1.- Liturxia da luz
FACÉNDOTE PRESENTE NO LUME BENDICIDO
Xesús abriunos camiño. Nós, seguindo os seus pasos, comezamos a camiñar na busca da esperanza tantas veces desaparecida da nosa vida pola tristura e a dor. Esta noite, sabéndonos en camiño da comuñón pascual, reunímonos ao redor do lume, sempre purificador e engaiolante, para comezar a camiñar seguindo a luz de Xesús. Unha luz que se nos mostra no cirio pascual que vai abrindo camiño e marcándonos o paso, para que poidamos avanzar, superar dificultades e non deixarnos vencer polas tebras que escurecen o noso camiñar.
Fagamos desta noite experiencia de novidade renovadora e de presenza de Deus que nos deixa a luz de Xesús como compañeira neste noso camiñar cara á resurrección.
A) Bendición do lume
Señor, por medio do teu Fillo Xesús, déchesnos a terra, o aire, a auga e o lume. Neles estás Ti coma principio e orixe de todo. Señor, coa presenza dos membros da nosa comunidade, queremos bendicir +este lume, sinal de túa presenza, e luz no noso camiñar cotián.
Que a Pascua que agora comeza prenda en cada unha e en cada un de nós para poder abrir brazos e agarimar, no teu nome, a tantos irmáns e irmás que agardan de nós a aperta solidaria do teu amor. P.X.N.S. Amén.
B) Logo da bendición do lume, acéndese nel o cirio pascual.
(Unhas poucas persoas acenden as súas candeas no cirio, e despois van acendendo coa súa candea as dos demais, ata telas todas acendidas).
C) Camiñando para aquecer o corazón:
CAMIÑANDO POLA VIDA (Nº 9)
D) Anunciando o comezo da festa: Pregón pascual (con todas as luces apagadas, só mantemos prendidas a luz do cirio e as das nosas candeas)
Con alegría compartida unámonos para dicir:
GRAZAS POR AQUECERNOS O CORAZÓN
Aquezamos o corazón desde a vida compartida en alegrías e dores. Rompamos toda cadea que escraviza e desespera, facendo que se nos peguen a envexa, a soberbia, a inxustiza, a insolidariedade, o sufrimento, a corrupción, o despilfarro, o medo, o engano, a enfermidade, o fracaso, a soidade... e todo canto nos doe.
GRAZAS POR AQUECERNOS O CORAZÓN
Nesta noite de esperanza, Deus camiña á nosa beira, ofrecéndonos a súa man, polo deserto da vida.
Na súa nova creación somos imaxe querida de Deus, e vida sempre nacida.
Recreación do amor para nós sempre ofrecido,
de xeito que o camiño se faga vía compartida en esperanza ofrecida nunha fe sempre acollida.
GRAZAS POR AQUECERNOS O CORAZÓN
Polos desertos da vida, Ti sempre nos acompañas; hoxe somos o teu pobo que comparte, axuda e guía a quen busca o alborexar do digno en igual respecto
no que Ti, Deus da igualdade, cos mesmos ollos nos miras.
GRAZAS POR AQUECERNOS O CORAZÓN
Superando todo atranco, e sen deixarnos enganar, nesta noite de esperanza, Deus nós queremos estar. Para camiñar contigo e así poder cambiar, o corazón arrefriado pola pedra do rancor, a envexa ou a soberbia que non o deixan latexar. Para volverse aquecido desde o amor para alentar.
GRAZAS POR AQUECERNOS O CORAZÓN
E se o Pai nos deu o mundo, e ao seu Fillo El nos mandou, agora é tempo do Espírito que nos fai aletexar na vida nova que xuntas e xuntos, nós queremos renovar en paz, amor e harmonía para así resucitar. Camiñando na esperanza enchida de boa irmandade, construíndo un mundo novo camiñando sempre á par.
GRAZAS POR AQUECERNOS O CORAZÓN
Cristo vive, é a auga limpa, que nos trae a novidade rexenerando a vida para volver comezar a facer un mundo novo de xustiza, amor e paz. Que venzamos a preguiza, sen deixarnos instalar na lei do mínimo esforzo que de Ti nos ha afastar.
Que medremos, cada día, e sempre sen recuar, na túa fraternidade.
GRAZAS POR AQUECERNOS O CORAZÓN
Si, irmás e irmáns: Cristo vive, non o podiamos calar. El chámanos esta noite a anuncialo de verdade. Dun cabo ao outro do mundo, sen deixalo de berrar: aleluia, gloria a Deus.
