi pasando con Paulo. É dicir, como foron perdéndolle o medo e ganando a súa confianza. E iso que o medo non era infundado, senón que respondía ao comportamento que Paulo tivera para con eles ata antes da súa conversión camiño de Damasco. Dinos a primeira lectura que unha vez lle perderon o medo, foron quen de achegarse e comezar a traballar xuntos no anuncio da Boa Nova do Señor.
- Poderiamos preguntarnos, á luz desta palabra que vimos de escoitar, se tamén na nosa vida somos capaces de ir perdendo o medo e a desconfianza cando alguén chega a nosa comunidade; se somos quen de non ter prexuízos cando alguén se nos achega e nos pide perdón; se somos conscientes de que só mirando cara adiante e aprendendo a confiar unhas persoas nas outras acadaremos ser verdadeiras testemuñas, como non cansaba de insistirlle Xesús aos Apóstolos. Fagamos logo que esta palabra dea verdadeiro froito na nosa vida e non sexa eco que escoitamos ao lonxe e non lle prestamos atención.
- Porque só se somos quen de ir deixando atrás esas falsas comprensións que temos das persoas, de como elas viven e son, podermos converternos en verdadeiros sarmentos saídos da vide; esa vide que da o mellor froito porque o alenta, o anima, e o descobre como presenza de Xesús nela. Se queremos ser sarmento cheo de froito debemos revisar as nosas actitudes, para que non se queden en palabras retrouso que poden soar moi ben, pero acaban por ser simple oco baleiro de contido.
- Esforcémonos entón para que a nosa vida sexa un camiñar unidos á vide que se nos mostra como dignidade compartida que a todos iguala e a ninguén discrimina. Esforcémonos por ser testemuñas de acollida de persoas que buscan ser escoitadas e acollidas. Fagamos da fe relambo de alegría que mova a nosa vida sen prexuízos e con fraternidade.
COMPARTINDO A ORACIÓN
O Deus que nos dá a Xesús como Vida que anima e alenta a nosa vida, aléntanos a compartir agora a nosa oración comunitaria dicindo: QUE SAIBAMOS RECOÑECER A DIGNIDADE EN TÓDALAS PERSOAS.- Que sexamos Igrexa sarmento dos mellores froitos: solidariedade, colaboración, fraternidade e participación. Oremos.
- Que sexamos Parroquia sarmento de misericordia, igualdade, axuda e creatividade. Oremos.
- Que sexamos sarmento de vida esperanzada, alegre, acolledora e servizal. Oremos.
Comentarios