Ir al contenido principal

18 domingo TO B 2024

 pan de dignidade e de liberdade que nos convida a abrirnos ao novo

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
  • LECTURAS: As túas palabras, Señor, son espírito e vida
  • OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)
  • COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo (Nº 54)

ESCOITA ACTIVA

Eu son o Pan da Vida diranos Xesús no Evanxeo de hoxe. Pan de dignidade, Pan de liberdade, Pan de acollida, Pan de coidado, Pan de igualdade.... Si, porque unha vez máis convídasenos a compartir Palabra e Pan. Vinde todas as persoas que queirades atopar esperanza, tenrura, solidariedade, acollida, escoita... vinde porque vos quero... e invítovos tamén a vós a que vos queirades.

Deus, no seu amor, dánolo todo e invítanos a facer o mesmo. E se sempre foi importante, hoxe necesita selo moito máis porque son tantas as persoas que ven como os seus proxectos se frustraron e as súas ilusións esmoreceron que temos que ser nós quen esteamos cos ollos moi abertos para facer visible cos nosos feitos a Aquel en quen sempre atoparemos a fartura.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Para que nin pechemos os ollos nin lle deamos as costas ás situacións de pobreza e exclusión, SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.
  • Porque en demasiadas ocasións nós tamén nos movemos polo interese e a nosa comenencia, CRISTO, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.
  • Porque murmuramos dos demais, porque sempre estamos preparadas e preparados para arranxar a súa vida, pero non para botar unha man, SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.

 

PALABRA REGALADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aarón. Dicían: ‑"¡Sequera morrésemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".
O Señor díxolle a Moisés: ‑"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa miña lei.
‑"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".
O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores unha capa de orballo. Cando esvaeu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. Os israelitas, ó que o viron, preguntábanse uns ós outros: ‑"¿Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo. 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS EFESIOS


PALABRA DO SEÑOR 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

En vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle: ‑Rabbí, ¿cando chegaches aquí?
Xesús contestoulles: ‑Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.
Eles preguntáronlle: ‑¿Que temos que facer para realiza-las obras de Deus?
Respondeu Xesús: ‑Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.
Replicáronlle: ‑¿Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? ¿Que podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.
Entón díxolles Xesús: ‑Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle dá vida ó mundo.
Dixéronlle entón: ‑Señor, dános sempre dese pan.
Xesús respondeulles: ‑Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais non terá sede .

PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA ENRAIZADA

Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aarón: Estas palabras que escoitabamos na primeira lectura, tomada do libro do Éxodo, resoan con forza nos nosos oídos. Moisés e Aarón lideraban a saída do pobo da escravitude de Exipto, máis non era unha tarefa doada. A comunidade estaba instalada nunha zona de conforto e saír á intemperie do camiño á liberdade resultáballe difícil. Vivían na escravitude, non eran libres.... pero tiñan pan.... Por iso, cando se presentan as dificultades, cando chega o deserto, bótanlle en cara a Moisés e Aarón o seu actuar. A comunidade non era capaz de abrirse a algo novo, non era capaz de arriscar, de propoñer cambios, de saír do de sempre, aínda que o de sempre sexa a escravitude. Sóannos estas palabras? Cantas veces nós vivimos mergulladas e mergullados na rutina, no cómodo, no de sempre... na escravitude do medo a probar novas fórmulas, a ser persoas creativas? E o que é peor: cantas veces nós tamén murmuramos contra os demais cando as cousas non saen como tiñamos pensado?, cantas veces nós permitimos que o medo nos paralice?.
Vestide a persoa nova, creada a imaxe de Deus, na xustiza e na relixiosidade auténticas.Que ben o entendeu Paulo, que ben llo transmite á comunidade de Éfeso e que ben nos lembra hoxe a todas e todos cando nos convida a ser persoas novas. Pensemos en tantas situacións da nosa vida que necesitan, que precisan, que urxen un cambio. Non teñamos medo e arrisquemos! Non fagamos coma os israelitas que, no cumio da súa contradición, por unha banda, non estaban a gusto co xeito como os trataban os exipcios; pero pola outra, por preguiza e comodidade protestaban polo que deixaran atrás, cando se lles estaba pedindo un esforzo, un cambio nas súas rutinas, un saír das súas zonas de conforto para acadar o que facía tanto tempo perderan: a liberdade! Non teñamos medo a loitar pola nosa liberdade, e non nos deixemos atrapar na rede do conforto que só nos trae desilusión, desesperanza, pesimismo visual, e sensación de que non temos máis ca o que merecemos por non arriscar. Miremos cara adiante, non teñamos medo!
Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais non terá sede. A xente buscaba a Xesús porque, como nos dicía o Evanxeo do domingo pasado, comeran pan ata fartar. Buscábano polo interese, e iso a Xesús lévao a desenmascarar a súa hipocrisía, a súa falta de coherencia e honestidade, a súa pouca disposición a saír da súa zona de conforto. Por iso é tan duro nas palabras que lles dirixe. Fronte a este intento de utilización da súa persoa, e para evitar confusións, Xesús insiste no importante: o pan non é só algo material; o pan remite á dignidade, á necesidade de poñer o mellor de cada quen para facer a vida máis libre, digna, humanizadora e feliz ás persoas que compartimos a Casa Común. Porque a isto é ao que nos urxe, non só invita, o Evanxeo. Saír dos nosos lugares, miradas, relacións... de conforto, para poñer a mirada nas demais persoas, traballar para facer, de verdade, mesa fraterna. Xustiza e promoción das persoas, unha chamada clara que hoxe nos fai Xesús

FRATERNIDADE ORANTE

Deus convócanos cada domingo ao redor da mesa do Pan compartido que nos humaniza e fai da nosa mirada fraternidade. Deixándonos levar desta chamada, dicimos:
DANOS SEMPRE O TEU PAN, SEÑOR
  • Pola Igrexa que formamos todas e todos nós, para que non nos deixemos atrapar na rede do conforto que só nos trae desilusión, desesperanza, pesimismo vital, OREMOS.
  • Polas nosas parroquias, para que non nos deixemos atrapar na rede da murmuración que só nos trae tristura e desacougo, OREMOS. 
  • Por nós, para que non deixemos atrapar na rede do individualismo e do egoísmo e nunca lle pechemos a porta a quen peta nela buscando pan para poder comer e forza para superar dificultades, OREMOS.
Grazas, Señor, por volver convocarnos ao redor da túa mesa de acollida e fraternidade. Que nunca nos afastemos dela. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA 

Non importa se o mantel é de liño ou non, o importante é humanizar a nosa fe, a maneira de vivila desde o compartir. Pero non compartir calquera cousa ao chou, senón compartir a ilusión por ser iguais; compartir que, por moito que algunhas persoas queiran, non somos superiores nin máis uns aos outros; compartir que podemos cambiar cousas sen que o mundo se nos veña enriba; compartir que nesta tarefa non imos sos; compartir que querer prescindir dos demais só nos fai caer no noso bucle de desacougo, desesperanza e tristura interior. Poñamos entón a mesa, non excluamos a ninguén. Que senten nela todas as persoas que queiran, sen pedirlles cartóns de “ortodoxia” formal e ritualista. Rachemos co individualismo... non deixemos endurecer o pan!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...