A noite vai indo xa. Xa amence, chega a alba, o día está a chegar, traendo a mellor noticia que nós puideramos dar: Cristo vive, vai con nós, comezade a camiñar, que inda que o camiño é longo, El nunca nos vai deixar.
Aleluia, veña xa, corazóns ben aquecidos, El tráeos para acá.Acéndense as luces e cantamos/rezamos o GLORIA (Nº 14))
REMOENDO A PALABRA DESDE O CORAZÓN
- Acabamos de proclamar a Palabra de Deus, e nesta noite esta Palabra convértese en anuncio de salvación para todas as persoas que a queiramos pasar polo corazón en proceso de quecemento. Non é unha palabra fría, teórica, abstracta ou rutinaria, senón que é Palabra que fai que os nosos corazóns latexen ao experimentar que o paso de Deus pola nosa vida cámbianos a mirada e o obxectivo desde e polo que camiñar. Deus, a través da súa Palabra, ofrécenos, entre tanta violencia, crispación, enfrontamento e desencanto un proxecto de salvación que se vai desenvolvendo ao longo da historia. Na historia pasada e no aquí e agora do noso tempo e dos nosos días.- Acollemos o don da vida no Deus creador, pero esta acollida non é para someternos aos desexos dun Deus dominador e manipulador, ao contrario!, dinos o libro da Xénese que Deus acompaña no comezo da vida e ao longo da mesma. Como fixo con Israel en Exipto acompañando ao seu pobo, ou cambiándonos o corazón de pedra, frío e distante, por un corazón de carne e aquecido capaz de querer e entregarse para facer a vida das demais persoas moito máis humana, feliz e acolledora. E como lle dicía Paulo aos Romanos, para iso, si, para a vida e a resurrección fomos bautizadas e bautizados en Cristo. Aledémonos e compartamos esta fermosa Boa Nova: se Cristo vive, nós tamén vivimos con El. Compartámolo como fixeron as mulleres, e non teñamos medo, como tampouco o tiveron elas, a dicilo, a anuncialo, a manifestalo con convicción e alegría, interior e exterior. E por que? Porque delas temos recibido a mellor das novas: Cristo vive! E isto non pode quedar só para nós individualmente. É preciso que fagamos partícipes aos demais desta gran novidade. Pero non o esquezamos: testemuñando coa nosa vida e a coherencia dos nosos feitos. Se nos esforzamos por vivilo, ben seguro que o mundo cambiará e con el tamén nós. E para mellor!
3.- Liturxia bautismal
MONICIÓN
A auga, ben cada vez máis escaso, mesmo para nós que sempre tivemos abondo, é signo de vida, purificación e limpeza; por iso a liturxia desta noite quere mostrarnos como Deus nos bendice con ela, á vez que nos invita a non malgastala. E se vén Del, convértese en signo da súa presenza e cercanía.Entoemos agora as ladaíñas da resurrección que nos invitan a limpar o corazón coa auga fresca e clara que nos trae Xesús, véndonos reflectidas e reflectidos no testemuño e na vida daquelas persoas ás que chamamos santas.
A) LADAÍÑAS
Señor, ten piedade.Cristo, ten piedade.
Señor, ten piedade.
Santa María, Nai de Deus, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Miguel, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Xosé, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Pedro, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Paulo, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Francisco de Asís, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Santa Clara, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San André, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Breixo, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Santa María Magdalena, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Mamede, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Santa Comba, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Bieito, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Xoán Bautista, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Simón, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Santo Adrián, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Mateu, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Rosendo, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Froilán, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Martiño, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Ignacio, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Santa Tareixa de Ávila, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Santa Catarina de Siena, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
San Xoán XXIII, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Santa Tareixa de Calcuta, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
S. Óscar Romero de América, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
S. Paulo VI, home de diálogo comunitario, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Dom Helder Cámara, Bispo do pobres, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Ghandi, Luther King e demais testemuñas de paz e amor,
AQUECEDE O NOSO CORAZÓN.
Tódolos homes e mulleres de ben, AQUECEDE O NOSO CORAZÓN.
