Ir al contenido principal

I DOMINGO DE ADVENTO (CICLO A):

Vaiamos e camiñemos á luz do Señor!
PÓRTICO

Empeza o Advento, ese tempo que sempre dicimos que é de preparación para o Nadal. De verdade, preparación para o Nadal?. Se levamos preto de dous meses vendo luceciñas de cores en escaparates, centros comerciais e mesmo nas rúas. Xa hai ben tempo que asociacións, Anpas, comisións de festas e mesmo parroquias nos veñen tentando coas rifas para colaborar nunhas ou noutras cousas. Nas tendas, centros comerciais ou supermercados o turrón, os polvoróns e demais alimentos que se comen en Nadal son ofrecidos como adianto e a mellor prezo. En que temos convertido o Nadal?. Ten sentido seguir falando de que o Advento é tempo de espera, preparación, invitación ao cambio e á reflexión?.
Pois si, teno e moito, non hai mellor maneira de contrarrestar esta visión consumista e meramente gastronómica ao que algúns queren reducir o Nadal, que cunha resposta sinxela, pero sincera; austera, pero non miserenta; alegre, pero non de panxoliña edulcorada. Dicimos que non hai mellor maneira de rachar con todo iso que volver buscar na fonte do Evanxeo unha Palabra que nos lembra que Deus quere vir onda nós, que o quere facer de xeito sinxelo: alentando, acompañando, ilusionando, dando forza para afrontar a complexidade da vida na que imos camiñando.
Non nos deixemos levar do Nadal mercantilista, e respondamos coas nosas actitudes e a nosa vivencia interior e persoal da gran celebración do Deus que se fai compañeiro do noso camiño.

O PERDÓN
(A resposta será a mesma durante as catro semanas para darlle unidade ao tempo litúrxico)
  • Polas veces en que seguimos durmidos, porque é máis fácil desentendérmonos da realidade, do que nos cuestiona, do que non nos deixa indiferentes, SEÑOR, CONVÉRTENOS A TI.
  • Que non convertamos a nosa fe en nostálxica celebración gastronómica, CRISTO, CONVÉRTENOS A TI.
  • Advento é espera. Para que sexa un momento de coller novos folgos para afrontar a vida con ilusión anovada e para construír un mundo mellor, co esforzo de tod@s, SEÑOR, CONVÉRTENOS A TI.

