Ir al contenido principal

4 Pascua B 2024

PORQUE É O BO PASTOR, CAMIÑA CON NÓS

CANTOS

* ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
* LECTURAS: Canta, aleluia (Nº 21)
* OFERTORIO: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
* COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ABRINDO OS OLLOS

Todas e todos nós esperamos e pedimos sempre que as persoas que nos gobernan sexan honradas e xustas; que a clase política sexa honesta, que a clase dirixente sexa coherente.... Mesmo dentro da Igrexa desexamos ter responsables que sexan evanxélicos....
Mais na comunidade cristiá non hai simplemente dirixentes e dirixidos, señores e servos, pastores e ovellas..., senón que a irmandade que compartimos úrxenos a traballar en sinodalidade e corresponsabilidade.
Neste cuarto domingo da Pascua, a figura do bo pastor que a liturxia nos presenta non se refire ao bispo e aos curas, senón que nos fala do Bo Pastor que é Xesús, e do pobo de Deus no que todos e todas somos corresponsables, aínda que de xeito distinto.
Fraco servizo lle fai á comunidade e ao Reino de Deus quen se cre superior; pero tamén quen renuncia á súa liberdade ou cre que non vale para nada. Se malo é sentirse “pastor”, considerando aos demais membros da comunidade “ovellas”; non é mellor sentirse “ovella”, considerando a outros membros “pastores”.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a escoitar a voz daquel que, unha vez máis, nos chama a traballar en liberdade pola igualdade.

PARA DESCUBRIR UN CORAZÓN MAGOADO

Porque en demasiadas ocasións vivimos dos demais, en lugar de vivirmos para os demais, SEÑOR, ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA.
Porque ás veces nós tamén te rexeitamos como pedra esquinal da nosa vida, relegándote a unha simple mesa supletoria, CRISTO, ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA
Porque non escoitamos a túa voz, que nos fala de amor, de xenerosidade, de comprensión, de entrega, SEÑOR, ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles:
Xefes do pobo e anciáns, xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os mortos: por El está este home en pé e san diante de vós. El é a pedra que refugastes vós, os construtores, e que se converteu en pedra esquinal.
En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado aos homes, no que nos poidamos salvar.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN

Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é.
PALABRA DO SEÑOR.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas. O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; porque el anda ó xornal e as ovellas non lle importan. Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.
Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.
PALABRA DO SEÑOR.

PALABRA DE ALENTO

* CRISTO, PEDRA ESQUINAL: A Palabra que vimos de escoitar invítanos a botar unha ollada á nosa vida para reflexionarmos sobre si realmente nela Cristo é a pedra esquinal, se experimentamos e vivimos a resurrección que El trae á nosa vida coma Boa Nova, coma nova de salvación. As persoas das primeiras comunidades cristiás tíñano claro, e así se nos vai manifestando nos Feitos dos Apóstolos que lemos neste tempo pascual: El é pedra esquinal, non se nos deu outro nome que poida salvarnos. Porén, para nós, moitas veces parece que ten máis que ver cunha mesa supletoria que usamos ao noso antollo que cunha viga mestra. Utilizámolo cando o necesitamos, cumprimos os domingos e volvémolo esquecer ata a seguinte semana. Hoxe somos convidadas e convidados a caer na conta de que termos a Cristo como pedra esquinal ten que ver coa nosa opción fundamental, co noso punto de referencia á hora de construírmos unha escala de valores sobre a que afianzar a nosa vida.
* PASTORES A SOLDO: É desde aí, desde esa opción fundamental, desde a que se nos invita a pararnos a reflexionar sobre o papel da autoridade, dos líderes, das persoas que dun ou doutro xeito exercen o goberno, ben sexa coma cabezas de familia, ben como responsables das asociacións veciñais, ben por pertencer á xerarquía eclesiástica.... Porque todas e todos podemos caer na doada tentación do autoritarismo, do protagonismo, de chamar a atención, de que nos rendan pleitesía.. Pásanos un pouco coma aos pastores do que nos fala Xesús no evanxeo: que vivían de e non para o pobo, manténdose a distancia, ignorando a fame, o paro, o desemprego, a miseria... na que vivían mergullados. Despois de case 2000 anos, pouco cambiaron as cousas e a nosa xerarquía, en demasiadas ocasións, amosa actitudes que están ben lonxe da de preocuparse polo seu rabaño máis alá das portas do templo e do cumprimento de normas que non teñen en conta nin á persoa nin as súas circunstancias. Nin amor ás persoas, nin coñecemento das súas comunidades, nin preocupación por tender pontes de unión... moitas veces só interesa o número de persoas que acoden á Misa dominical, que se bautizan, que casan pola Igrexa... correndo o risco de seren “pastores a soldo” ou “funcionarios da fe”, que abandonan ao seu rabaño e foxen cando hai problemas ou cando se nos pide un testemuño coherente coa nosa fe.
* ESCOITAMOS A SÚA VOZ. Por iso, fai falla que nos preguntemos que estamos dispostas e dispostos a facer polos demais, que podemos achegar nós para xerar unha nova forma de estar na política, nas asociacións, na familia, na propia Igrexa, no mundo mesmo... Que podemos facer para ser unha comunidade de persoas de servizo mutuo e non unha pirámide que cómpre escalar. Lémbranolo ben Xoán na súa carta cando di que somos fillas e fillos do Deus amor. Porque non haberá unha Igrexa democrática mentres teñamos unha actitude gregaria, mentres cadaquén mire para o seu embigo e busque o seu propio proveito, mentres permitamos que os pastores anden a soldo, sen cariño polo rabaño, mentres non esteamos dispostas e dispostos a poñer algo de nós para o servizo común.

