Ir al contenido principal

GRAZAS POR HOSPEDARTE NA MIÑA CASA

PÓRTICO

Hoxe, máis que nunca, necesitamos fogares onde se invite a hospedarse, a quedar neles. Fogares nos que se venzan as desconfianzas e se abran as portas para poder acoller, escoitar, compartir tempo con quen chama neles. E… como nos custa isto!. Que pouca atención prestamos a quen dicimos que é o noso Mestre!. Son moitos os “zaqueos” que necesitan baixar da figueira e atoparse con Xesús. Por que non imos ser nós os que os invitemos a entrar na nosa casa?; e poidan así atopar a compañía que os leve a deixar atrás canto os está a facer vivir na tristura e na desesperanza?

Hoxe temos unha nova oportunidade de seguir a invitación do Mestre, fagámolo!.

PERDÓN

  • Porque, a diferenza de Zaqueo, non estamos dispostos a baixar da figueira e deixar atrás canto nos fai insolidarios e inxustos, SEÑOR,QUE NON TEÑAMOS MEDO.

Porque, a diferenza de Zaqueo, non queremos recoñecer que confesar a fe na salvación lévanos a non deixar esvarar a Palabra por nós sen deixala enchoupar a nosa vida, CRISTO, QUE NON TEÑAMOS MEDO.

Porque, a diferenza de Zaqueo, non somos capaces de propornos abrir o noso corazón ao perdón, e á superación do rancor e da envexa, SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS MEDO.

REMUÍÑO

Temos interese por ver a Xesús?. Facemos algún esforzo?. Porén, Xesús pasa, ergue a vista, chámao polo seu nome. Bástalle ver o que Zaqueo fai, diríxese directamente a el, autoinvítase á súa casa. Cómo nos sentiríamos si Xesús nos mirara, nos chamara polo noso nome e nos dixera que quere vir á nosa casa, entrar no noso corazón?. Zaqueo nin sequera se estraña, nin contesta nin fai preguntas, pero baixa axiña, corre preparalo todo para recibilo con alegría. Supomos que marcharía cheo de felicidade; camiño da casa, para esperar a Xesús. Namentres, cómo ocorre tantas veces, hai quen non participa deste gozo, quen murmura o escándalo porque Xesús vai á casa dun "impuro", dun home pecador. Pero Zaqueo recíbeo na mesma porta. Non espera: anticípase e fálalle a Xesús, seguramente "enchoupado" xa desa mirada de quen o chamou polo seu nome, e prodúcese nel un cambio: “Darei, Señor, a metade dos meus bens aos pobres; e se en algo enganei a alguén,devolvereille catro veces máis".

Qué grande lección diante daqueles que se pensaban perfectos e renegaban de Xesús porque fora comer á casa dun pecador!. Seríamos tamén nós capaces de transformar a avaricia en xenerosidade, as nosas tristezas en gozos?. Zaqueo acaba de demostrar así a grandeza do seu corazón. El, ábrese á conversión, somos nós capaces de algo así?. Porque coma Zaqueo son moitas as persoas que silenciamos e tapamos con tanto ruído, persoas baixas de estatura, que non teñen os mesmos medios ca nós, que non tiveron a sorte de estar onda nós, na barreira. Persoas ás que non lle damos a oportunidade de cambiar, de ser outras. Acaso somos nós quen de cortar a historia de amor que ten o Señor para cada persoa ou máis ben teremos que ser nós quen a fagan posible?. Tod@s somos responsables e non nos podemos ocultar detrás do imposible, do non ten remedio. Aos ollos da xente da súa época, Zaqueo era irrecuperable. Recuperemos nós a tantas persoas válidas e que só necesitan que lles mostremos a Xesús, que ven ao seu encontro para hospedarse na súa casa.

Porque Xesús búscanos, chámanos a un encontro persoal e gozoso con El; quere salvarnos a cada une a cada unha de nós; chámanos persoalmente. Imos responder?. Imos saír ao seu encontro?. Acercámonos ou afastámonos Del?. Zaqueo rompe coa súa posición. E nós…queremos, estamos dispostos tamén a romper con canto nos ata e escraviza, a poder comezar a crecer, a medrar en estatura?. Seremos capaces de "dar a talla" ante a conversión?. Deus está disposto, a súa tenrura e misericordia tamén, e nós?. Perdoámonos a nós mesmos?; perdoamos aos demais?. Estamos dispostos a ser perdoad@s?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Agradecid@s porque Deus, unha vez máis, sae ao noso encontro para invitarnos a facer con El o camiño cambiando comportamentos, actitudes e rutinas, rezamos persoal e comunitariamente dicindo:

GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA

Pola Igrexa, que ten no medio do mundo a misión de anunciar a Xesucristo cos seus comportamentos e coa súa palabra; para que nunca esqueza que El quixo quedarse na casa de Zaqueo sen ningún tipo de medos nin desconfianzas, pois só así será posible cambiar corazóns e ser testemuñas, OREMOS .

GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA

Polas nosas comunidades, para que sempre teñan abertas as portas polas que Deus se mostra e polas que entra o aire novo do Espírito para todas as persoas, sen distincións de razas, ideoloxías, países ou formas de pensar, OREMOS.

GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA

Unha vez máis, e xa van alá moitas, queres dicirnos a través da túa Palabra que non podemos ser uns cristiáns mediocres, desganados, desilusionados e con poucas gañas de implicarnos no que supoña esforzo e compromiso a favor dos demais. Non podemos máis que agradecerche que sigas queréndonos e dándonos oportunidades, OREMOS.

GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA

Grazas, por mostrarnos, de novo, que nunca é tarde para cambiar o corazón e abrirnos aos demais. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

Xesús, Zaqueo quería distinguirte, verte,

pero a xente impedíallo.

Sabes, Xesús?,

Iso mesmo pásame a min moitas veces:

a xente impídeme verte.

Non sei verte nin coñecerte,

entre a multitude dos que me ofrecen outras cousas...

Entre tanto balbordo no que vivo metido,

non hai medio de verte...

Xesús, cústame moito...

Tápanme, non te vexo...

Claro, Xesús, que me tería

que subir, marchar correndo coma Zaqueo,

escapar desas cousas de aí embaixo que me impiden verte...

Embaixo, a ras de terra, non se ve nada...

Xesús, quero subir, para poder verte...

Subir á árbore da oración diaria onde se te ve,

subir á árbore da túa Palabra, onde se te escoita,

subir á árbore dos teus Sacramentos,

onde se te percibe e agasallas o banquete da túa graza,

subir á árbore do silencio onde se te sinte...

Entre esta multitude de cousas que no me deixan pasar,

non te vexo, non te distingo...

Teño que subir, subir...

CANTOS

Entrada.- Camiñando pola vida

Lecturas.- Escoita ao Señor

Ofertorio.- Cantádelle ao Señor

Comuñón.- Déixate querer

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...