Ir al contenido principal

22 domingo TO B 2024

FUXIR DAS FALSAS FIDELIDADES, QUE NON AGOCHAN MÁIS QUE MEDO E AUTORITARISMO

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
  • LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
  • OFERTORIO: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
  • COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61)

PARA NON PERDER O PASO

“Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións humanas”. Esta sentencia que escoitaremos hoxe no Evanxeo en boca de Xesús quere chamar a nosa atención para que teñamos o corazón aberto a fuxir das falsas fidelidades. Si. Porque moitas veces, para tranquilizar a nosa conciencia, para agochar o noso medo e a nosa inseguridade, aferrámonos á tradición, a esa frase tan socorrida e lapidaria do “sempre se fixo así”.
Porén Xesús dinos que temos que ser persoas creativas, tamén no eido da fe, sen deixarnos levar da frivolidade que a converte nun negocio ou nun intercambio comercial. Acollamos, xa que logo, a frescura dunha Palabra que nos invita a camiñar deixando atrás rutinas e cultos baleiros que só escravizan.

CO CORAZÓN FERIDO

  • Porque moitas veces nós tamén rexeitamos os teus mandados e agarrámonos ás tradicións, SEÑOR, QUE A NOSA FE SEXA VIVA.
  • Porque moitas veces tamén caemos na hipocrisía e na lei do funil á hora de relacionarnos coas outras persoas; CRISTO, QUE A NOSA FE SEXA VIVA.
  • Porque en demasiadas ocasións, por unha falsa fidelidade á letra, temos sementado infelicidade, fanatismo e afastamento na vida da xente; SEÑOR, QUE A NOSA FE SEXA VIVA. 

UNHA PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega. Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lle quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, o voso Deus, que eu vos impoño.

Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ó escoitaren todos estes mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, pois que nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? E que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño?.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO

Benqueridos irmáns e irmás:

Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.

Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.

A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e mailos escribas preguntáronlle:

-       ¿Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?

El contestoulles:

-       ¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:

Este pobo hónrame cos labios,

pero o seu corazón está lonxe de min.

Danme un culto inútil,

porque a doutrina que ensinan

non son máis que costumes humanos.

Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.

E convocando á xente, dicíalles:

-       Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha. Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. Todos eses males saen de dentro e manchan o home

PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE AGROMA

“Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lle quitedes nada”. Estas palabras recollidas no libro do Deuteronomio queren ser unha chamada de atención para todas aquelas persoas que, no nome de Deus, cangan pesadas cargas no ombreiro da xente e non moven nin un dedo para axudar a levalas. Si, desgraciadamente hai moitas persoas que dicíndose cristiás, non teñen experimentado a liberación de Deus e seguen ancoradas na morte, no demo, no pecado.... engadindo novos mandamentos ou mesmo reducindo o Decálogo ao sexto mandamento, coma se os demais non existisen. Como noutro tempo lles pasaba aos fariseos, poñen o grito no ceo polo documento ao respecto das bendicións ás parellas non casadas sacramentalmente e ás parellas homosexuais; non se cortan en dicir ben alto que Francisco estase cargando a Igrexa, berran porque non nos axeonllamos na consagración, porque as celebracións son en galego, porque hai celebracións da Palabra, porque se fala do papel da muller na Igrexa, porque... Tantas e tantas cousas que, en demasiadas ocasións, afogan o que debera ser o principal: o amor. Porén, esas mesmas persoas non din unha palabra a propósito do nepotismo dentro da Igrexa, da crise, do mercadeo relixioso, dos abusos ás persoas máis débiles, non queren asegurar ás súas empregadas do fogar (ás que elas lle chaman criadas), non se cortan un pelo por comerlle a suor a quen desenvolve un traballo para elas, non se escandalizan diante de gastos superficiais e ostentosos para seguir mantendo o boato e a aparencia........ Eses son, para elas, temas que non teñen que ver coa relixión, faltaría máis!!!!!!!.
Se cadra, Xesús tamén nos faría hoxe a nós a mesma réplica que lles fixo a eles: diríanos que somos hipócritas, por converter as celebracións nun negocio, nun espectáculo alleo á comunidade, cun esquema ríxido ás veces lonxe da vida das persoas que nelas participan. A relixión redúcese a un conxunto de prohibicións ou normas a cumprir (coma se se tratase dunha desas cartillas dos xornais que temos que encher cos cupóns) e ten pouco que ver cunha proposta para que a nosa vida sexa máis feliz. E nós, como comunidade, non caemos tamén na tentación de ocuparnos e preocuparnos polo exterior e non polo interior: pola cantidade de curas que hai nun funeral, por “pagar” uns servizos relixiosos, por ter unha misa só polos meus defuntos, porque o meu ramo sexa o máis bonito, porque o templo estea ben fermoso para o bauticeiro, a comuñón ou a voda dos meus?. De verdade a meirande parte da nosa xerarquía, empezando polos bispos, están preocupados pola xente?; seguro que os nosos pastores coñecen ás persoas que forman as comunidades ás que serven, comparten as súas tristuras, as súas ledicias, as súas inquedanzas; traballan por construír parroquia, pobo, Reino?. Pois iso é o verdadeiramente importante. Como ben nos di Santiago, a vedadeira fidelidade é a do corazón limpo, sinxelo, sen dobres lecturas, nin intentos de quedar ben diante dos demais, a relixión verdadeira pasa por mirar polos orfos e polas viúvas, polas persoas máis vulnerables.
Pero nós establecemos unhas normas e tradicións e colocámolas no lugar de Deus, mesmo por riba da súa vontade: non hai que pasar por alto a máis mínima prescrición, aínda que vaia contra o amor e fira ás persoas. Desde esta perspectiva é explicable que moitas persoas busquen refuxio nunha ortodoxia reforzada, un corpo doutrinal seguro, un código de conduta ben definido, unha organización relixiosa forte. Por que?. Pois porque en realidade non están seguros da súa fe, que non é máis que unha coraza detrás da cal agochan as súas frustracións e os seus sentimentos..... Unha fe así é unha pesada carga sobre os ombreiros, porque non é liberadora. Unha fe así non é fe, é fanatismo. A fe verdadeira sempre debe cuestionar, porque sempre é busca, un camiñar descubrindo en cada momento e situación cal e como ha ser a nosa fidelidade ao o único que nos debera importar: Cristo.

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Deus chámanos a darlle culto desde e co corazón, por iso dicimos:
QUE A NOSA FE SEXA LIBERADORA
  • Para que como Igrexa non caiamos nunca no fanatismo, que nos impide descubrir que a fidelidade está na intención dos corazóns, e non na superficialidade dos feitos, Oremos.
  • Para que nas nosas comunidades non nos escandalicemos do que fan os demais, e nos esforcemos por mirar cara dentro de nós, para descubrírmonos como persoas precisadas de misericordia e perdón; OREMOS.
  • Para que sexamos capaces de descubrir que o seguimento de Xesús non é unha doutrina, senón un estilo de vida que nos invita a aportar e non a condenar, a acoller e non a satanizar; a entender e non a xulgar, OREMOS.
Grazas, Señor, porque o único que nos pides é que sexamos capaces de amar moito. P.X.N.S. 

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Señor, grazas por espertarnos do soño da responsabilidade.
Grazas por descargar as nosas mochilas de seguridades inútiles
e de necesidades falsas.
Grazas por dicirnos con voz amiga: camiñade lixeiros e lixeiras de equipaxe.
Agora xa sabemos escoitar a túa voz e o seu eco no abrente.
Estamos aprendendo a alixeirar as nosas costas, a camiñar erguidas e erguidos, gozando da túa compaña.
Agora, Señor, sentímoste ao noso carón e non nos pesan nin a vida nin o seguimento das túas pegadas.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...