Ir al contenido principal

O medo non garda a viña

DOMINGO XIX DO T.O. (CICLO C)
O MEDO NON GARDA A VIÑA: NON @S PROFETAS DE CALAMIDADES
PÓRTICO
Temos demasiados medos: á liberdade, á verdade, a dubidar, ao cambio, ao novo, a perder posición social, riqueza, privilexios, poder…. e aínda que non teñamos nada que perder, seguimos tendo medo porque nos deixamos levar daqueles que nolo meten no corpo. E este medo fainos retroceder, paralízanos, fainos intolerantes e mesmo agresivos.
Que lonxe esta actitude da Palabra!. “Non teñades medo”, escoitaremos hoxe, sede homes e mulleres de esperanza cristiá, unha esperanza que nos pon en camiño. Dispost@s a deixarnos enchoupar por esta Palabra, comecemos a nosa celebración.
O PERDÓN
Ti, Señor, chámasnos á fe. Polas veces nas que non confiamos en Ti, SEÑOR, VARRE OS NOSOS MEDOS.
Ti, Señor, chámasnos a dar testemuño. Polas veces nas que os nosos comportamentos, as nosas palabras, as nosas actitudes… son verdadeiro antitestemuño, CRISTO, VARRE OS NOSOS MEDOS.
Ti, Señor, chámasnos a pasar polo mundo facendo o ben. Polas veces nas que nos deixamos levar do egoísmo, da comodidade, do pasotismo, SEÑOR, VARRE OS NOSOS MEDOS.
REMUÍÑO
En todas as épocas houbo profetas de calamidades, adicados a anunciar toda clase de males para o futuro. O presente non é unha excepción, e tamén nos nosos días, dun tempo a esta parte, dentro da nosa Igrexa, están a xurdir persoas que profetizan catástrofes e desgrazas, destilando pesimismo e envelenando a vida cotiá cunha visión sombría e funesta. A verdade é que nos agobian tantas cousas: o alimento, a vivenda, o traballo, a saúde, a figura, a familia… Estamos che@s de preocupacións e iso nótase no noso carácter, na nosa presa, no noso estrés, en que nos deixamos invadir polo pesimismo…Fáltanos confianza en Deus, no Deus vivo que non se deixa encerrar nun templo, non se vincula a ningún país nin a ningún grupo social, senón que é un Deus que desinstala, que chama a poñer en camiño, a saír das nosas falsas seguridades, a espertar. Deus quere que rompamos coa instalación, que nos lancemos cara adiante, que fagamos camiño cara unha realidade mellor.
A lectura da carta aos Hebreos ponnos o exemplo de Abrahán, que segue un camiño de fe realmente novidoso e actual:
“Por fe obedeceu Abrahán á chamada”: Tamén cada un e cada unha de nós somos chamad@s por Deus. ¿Cómo respostamos?. ¿Estamos dispost@s a poñernos en camiño?.
“Saíu sen saber onde ía”: A fe é unha aventura arriscada, pero temos sempre a certeza e a seguridade de que Deus acompaña o noso camiño. Por iso cómpre parármonos e reflexionar: aquí e agora, que debo facer?. Porque non debemos esquecer nunca que cómpre saber ler os sinais dos tempos, e que O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN.
“Emigrou á terra prometida… habitando en tendas de campaña”: Vivimos nun sitio concreto, nunha terra, nun barrio, pertencemos a unha comunidade parroquial; e é aí onde temos que inculturar a nosa fe, traballando e potenciando todo aquilo que axude a que a vida das persoas sexa máis agradable, máis digna e máis feliz. A nosa fe debe ser o motor do noso actuar, porque a fe sempre enxendra vida.
A fe en Deus, polo tanto, non nos leva á evasión ou á pasividade, senón que se traduce en coraxe para tomar decisións e asumir responsabilidades. Conduce a afrontar riscos e aceptar sacrificios para sermos fieis a nós mesmos e á nosa propia dignidade. Os cristiáns e as cristiás debemos ser creativ@s, arriscad@s e pacientes. A que esperamos para mergullarnos neste marabilloso e inmenso océano da fe e da confianza en Deus?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, estamos hoxe aquí porque, coma Abrahán, respondemos á túa chamada. Presentámosche agora con confianza a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE NON DEIXEMOS ESMORECER A NOSA FE
Pola Igrexa, para que, fiándose da Palabra de Deus, se afaste dos centros de poder, que limitan a súa voz profética, entregándose a servir sinxelamente aos máis necesitad@s, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS ESMORECER A NOSA FE
Polas nosas comunidades parroquiais, para que co seu actuar anuncien a grandeza da verdade, da xustiza e do amor, ilusionando e ilusionándose con que outro mundo é posible, só depende de nós, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS ESMORECER A NOSA FE
Por cada un e cada unha de nós, que vimos con fe a atoparnos contigo na Palabra vivida e no Pan compartido, para que redescubramos a novidade sempre sorprendente do amor do Pai, e así vivamos confiando sempre nel, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS ESMORECER A NOSA FE
Señor, poñemos a nosa vida nas túas mans, confiad@s en que Ti queres a nosa felicidade. Fai que sempre esteamos dispost@s a camiñar polo camiño do servizo. PXNS.
PARA A REFLEXIÓN
… E dixo Deus:
Se ninguén te ama, a miña alegría é amarte.
Se choras, estou desexando consolarte.
Se es feble, dareiche a miña forza e a miña enerxía.
Se es inútil, non podo prescindir de ti.
Se estás baleiro, a miña tenrura colmarate.
Se tes medo, lévote ás costas.
Se queres camiñar, irei contigo.
Se me chamas, veño sempre.
Se estás canso, son o teu descanso.
Se pecas, son o teu perdón.
Se me necesitas, estou aquí, dentro de ti.
Se estás ás escuras, son lámpada para os teus pasos.
Se queres conversar, escoito sempre.
Se me miras, verás a verdade do teu corazón.
Se non tes a ninguén, tesme a min.
Se es silencio, as miñas palabras vivirán en ti.
CANTOS
ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
LECTURAS: O Señor é o meu Pastor
OFERTORIO: Déixate querer
COMUÑÓN: No colo da miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...