REMUÍÑO
Non levantará un pobo contra outro a espada, nin deprenderán de novo a face-la guerra.
Advento é espera e cambio.Tempo de deixar atrás as espadas que nos enfrontan dentro das familias, cos veciños ou nos nosos centros de traballo.
Advento é estar convencidos que as nosas guerras, inda que non teñan armamento sofisticado e caro, tamén son destrutivas porque destrúen as nosas relacións, a nosa felicidade, as nosas ilusións e esperanzas, inda que non saian na TV ou non se discuta sobre elas nos grandes foros internacionais, chámense estes ONU, FMI, UE ou FAO.
Advento é estar convencido de que só poderemos ser familia, parroquia, país ou igrexa se nós cambiamos actitudes e nos tomamos en serio aquilo que tantas veces repetiu o que naceu pobre e pasou polo mundo facendo o ben: perdoádevos ata setenta veces.
Sempre novo
Seria bo que no comezo souberamos ben o que esperamos. A vinda do Salvador ás nosas vidas e á nosa sociedade, unha vinda que ano a ano imos preparando, especialmente nestes días. Facer realidade o proxecto de Deus, que comezou en Xesús e que segue nos nosos días: facer un mundo máis humano, unhas relacións persoais baseadas na paz e no entendemento, no dialogo e no amor. Por iso este tempo é unha mirada decidida cara o futuro, un futuro sempre novo, un futuro ilusionante e ilusionador no que temos estamos e collemos tod@s.
A Palabra que nos alenta, anima e convoca, quere poñer diante de nós un xeito novo e diferente de vivir a fe e de afrontar a vida, por iso nos fala dun novo tempo, dun novo xeito, dun novo talante de situármonos nun mundo que estamos chamad@s a construír con todas aquelas persoas que, coma nós, traballen a prol de que a dignidade de tod@s sexa sempre respectada. Só desde aí poderemos dicir, sen medo, sen vergoña, sen complexos, sen ser uns mexericas, que outro mundo é posible, porque camiñando cara á Luz que vai chegar, “as espadas converteranse en arados e as lanzas en podadeiras”, como nos profetiza Isaías.
Porque como nos lembra o salmo de hoxe, “xa están pisando lediciosos os nosos pés”. Velaí a gran nova, o grande anuncio: o Señor está ás portas, pertiño, querendo entrar na nosa casa, na nosa vida, no noso corazón… Abrámoslle as portas e deixemos que este tempo de Advento sexa un aldabonazo nas nosas vidas que nos axude a desinstalarnos, desacormodarnos e vencer rutinas, compartindo, expresando e mostrando unha fe comprometida desde o diálogo, o compromiso e o respecto por todas as persoas. É tempo de paz. Aparquemos as nosas diferenzas e poñámonos a camiñar.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
(A resposta, cantada, será a mesma durante todo o Advento)
Hoxe comezámo-lo camiño cara ao Nadal, un camiño que sabemos vai pedir de nós esforzo por cambiar e anovarnos. Porque estamos dispost@s a preparar o noso corazón, apartando del todo o que impida a túa chegada, cantamos xunt@s:
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)
  • Para que este tempo de Advento esperte en nós, que somos a túa Igrexa, a dimensión de servizo e cercanía cara ás persoas que están máis precisadas da túa salvación: homes e mulleres sen traballo digno, sen fogar, vellos que viven na soidade, enfermos…, OREMOS.
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)
  • Polas nosas comunidades, para que esperten da rutina, da deixadez, da mediocridade, e este tempo, sexa un camiño de encontro, de acollida, de ilusión e de esperanza, en que un mundo mellor é posible. OREMOS
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)
  • Por nós, para que non deixemos, unha vez máis, escapar este tempo de Advento que hoxe comeza e nos invita a deixar atrás as costras que impiden que as nosas feridas sigan sen curar, é dicir, que non nos falemos cos membros das nosas familias e das nosas parroquias; que non cambiemos os comportamentos que nos fan egoístas, insolidarios ou despreocupados de cantos sabemos que o están a pasar mal e necesitan da nosa man, tempo ou conversa. OREMOS.
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)
Grazas por ofrecernos este tempo de Advento para ir cambiando canto non nos fai ben e nos impide amar de verdade. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
VEN! VEN! VEN!
Eu non son un Buda feliz que arrincou a raíz dos desexos.
Eu son o amigo que di: Ven.
Eu son a noiva que grita: Ven
Eu son a nai que espera: Ven.
O mundo loita e evoluciona.
É a historia que está de parto,
que foi fecundada polo Espírito,
que prepara a chegada do fillo novo.
O Advento.
Os traballos do científico e do obreiro,
as loitas do guerrilleiro e do non-violento,
os desvelos dos pais e os líderes,
os sufrimentos dos enfermos marxinados
cantan a un tempo: Ven.
As ilusións dos nenos,
as esperanzas do mozo,
o tedio dos anciáns,
o canto dos que triúnfan
e o choro dos caídos
non deixan de repetir: Ven
Un Advento crecente,
fillo da esperanza e a paciencia,
pai da ilusión e do esforzo.
Unha fonte secreta e un murmurio repetido,
orquestrado polo Espírito: Ven! ¡Ven! ¡Ven!

CANTOS
(Serán os mesmos durante todo o tempo litúrxico)
· ENTRADA: VOLVE, SEÑOR
· LECTURAS: CONTADE AS MARABILLAS
· OFERTORIO: XURDIRÁ
· COMUÑÓN: XESÚS CHAMADO AMIGO

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...