Ir al contenido principal

O TRABALLO: CAMIÑO DE REALIZACIÓN PERSOAL E COMPROMISO SOCIAL

PÓRTICO
As palabras da carta de Paulo resoan nos nosos oídos coma un aldabonazo que nos fai poñernos as pilas. E isto é así porque moitas veces pensamos que o mundo do traballo é pura e simplemente un medio de gañar cartos para logo poder gastalos. Equivocados estamos se pensamos así!. O traballo é medio para obter uns ingresos, pero o seu fin non debemos situalo aí, pois estaríamos quitándolle todo o sentido de realización persoal, encontro cos demais, aportación ao desenvolvemento da sociedade... o que supón, para que sexa deste xeito, estar atentos para a denuncia, sempre que por medio do traballo dos outros, haxa persoas que se enriquezan, os exploten, lles supriman dereitos ou manteñan situacións de escravitude –que inda que nos pareza estraño, seguen existindo-. Dignificar o traballo e as súas condicións é tarefa de tod@s, por iso ter un posto de traballo é moito máis que unha posibilidade de gañar cartos; é un medio que nos fai crecer coma persoas e abrirnos á sensibilidade de solidariedade e doazón á sociedade que entre tod@s imos creando.
Que a celebración de hoxe nos axude neste espertar.

PERDÓN
  • Cantas veces, Señor, non temos valorado ter un traballo que nos axuda a vivir con dignidade, SEÑOR, QUE O TRABALLO NOS DIGNIFIQUE.
  • Cantas veces, Cristo, non temos estado comprometidos na defensa das condicións dignas e dos dereitos dos traballadores, CRISTO, QUE O TRABALLO NOS DIGNIFIQUE.
  • Cantas veces, Señor, non temos caído na conta de que o traballo é un camiño de realización e crecemento persoal, e non unicamente un medio de obter cartos, SEÑOR, QUE O TRABALLO NOS DIGNIFIQUE.

REMUÍÑO

Traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós.

  • Para toda persoa, pero fundamentalmente para aos cristiáns, o traballo é o mellor camiño de crecemento e realización persoal. Paulo tíñao vivido e experimentado, por iso lle escribe aos tesalonicenses para recordárllelo, e con iso transmitirlles que o seguimento de Xesús, se ben é verdade que ten a súa plenitude e a súa culminación ao final, no encontro definitivo con Deus, antes de chegar ese momento temos, aquí na terra, onde estamos, e co noso traballo e esforzo, que ir construíndo o que será o acougo definitivo ao lado de Deus. Por iso non podemos nin debemos desentendermos do que pasa no noso mundo. Como máis tarde dirá o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que non preocupe aos cristiáns”. E esa ten que ser a nosa implicación cada día, polo que non podemos converter a fe nun narcótico que nos apampe, que nos impida comprometernos e implicarnos cos problemas e tamén cos retos que hai no mundo que tod@s temos por diante. E isto que Paulo lles dicía, pois había algúns daqueles cristiáns que pensando que o final estaba a chegar, e que xa podían desentenderse do que pasaba ao seu redor, vénnos moi ben tamén a nós, que moitas veces temos caído na tentación de vivir a fe como un querer escapar do que pasa na nosa sociedade, refuxiándonos dentro dos templos, a modo de escondite, sen darnos conta que non afrontar as situacións non fai máis que afastarnos da misión encomendada por Xesús e recibida por cada un de nós, a partires do noso bautismo. Non podemos ser carga para ninguén, ao contrario, como crentes estamos, se cabe, moito máis urxidos a liderar proxectos e accións que busquen canto fai que o ser humano, en calquera parte do mundo, pero comezando polos que temos á porta da casa, viva dignamente e se lle respecte e recoñezan os seus dereitos, o que supón traballar pola igualdade,a xustiza e a liberdade. E isto non pode ser unha moda dunha igrexa que como se vai quedando sen xente se apunta ao que se leva. Non, isto é unha esixencia da fe recibida no bautismo e que nos alenta a estar no mundo con actitude de unión, solidariedade e esforzo, sabendo que iso foi o que fixeron moitos crentes ao longo dos séculos, e cuxo testemuño debe servirnos a nós para non recuar.
  • Pero teñamos en conta que o traballo, o compromiso a prol de tod@s por construír o Reino é laborioso, e mesmo algunhas veces ingrato. Ingrato porque nos leva a sermos incomprendid@s pol@s nos@s veciñ@s, que poden ver intereses particulares ou protagonismo; incomprendid@s pola sociedade, que nos ve trasnoitad@s e pouco valorad@s moitas veces polo mal facer doutros cristiáns; incomprendid@s por algúns sectores da Igrexa, nostálxicos dos tempos pasados. Xa o escoitamos no evanxeo. Non nos perseguen nin discriminan, pero si pasamos dificultades e incomprensións

Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.

  • Pois como di Xesús, só se somos perseverantes poderemos levar a cabo este compromiso, e entender, sen demagoxia de ningún tipo e non deixándonos utilizar nin manipular, o qué supón, esixe e conleva a salvación. En Cristo, é verdade, fomos salvados, pero a esa salvación correspóndenos a nós darlle vida e poñerlle concreción histórica e resposta persoal. Que a celebración de hoxe nos dea azos e ilusión para traballar por tódalas persoas desde o compromiso por facer presente entre nós o amor de Deus.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Querendo dar grazas ao Señor pola posibilidade que nos brinda de ter un traballo que nos realiza como persoas, nos descubre a súa dimensión de enriquecemento da sociedade e nos proporciona medios para poder vivir dignamente, dicimos xuntos:

QUE O TRABALLO SEXA MEDIO DE CRECEMENTO PERSOAL

  • Para que a Doutrina Social da Igrexa sexa coñecida polos cristiáns, e se evite, buscando a súa aplicación, que se cometan inxustizas e abusos cos traballadores. Oremos.

QUE O TRABALLO SEXA MEDIO DE CRECEMENTO PERSOAL

  • Para que os cristiáns das nosas comunidades que teñen traballadores ao seu cargo ou baixo a súa responsabilidade, os traten sempre con respecto e humanidade, non caendo na indignidade de explotalos ou non recoñecer os seus dereitos. Oremos.

QUE O TRABALLO SEXA MEDIO DE CRECEMENTO PERSOAL

  • Por nós, para que cando contratemos un traballador saibamos tratalo co respecto que merece, e lle paguemos o que é xusto polo traballo realizado. Oremos.

QUE O TRABALLO NOS SEXA MEDIO DE CRECEMENTO PERSOAL

Señor, que descubramos que o traballo, medio de vida e crecemento persoal, é tamén para un crente un camiño de seguimento da túa mensaxe e da túa persoa, e saibamos poñelo ao servizo da construción dun mundo máis xusto e igualitario. P.X.N.S.Amén.

REFLEXIÓN

Concédeme a graza do traballo cotián” Señor!,
Ti, que quixeches que a materia estivese sometida ao traballo do ser humano, concédenos que realizando o noso traballo con espírito cristián, poidamos practicar a mandada caridade cos irmáns e cooperar ao perfeccionamento da creación.
Señor, Ti que lle ordenaches ao ser humano manter a creación a través da suor e o traballo, bríndanos a túa graza para que podamos cumprir o teu mandato.
Dános traballos dignos, forza para as nosas mans, saúde para os nosos corpos, fainos capaces de cumprir o teu mandamento.
Derrama sobre nós abundancia de bendicións para que, desde o lugar en que nos toque actuar, podamos acceder a todo aquilo que as nosas familias necesitan.
¡Que nunca falte o pan nas nosas mesas!. Que os nosos brazos, a nosa mente e o noso corazón se abran ao traballo cotián para recibilo en plenitude.
Que aprendamos a obrar con responsabilidade dentro de cada acción á que nos entreguemos, que comprendamos o valor das pequenas cousas que nos rodean, que se acrecente a nosa esperanza e podamos atopar as solucións desexadas aos problemas do mundo do traballo.P.X.N.S. Amén.

CANTOS

Entrada: Pedras vivas

Lecturas: Sede o sal

Ofertorio: Na nosa terra

Comuñón: Gracias, Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...