FRATERNIDADE ORANTE

Presentamos a nosa oración a Aquel o que nos dá a vida e que nos chama para que nos poñamos ao servizo da xente. Rezamos dicindo:
QUE SEMPRE ESCOITEMOS A TÚA VOZ
Pola Igrexa, para que nunca esqueza que no seu seo toda autoridade significa servizo, proximidade, dispoñibilidade... e non autoritarismo, pensamento único ou dominación, OREMOS.
QUE SEMPRE ESCOITEMOS A TÚA VOZ
Polas nosas comunidades, para que tendo sempre como pedra esquinal a Cristo saibamos acariñar e acubillar a quen máis sofre: as persoas maiores, as enfermas, as que viven na desesperanza e na tristura, as que están soas, as que se senten inútiles.....OREMOS.
QUE SEMPRE ESCOITEMOS A TÚA VOZ
Polas persoas que, a pesares da incomprensión e, moitas veces, a ingratitude da maioría, non teñen nin medo nin vergoña a entregarse ao servizo de quen está falto de atención, e se sente abandonado, OREMOS.
QUE SEMPRE ESCOITEMOS A TÚA VOZ
Polas persoas que con xenerosidade e ledicia, sen caer na tentación de ter cara de vinagre, loitan e se esforzan por facer presente a Xesús, Bo Pastor, co seu testemuño e a súa dispoñibilidade, OREMOS.
QUE SEMPRE ESCOITEMOS A TÚA VOZ
Por nós, para que dunha vez por todas deixemos de botar balóns fóra e nos comprometamos alí onde estamos para ser testemuñas do Reino de Deus, OREMOS.
QUE SEMPRE ESCOITEMOS A TÚA VOZ
Guía a nosa vida coa túa voz, para que camiñemos como pobo no servizo común e no amor aos máis débiles. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Eu sei
-di o Señor-,
que a misión é arriscada.
Son duros os traballos evanxélicos;
sementar boa semente en terra dura
e limpar os campos de espiños e silvas.
E os froitos, quen sabe?, tan poucos
e con eles, sempre mesturado o xoio.
É dura a tarefa: falar de Deus,
defender ás persoas pobres e oprimidas,
estar coas que perden, coas vítimas,
dicir non ás poderosas e violentas.
Riranse de nós os que mandan,
iran contra nós os que teñen!.
É dura a tarefa: continuar a obra do Señor,
ser testemuñas do evanxeo día a día
e encarnar as benaventuranzas
no noso corazón de pedra.
Por iso, eu estarei con vós,
-di o Señor-,
alentando a forza do Espírito,
e seredes as miñas testemuñas:
profetas, servidores e mártires
Non se perderá a vosa semente, non;
nin quedará infecundo o voso sangue.
Veredes florecer a xustiza,
aínda que sexa inverno,
máis alá dos vosos soños.
Asegúrovolo.
É dura a tarefa que nos encomendaches, Señor.
Cumpre a túa palabra, non nos deixes a ermo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...