Ir al contenido principal

3 Pascua 2024 B

 

3º Domingo de Pascua.2024

A URXENCIA DE PARTIR O PAN PARA SEGUIR FACENDO CAMIÑO

Canto gozoso

  • ENTRADA.- Bendito ti, Xesús, resucitado  (  )
  • LECTURAS.- Escoita ti a Palabra de Deus ( 26) 
  • OFERTORIO.-  Sementar sementarei
  • COMUÑÓN.-  Ti e-lo pan do ceo (  )

 

ALENTANDO O CORAZÓN

         Volvemos xuntarnos no nome do Señor para compartir o pan, como fixeron aquelas primeiras testemuñas que, seguindo o consello de Xesús, tamén se reunían para celebrar e compartir. Pero non compartían ou celebraban calquera cousa. Non. Celebraban a alegría de saber que Xesús resucitara e vivía entre eles e elas, que non estaban sos, que a vida e mensaxe de Xesús non fora un fracaso. E como non foi fracaso estamos hoxe nós aquí tamén para, como fixeron aqueles primeiros cristiáns e cristiás, partir o pan coa a alegría de saber que a súa esperanza segue entre nós abrindo camiños, acompañando ilusións e propoñendo respecto e dignidade sen facer distinción de persoas. Participemos logo desde esta invitación que non fai diferenzas!

 

ACOLLENDO A MISERICORDIA

o   Polas veces nas que non quixemos compartir o pan. SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DIFERENZAS.

o   Polas veces nas que nos negamos a ser persoas pacíficas. CRISTO, QUE NON FAGAMOS DIFERENZAS.

o   Polas veces nas que renunciamos a ser testemuñas de esperanza. SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DIFERENZAS.

 

 

 

 

ESCOITANDO A PALABRA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Dille Pedro ó pobo:

O Deus de Abraham, de Isaac e de Xacobe, o Deus de nosos pais, glorificou ó seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade. Pero vós rexeitáste-lo Santo e o Xusto; pedistes que indultasen a un asasino, mentres que matastes ó dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas.

Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades; pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas: que o seu Cristo padecería. Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN

 

Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xustificador. El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos senón tamén os de todo o mundo.

3Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos. O que di: "Eu coñézoo" pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada. Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ó máximo. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Os discípulos de Xesús contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no parti-lo pan.

Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:

‑¡A paz sexa convosco!

Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:

‑¿Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.

E dicindo isto, mostróulle-las mans e mailos pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:

‑¿Tedes por aí algo que comer?

Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:

‑A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.

E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:

‑Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mailo perdón dos pecados a tódolos pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. Palabra do Señor.

REMOENDO A PALABRA

 

                                   Neste irse desenvolvendo a cincuentena pascual, imos vendo, coa lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos, como se foi conformando a vida das comunidades. Pouco a pouco, foron entendendo, máis e mellor, todo canto lle ían transmitindo, de palabra e vida, aqueles que estiveran ao lado do Mestre. O que os leva a ir perdendo o medo e a falar cada vez con máis liberdade ao pobo dunha experiencia que os marcou, deixando fonda pegada neles. E aquí está parte do seu éxito, da pegada que ían deixando naquelas persoas que os escoitaban: o medo íase perdendo e a lembranza agradecida do vivido marcaba xa a súa vida, por iso se vían precisados de contalo, pero non de calquera maneira, eles facíano con alegría e sen tristura. De toda esta experiencia, e  atendendo ao que vimos de escoitar no evanxeo, podemos entresacar tres expresións que dalgún xeito van orientando todo o que alí pasou naqueles día, pero tamén todo o que segue a pasar hoxe, dous mil anos despois na vida das persoas que nos chamamos seguidoras e seguidores do Mestre.

o   Partindo o pan. Aqueles primeiros e primeiras cristiás foron quen de recoñecer a presenza do Señor ao partir o pan. Hoxe nós, tamén o recoñecemos no partir o pan que cada domingo nos reúne comunitariamente? Porque partir o pan non é un xesto baleiro de rutineiría, ao contrarío, quere poñer de manifesto que só sendo capaces de superar prexuízos e costumes, poderemos descubrir que hoxe, como ocorreu tamén naquel tempo, o Señor faise presente cando partimos o pan con quen non o ten, cando partimos o pan do tempo compartido con quen está só/a, cando partimos o pan visitando á persoa enferma, cando partimos o pan... cada vez que o pan partido e compartido se volve rostro ao lado do irmán ou da irmá que o precisa, actualizamos canto fixo Xesús, e facemos da nosa vida esperanza.

o   Construíndo paz. En tempos de confrontación e ideoloxización irracional, a fe chámanos a ser persoas de paz, que saibamos responder , tamén hoxe, a invitación que Xesús lles fixo a aqueles primeiros seguidores. No seu paz convosco, que acabamos de escoitar no evanxeo proponse unha liña de continuidade para que nós hoxe sexamos tamén persoas de paz, e que saibamos dar testemuño desta paz coa nosa palabra, os nosos xestos e as nosas maneiras de mirar a realidade. De xeito que fronte á confrontación, nós poidamos poñer man acolledora e pacífica.

o   Para ser testemuñas .Conscientes do que supón achegarnos á mesa e partir comunitariamente o pan e converténdonos en persoas construtoras de paz co noso xeito de tratarnos e preocuparnos polo que está a pasar ao noso redor, ímonos convertendo en testemuñas do resucitado, dando razón da nosa esperanza coa alegría pascual de quen, sen escapar das dificultades, que as hai, tentar facer da nosa vida testemuño gozoso de que Cristo vive, e nós somos os e as súas mensaxeiras para facelo presente.

COMPARTINDO A ORACIÓN

         Neste encontro comunitario no que partimos e compartimos o pan, facemos memoria compartida de oración comunitaria dicindo: QUE COMPARTAMOS O PAN DA FRATERNIDADE.

o   Para que sexamos Igrexa que sabe compartir, escoitar, dialogar e acompañar. Oremos. QUE COMPARTAMOS O PAN DA FRATERNIDADE.

o   Para que nos esforcemos por ser parroquias renovadoras e misioneiras, abandonado costumes e ritos que non mostran a alegría nin a igualdade do proxecto de Xesús. QUE COMPARTAMOS O PAN DA FRATERNIDADE.

o   Para que a nosa vida sexa renovada pola forza da esperanza de saber que a resurreccións de Xesús chámanos a todas e todos nós a resucitar ao novo, creativo e renovador. Oremos. QUE COMPARTAMOS O PAN DA FRATERNIDADE.

Señor, que sempre teñamos azos para unir, reunirnos, celebrar e compartir a fe desde a acollida e a misericordia. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

LATEXANDO NA TENRURA

Cando celebramos a Resurrección de Cristo, estamos a celebrar tamén a nosa propia liberación. Celebramos a derrota do mal e o comezo da esperanza. Na resurrección atopamos a clave da esperanza cristiá: se Xesús está vivo e está xunto a nós, que podemos temer?, que nos pode preocupar? Calquera sufrimento adquire sentido coa Resurrección.

A Resurrección é fonte de profunda alegría. A partir dela, as persoas cristiás non podemos vivir máis con caras tristes. Debemos ter cara de persoas resucitadas, demostrar ao mundo a nosa alegría porque Xesús venceu á morte. A Resurrección é unha luz para as persoas e cada cristián e cristiá debe irradiar esa mesma luz facéndoos partícipes da alegría da Resurrección por medio das nosas palabras, o noso testemuño e o noso traballo polas persoas  máis necesitadas.

 

 

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...