Ir al contenido principal

Remol e a Nota Espiscopal

            Salvo en situacións moi excepcionais, nas que estean en xogo de maneira colectiva os dereitos fundamentais da persoa e da sociedade, a autoridade eclesiástica non pode sinalar a obrigación moral de votar nun determinado sentido. En todo caso, á vez que recoñecemos e defendemos a liberdade de opción política dos cristiáns, temos que insistir tamén na obrigación que todos temos de exercer este dereito coa  máxima responsabilidade moral, tendo en conta o conxunto de bens materiais, morais e espirituais que constitúen o ben común da nosa sociedade. ( 122. CATÓLICOS EN LA VIDA PÚBLICA)

 

Hai uns días, a permanente da Conferencia Episcopal Española emitía unha nota coa que quería invitar aos católicos a emitir un voto responsable e maduro nas próximas eleccións. Sen negarlles aos bispos a liberdade de facelo, tamén nós, os que facemos Remol, cristiáns cheos de esperanza e ilusionados na tarefa de ir construíndo pequenos anaquiños de sociedade desde a semente gozosa da dignidade humana e fidelidade ao Reinado de Deus, queremos manifestar a profunda tristura que, coma seguidores de Xesús, nos produciu a nota da Permanente dos bispos españois.

            Se como tantas veces dicimos, e o dicimos porque o cremos, que o Evanxeo non se pecha na súa totalidade detrás das siglas de ningún partido político, tal e como nolo volve lembrar a Gaudium et Spes no ano 1965,cando afirma: “O cristián debe recoñecer a lexítima pluralidade de opinións temporais discrepantes e debe respectar aos cidadáns que, agrupados defenden lealmente a súa maneira de ver” (G.S 75).Posteriormente na Octogesima Adveniens, Paulo VI, volvía a insistir no mesmo ao escribir: “nas situacións concretas, e tendo en conta as solidariedades que cada quen vive, é necesario recoñecer unha lexitima variedade de opcións posibles. Unha mesma fe cristián pode conducir a compromisos diferentes…cada quen deberá probarse e deberá facer xurdir aquela verdadeira liberdade en Cristo que abre o espírito das persoas ao universal no seo mesmo das igrexas particulares(O.A.50).

            Na Nota da Permanente dos bispos, non acabamos de ver reflectida esta pluralidade e o respecto á libre decisión dos crentes á hora de elixir os que han ser os seus representantes no Parlamento do país. Ao contrario, pensamos que en vez de contribuír ao sosego e á reflexión para a emisión dun voto responsable, atopamos un texto que alporiza aos que non son católicos, e decepciona, mesmo entristece, a cantos na comuñón eclesial, queremos estar no medio do mundo desde o esforzo de facelo máis xusto, humano e solidario.

            Á luz do que vimos manifestando, nós, o equipo que formamos Remol, queremos salientar os criterios que nos ofrece o Pensamento Social Cristián, respecto da responsabilidade do crente á hora de emitir o seu voto :

·        Somos conscientes que a comunidade política e a Igrexa son independentes e deben camiñar no respecto, a colaboración e a autonomía, sen interferir unha no traballo da outra :“A comunidade política e a Igrexa son independentes e autónomas, cada unha no seu propio terreo. Ámbalas dúas, poren, inda que por diverso título, están ao servizo da vocación persoal e social do ser humano”.(G.S. 76)

·        Loar e agradecer a dispoñibilidade e entrega de tantos cristiáns que comprometen a súa vida ao traballo público desde a responsabilidade e desgaste que este traballo supón e esixe: “A Igrexa loa e estima o labor dos que, ao servizo do ser humano, se consagran ao ben da cousa pública e aceptan as cargas deste oficio.(G.S. 75)

