Ir al contenido principal

19 domingo TO B 2024

SE NON ES QUEN DE FALAR BEN, CALA. NON MURMURES

 

 CANTOS

Entrada.- Xurdirá ( 128 )
Lecturas.- A túa palabra (25 )
Ofertorio. Velaquí (37 )
Comuñón.- Pan do ceo, pan de vida ( 44 )

ABRÍNDONOS AO COMPARTIR

Volve ser domingo. Volvemos reunirnos na casa común da comunidade: o templo. Deus convócanos, nós respondemos. Fagámolo seguindo as súas pegadas, unhas pegadas que hoxe se nos ofrecen como pan para camiñar afastándonos da murmuración, a envexa, o desprezo ou o rancor para coas demais persoas.
Comecemos logo poñéndonos na súa man, e deixándonos alentar pola súa palabra. Palabra que quere ser alimento, que nos axude a avanzar, a pesares dos atrancos e dificultades que imos atopando no día a día da nosa vida.

PRECISADOS DE MISERICORDIA

  • Porque precisamos da túa misericordia. SEÑOR, ALIMENTA O NOSO CAMIÑO.
  • Porque nos esquecemos de que somos persoas iguais e merecemos o mesmo respecto. CRISTO, ALIMENTA O NOSO CAMIÑO.
  • Porque esquecemos moitas veces que a fraternidade é o camiño ao que nos invitas. SEÑOR, ALIMENTA O NOSO CAMIÑO. 

PARA ACOLLER A PALABRA 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

Elías seguiu polo deserto, un día de camiño. Alí foi sentar debaixo dunha xesta, e pediu a morte, dicindo: ‑"Xa chega, Señor. Quítame a vida, pois non vallo eu máis cós meus pais".

Deitouse á sombra da xesta e durmiuse. Un anxo tocouno e díxolle: ‑"Érguete e come". Mirou Elías e viu á súa cabeceira unha bica cocida no rescaldo e un xerro de auga. Comeu e bebeu daquilo e volveuse deitar.

Tornou de segundas o anxo do Señor e tocouno, dicíndolle: ‑"Érguete e come, que che queda moito camiño". Ergueuse Elías, comeu e bebeu e, coa forza daquel sustento, andou corenta días coas súas noites, ata o monte de Deus, o Horeb.Palabra do Señor

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

Irmáns e irmás:

Non aflixades ó Santo Espírito de Deus, que vos selou para o día da redención. Arredade de vós toda retranca, carraxe, ira, berros ou aldraxes e calquera outra maldade; máis ben sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente, coma Deus vos perdoou en Cristo.

Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos, e camiñade no amor, igual ca Cristo, que vos amou e que se entregou por nós coma ofrenda e vítima a Deus de recendo agradable. Palabra do Señor.

 

 PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera "Eu son o pan que baixou do ceo", e dicían:

‑¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non lle coñecémo-lo pai e maila nai? ¿Como di, logo "Eu baixei do ceo"?

Xesús respondeulles:

Non esteades aí a murmurar. Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: todos serán ensinados por Deus: todo aquel que escoita ó Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise ó Pai; o único que viu ó Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo. Palabra do Señor