Pola túa morte e resurrección, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Pola forza do Espírito Santo cada día en nós, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
(Se hai bautizos)
Para que o bautismo incorpore a estas/es fillas/os túas/teus na comunidade, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Para que a auga do bautismo sexa para elas/es símbolo de nova vida, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Xesús, Fillo de Deus e amigo de todas as prsoas, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
Que a túa presenza nos acompañe, Deus de vida e luz. Que o Espírito se faga presente nas nosas tarefas para alentalas e acompañalas. Que a túa man acompañe a acción das persoas que sentimos a ledicia do Evanxeo construíndo unha Igrexa fraterna e misericordiosa. P.X.N.S. Amén.
B) BENDICIÓN DA AUGA (e inmersión do cirio na pía bautismal)
Señor do pan da Eucaristía que nos dás a auga da vida, que realizas nos teus sacramentos obras admirables coa túa presenza invisible, e de xeitos diversos servícheste da auga para significar a graza do bautismo.
Señor do pan da Eucaristía que nos dás a auga da vida, que desde o comezo do mundo quixeches acompañar a presenza do ser humano santificándoo coa compaña do teu Espírito.
Señor do pan da Eucaristía que nos dás a auga da vida, que nas augas do diluvio expresaches o teu proxecto dunha nova humanidade que fose capaz de deixar atrás a angustia, o enfrontamento e as ansias de dominio duns para cos outros.
Mira, Pai, agora esta Igrexa que quere renovarse coa forza da oración e abre para ela a fonte do bautismo. Que esta auga reciba, polo Espírito Santo, a graza do teu Fillo, para que as persoas, creadas á túa imaxe e semellanza, polo bautismo morramos ao vello que levamos en nós e renazamos á luz dunha nova humanidade inaugurada en Xesús e plenificada na súa pascua.
Que a presenza do Espírito Santo, polo teu Fillo + descenda sobre esta auga que hoxe poñemos ao pé da pía bautismal, para que incorporadas e incorporados a Cristo, camiñemos cara á vida nova en esperanza. P.X.N.S. Amén.
C) RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
• Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
• Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
• Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
• Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
• Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
• Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós a lento e esperanza no camiño da nosa vida.
P.X.N.S. Amén.
(Agora recibimos a aspersión coa auga bendicida, que sela o noso compromiso de ser fieis á alianza bautismal)
Canto: A auga do Señor, cambioume o corazón (Nº 124)
Unindo corazóns en oración compartida
A auga do Señor vainos cambiando o corazón, a súa luz móstranos un camiño de esperanza e a comunidade fai que a nosa oración chegue con máis forza a Deus, por iso dicimosQUE O NOSO SEXA UN CORAZÓN DE AMOR
- Para que na Igrexa traballemos para ser relampo de Xesús resucitado co noso actuar, co noso dicir, co noso construír en comunidade, OREMOS.
- Para que tomemos en serio a palabra diversidade, e nunca discriminemos, diferenciemos, excluamos ou invisibilicemos ás persoas por non pensar, crer, votar ou falar coma nós, OREMOS.
- Para que valoremos e coidemos todo canto Deus na creación puxo nas nosas mans e ao noso dispor. Que sexamos quen de respectar, dignificar e protexer esta casa común que compartimos na pluralidade de continentes, razas, xéneros linguas e condicións, OREMOS.
- Para que as persoas máis débiles, necesitadas, fráxiles e doídas das nosas familias, das nosas parroquias, da nosa sociedade e do noso mundo, sintan sempre o noso esforzo por acompañalas, acollelas e defender os seus dereitos, OREMOS.
- Para que nós convertamos esta noite en guieiro e luz no noso camiñar hoxe e todos os días, loitando contra a tentación do desánimo, a tristura e a desesperanza, OREMOS.
4.- Volvémonos coa alegría compartida para poñer os pés na vida
Señor Xesús, mándasnos ser testemuñas da túa resurrección coa nosa vida, si, a de cada unha e cada un de nós, resucitada.Aquí estamos, non individualmente, senón de maneira comunitaria gozando do privilexio de sabérmonos co-partícipes do teu envío: Non imos sós!
Claro que, tamén temos que dicilo, moitas veces non sabemos moi ben cara onde imos, porque nos deixamos levar da túa man. Facémolo porque temos moita confianza en Ti. Que o saibas!, inda que non sexamos capaces de mostralo sempre.
O que si sabemos, e moi ben, é que ti ofrecíchesnos a túa man,
fuches quen de acompañarnos no esforzo de recompoñer os nosos corazóns rotos,
e aquí estamos nesta noite para compartir, celebrar e gozar, entre risos e aleluia, que vives entre e con nós.
Imos entón prometémoscho. Claro, do xeito que nós prometemos as cousas: dando un paso para diante e dous para atrás.
Comentarios