·        O dereito e deber de votar para elixir aos nosos representantes nas institucións do Estado, supón: “a todos os cidadáns o dereito e ao mesmo tempo o deber de votar con liberdade para promover o ben común...desde un sentido de responsabilidade” (G.S.75).E como os nosos bispos deixaron escrito no seu documento social “Católicos en la vida pública”, o voto exercerase sen presións de ningunha parte: “En conformidade coa doutrina da Igrexa temos ensinado repetidamente que os católicos deben exercer o seu dereito ao voto con liberdade e responsabilidade” ( C.v.p. 122)

·        A necesidade, á hora de exercer o dereito ao voto, de esforzarnos por ver as cousas dun xeito integral, vencendo a tentación de fixarse só no que é a visión dun grupo ou colectivo determinado. Na nosa sociedade plural e democrática, tamén aconfesional, o respecto que nos ha de merecer tódalas visións, non pode supor o favorecer unha delas. “Os cristiáns todos deben ter conciencia da vocación particular e propia que teñen na comunidade política; en virtude desta vocación están obrigados a dar exemplo de sentido de responsabilidade e de servizo ao ben común, así demostrarán tamén cos feitos como poden harmonizarse a autoridade e a liberdade, a iniciativa persoal e a necesaria solidariedade do corpo social, as vantaxes da unidade combinada coa proveitosa diversidade.(G.S. 75)

·        Desde esta liberdade e responsabilidade, coidamos que seis han ser os criterios a ter en conta á hora de valorar as propostas que os diferentes partidos políticos presentan nos seus programas cara as próximas eleccións ao Parlamento español e ao senado:

 

1.      Respecto  da dignidade humana:Toda dignidade e en todas e cada unha das súas situacións: vida, traballo digno, igualdade de trato, dereito a vivenda, respecto das minorías, atención dos excluídos, atención aos maiores...

2.      Búsquea do ben común: Moitas veces os programas pérdense en propostas que en absoluto buscan o que beneficia a tod@s, máis ben son favorecidos os que máis teñen ou presionan. De aí que á hora de depositar o voto é tan importante saber se aquilo que se reflicte no programa é un ben para a maioría.

3.      A solidariedade: Unha solidariedade real e efectiva que supoña e leve a poñerse no lugar do outro. Nunha sociedade na que son moit@s os que se quedan nas beiras, é fundamental que este criterio ético estea moi presente nas propostas dos programas electorais.

4.      A xustiza: Porque moitas veces se producen situacións que marcan desigualdades e diferenzas, corresponde aos que xestionan o público, aos partidos, traballar para que sexa a xustiza a que guíe as súas decisión, esforzándose sempre por traballar para que a equidade posibilite que tod@s sexan tratados igual.

5.      A Caridade Política.:Só quen é capaz de traballar desde o respecto e a empatía cara o outro, conseguirá facer da acción política un verdadeiro camiño de entrega xenerosa cara os demais. Non ha ser entón nin a profesionalización burocrática nin tampouco o favorecemento dos afíns o que marque a acción política, senón a preocupación humana por facer a vida dos cidadáns o máis fácil e agradable posible.

6.      A participación: En democracia, prestar atención ao que din os cidadáns é o xeito correcto de actuar. Os partidos teñen sempre a tentación de esquecer que os membros elixidos están onde están por mor da decisión dos cidadáns, de aí que é fundamental á hora de emitir o voto, analizar cales son os partidos que potencian e posibilitan a participación dos cidadáns e son receptivos as súas demandas –democracia participativa-, sen caer nun afastamento entre o que o cidadán  vive e necesita,e o que os partidos propoñen e fan.

 

Desde estes criterios, os cidadáns, somos invitados a ser os protagonistas da gran festa da democracia: a elección dos nosos representantes nas institucións públicas. Fagámolo entón desde a liberdade e coa responsabilidade de que o noso voto non debe esquecer a ninguén e ha axudar para que os que menos teñen e poden vexan mellorada a súa situación con leis que posibiliten a superación de atrancos e dificultades.

Non tódolos partidos son iguais e tampouco todos din o mesmo. Fagamos o esforzo do discernimento e da reflexión responsable. So así sairemos gañando a cidadanía.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...