REMOÉNDOA PARA A VIDA

Moitas veces, no canto de aloumiñar, escoitar ou traballar por facer cousas polas demais persoas, dános por criticar, murmurar, ou mesmo desautorizar a aquelas persoas que cada día fan un esforzo por saír das súas zonas de conforto, e facer cousas pola xente. Si, nisto somos, quizais, un pouco mesquiños e mesquiñas, porque non só non colaboramos ou botamos unha man, senón que somos duros, e en non poucas ocasións, pouco veraces co esforzo doutras persoas para que haxa actividades de todo tipo nas nosas parroquias. A nosa pobreza humana lévanos a non aledarnos do que outros fan por nós. Todo o contrario: ocorre que moitas das veces, parece, que nos aledamos do mal alleo. Porén, a Palabra que hoxe temos escoitado dinos que, desde a mirada de Deus, as cousas son distintas. El alédase co ben das persoas, El sufre con quen non o está a pasar ben, El é sempre forza e alenta no camiñar cotián. Por que nos custa tanto entendelo? Por que é a murmuración, e non o recoñecemento, o que nos sae de seu moitas das veces? Cambiemos logo este xeito de ver e entender o noso estar no mundo, e deamos pasos cara adiante recoñecendo e recoñecéndonos con capacidade de traballar polo pan que dignifica, alimenta, alenta, acompaña e fai de nós fraternidade.
O pan, que como lle pasou con Elías, é pan que alimenta e anima; pan que non deixa que o desespero nos invada e nos inhiba; o pan, sempre fresco, que nos dá miradas e perspectivas de esperanza neste noso mundo, e neste momento, tan lastrado pola crispación, o enfrontamento, o odio e a incapacidade de buscar camiños e formas de entendernos. Mesmo que sexa pouco, pero xa é un paso para seguir buscando formas de superacións de odios, xenreiras, envexas ou ansiedades negativas polo ben que lle vai a quen non pensa, sente ou vive coma nós. A Elías, o pan e máis a auga ofrecidos, servíronlle para mirar e sentir doutro xeito. Para deixar atrás o pesimismo que, a todas e todos nós, nos vai chegando e lastrando o noso camiñar. Por que renunciamos a ese pan e a esa auga que refresca, renova, alimenta e esperanza? Sigamos logo andando o camiño sen desesperar diante das dificultades, e sentindo a forza deste Deus que sempre vai connosco.
E nese camiñar váisenos sempre remitindo á presenza de Xesús. El é referente, El é mestre, El é compañeiro na complexa, e moitas veces difícil, realidade da vida que todas e todos temos que vivir. E do mesmo xeito que Xesús non entende a razón pola que o rexeitan, murmuran, critican e queren facer menos Del, tampouco nós podemos caer nesa pedagoxía excluínte que só ve o bo das persoas cando son das nosas ou son importantes, desprezando a todos os demais. Nin o desprezo nin a murmuración estaban, nin tampouco hoxe están, na dinámica de Xesús. Tampouco deben estar na nosa. El segue a ofrecer o seu pan para que nós saibamos tamén ofrecelo aos demais. Deixemos logo que sexa este pan o que nos alimente na fraternidade, o traballo comunitario, a capacidade de saber perdoarnos, e a forza para alentarnos diante da complexidade da vida.

NUNHA ORACIÓN COMPARTIDA

Deus, sempre pan que alimenta, invítanos agora a compartir a oración comunitaria. Acollendo a súa invitación dicimos: TI ES O PAN DE VIDA.
  • Que sexamos sempre unha Igrexa solidaria e acolledora, ao teu estilo, Xesús. Oremos.
  • Que traballemos por ser parroquias que loitan por superar conflitos ,e buscan sempre camiños de entendemento. Oremos.
  • Que saibamos, no noso día a día, deixarnos alimentar pola forza do teu pan. Pan que anima, renova, ilusiona e invita a ser compartido. Oremos.
Grazas, Xesús, por ser pan fresco que alimenta a nosa vida e nos chama a ser compartido. Por Cristo o noso Señor. Amén.

NA QUE DEUS NOS ACOMPAÑA

Toda murmuración é unha conversación en detrimento dunha persoa. É queixarse entre dentes ou en voz baixa. É rachar, murmurar, criticar ou censurar. Por último, búscase sempre desacreditar.
Hoxe en día é habitual ver e escoitar a xente murmurando, xa que forma parte da rutina diaria entre dúas ou máis persoas. A murmuración practícase na casa, no barrio, no mercado, na tenda, na escola, no traballo, na igrexa, na televisión, na radio, nos xornais e en calquera outro lugar.
A murmuración é unha ofensa a Deus, porque mostramos unha falta de amor ao noso próximo e iso é non obedecer ao Señor ao respecto do seu mandamento de amar ao próximo como a nós mesmos. Ademais dana as relacións persoais e grupais, provocando outro tipo de actitudes negativas que dan lugar a conflitos e situacións de violencia. ( L.A. S. )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...