Ir al contenido principal

A AUGA DO SEÑOR, CAMBIOUME O CORAZÓN

PÓRTICO

            Estamos sedent@s, temos que recoñecelo. Sedent@s de comprensión, cariño, tenrura, amizade…. Temos verdadeira sede de podermos saír da soidade á que nos empurra esta nosa sociedade do desacougo, da presa, da desconfianza, da competitividade.

            Que bo é ter sede!. Porque o que o sabe todo, non pregunta; o que se cre sant@, non pide perdón; o que se sente rico, non pide nada… o que non ten sede, non buscará a fonte da auga.

            Hoxe, a nosa andaina da coresma chámanos dun xeito especial a, dentro dunha sociedade violenta, a ter sede de paz, de comprensión, de diálogo. Que na celebración que agora comezamos sexamos quen de descubrir a Cristo coma fonte inesgotable de auga viva.

PERDÓN

·        Porque moitas veces non deixamos que a auga do Evanxeo limpe as nosas envexas, os nosos ciumes ou a nosa capacidade de poñer distancia entre os irmáns, SEÑOR, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

·        Porque moitas veces, quizais demasiadas, non queremos lavarnos de canto nos fai violentos, distantes e insolidarios, sabendo que preto de nós hai persoas que necesitan da nosa paz, cercanía e solidariedade, CRISTO, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

·        Porque moitas veces somos incapaces de renovar a auga que nos mantén no pesimismo e na actitude pasota e derrotista, para abrirnos á auga limpa de vida e esperanza que nos ofrece Xesús, SEÑOR, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

REMUÍÑO

·        A tendencia actual de confundilo todo e non valorar a importancia da linguaxe, lévanos a que moitas veces non entendamos o que outros din ou escriben. Isto mesmo pode ocorrernos con moitas das afirmacións ou narracións que atopamos recollidas nos textos da Palabra. E iso pode pasarnos hoxe co texto que acabamos de ler da carta aos Romanos. Cando escoitamos que Paulo fala de Xustificación, ao mellor non entendemos que o que nos quere dicir o apóstolo é que a fe nos abre á salvación, ao positivo do mundo, á presenza de Deus, ao sentido da vida. Sabernos e sentírmonos xustificados é, entón, para un crente unha convición que nos ten que levar a ter unha actitude positiva, aberta, de verdadeiro e auténtico diálogo co mundo e coas institucións que o conforman Pero non só diálogo, senón que sabérmonos xustificados por Cristo, pídenos estar presentes e traballando nesas institucións: políticas, culturais, sindicais, económicas... para poder proclamar alí que a mensaxe e o seguimento de Xesús, que esixe aceptar e acollelo a El na nosa vida, non nos leva nin ao derrotismo nin á crítica destrutiva nin tampouco á búsquea interesada de privilexios ou prebendas. Ao contrario, a pluralidade deste noso mundo no que temos que estar, ha ser para nós o ámbito onde concretemos, creamos e confesemos que a sociedade é de tod@s e que tod@s temos espazo nela, sen que uns teñan que ser ou pidan ser máis cidadáns ca outros. Nada que ver con esas voces que ás veces nos chegan de moitos dos nosos pastores, e que nos falan de exclusión, silencio ,persecución...como se o mundo fora única e exclusivamente dos católicos e da Igrexa. Porén, a Igrexa, xustificada pola entrega redentora de Xesús, móstranos un novo horizonte: o horizonte da paz, da confianza, da colaboración, da non exclusión. Orgullos@s temos que estar desta esperanza e do camiño que nos abre e invita  a seguir.

·        E para estar no medio deste noso mundo, no que cabemos tod@s, Xesús ofrécenos a súa auga; que foi capaz de vencer as reticencias, tanto dos xudeus coma dos samaritanos, e comezar a construír un novo xeito de ver e facer as cousas, e relacionarse con uns e outros, e que é sempre auga de encontro, diálogo, perdón e misericordia. Porque a súa auga non só limpa, senón que dá vida, forza, ilusión...esperanza. E que mellor que este tempo de coresma para deixarnos enchoupar por esa auga que sempre é vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Invitados a deixarnos lavar pola auga de vida que é Xesús, poñámonos en disposición de deixar que esa auga enchoupe en nós, e digamos xunt@s:

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

·        Pola Igrexa, que camiña polo mundo nesta época e neste tempo servindo ás persoas, para que no intento de dar resposta aos graves problemas da sociedade, non caia na tentación de mirar cara atrás e de buscar respostas nun tempo pasado, OREMOS. 

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

·        Para que cantos formamos as comunidades cristiás, non deixemos acumular en nós costras que nos fagan insensibles diante da necesidade de tantas persoas que se ven faltas de cariño, sorriso, esperanza e axuda, OREMOS. 

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

·        Por todos e cantos hoxe queremos rezar á luz da Palabra proclamada, para que non caiamos na tentación de crernos non necesitados de conversión, e saibamos romper as nosas rutinas, pasotismos ou a vivencia tradicional e meramente sociolóxica da fe; e nos deixemos limpar pola auga da vida, que é Xesús, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA.

            Grazas, porque nos das a oportunidade deste tempo de coresma non para que nos afoguemos nas nosas incapacidades, senón para que nos abramos a un horizonte cheo de vida e comuñón, sabendo que non somos os únicos, e que ao noso lado hai moita máis xente disposta a facer que as cousas melloren.P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Nos momentos duros, míranos con misericordia.

Cando somos tentados e fraqueamos, míranos con misericordia.

Cando estamos cegos e ofuscados, míranos con misericordia.

Cando somos capaces do peor, míranos con misericordia.

Cando tropezamos e caemos, míranos con misericordia.

Cando non recoñecemos os nosos erros, míranos con misericordia.

Cando facemos sufrir ao irmán ou á irmá, míranos con misericordia.

Cando nos facemos sufrir a nós mesmos, míranos con misericordia.

E cando pasamos pola noite, axúdanos coa túa misericordia.

Cando entramos no deserto, axúdanos coa túa misericordia.

Cando buscamos sedentos, axúdanos coa túa misericordia.

Cando subimos ao monte, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa a cruz, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa o irmán ou a irmá, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos morde a crítica ou un bico traizoeiro, axúdanos coa túa misericordia.

Cando xa non podemos máis, axúdanos coa túa misericordia.

CANTOS

o       ENTRADA: Arrepentido

o       LECTURAS: Na noite escura

o       OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar

o       COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...