Ir al contenido principal

Ascensión 2008

A ASCENSIÓN DO SEÑOR

MARÍA TIÑA RAZÓN: ENALTECE AOS HUMILDES

PÓRTICO

O meu home di…, a miña muller di… os profes din…. os políticos din…. Pasamos a nosa vida buscando noutras persoas referencias para o noso actuar, desexando que sexan outr@s @s que tomen decisións por nós.

E na vida de fe son moitísimas as veces nas que nos pasa algo parecido: escudámonos no que di o cura, o bispo… en calquera referencia que nos facilite non ter que tomar decisións propias. Así, ao mesmo tempo que tranquilizamos a nosa conciencia, sentímonos doutrinalmente segur@s e non cuestionamos o noso xeito de actuar e a nosa vida.

Porén a celebración de hoxe, a Ascensión do Señor, invítanos a vivir a fe coma crentes madur@s, autonóm@s, capaces de tomar as nosas propias decisións e ser responsables delas. É a nosa posta de largo. Non perdamos esta oportunidade que Deus nos ofrece para sermos cristiáns e cristiás maiores de idade.

RENUNCIAS

Renuncias a mirar desde fóra a Igrexa, coma se non fose contigo, para sentirte corresponsable e protagonista da súa tarefa?. SI, RENUNCIO.

Renuncias a pensar que ser cristián e cristiá é cumprir unhas leis e uns preceptos que están lonxe da realidade e das persoas que pasan por nós día a día, descoidando así a gratuidade do amor de Deus?. SI, RENUNCIO.

Renuncias a deixarte levar polo balbordo e o estrés presentes na nosa sociedade para buscar tempiños que adicar ao diálogo e á interioridade con Deus?. SI, RENUNCIO.

REMUÍÑO

A Igrexa tamén se configura coma unha estrutura de poder; e así atopámonos cun escalafón de títulos e cargos de honra que rodean aos que din ostentar o poder divino: irmán, reverendo, monseñor, súa eminencia… A pesares de que a constitución LG refírese á Igrexa como pobo de Deus e corpo de Cristo, a realidade moitas veces ponnos de manifesto que non somos un pobo de irmáns e irmás e que neste corpo non todos temos a mesma importancia, senón que aínda segue vixente a estrutura vertical que unha parte da nosa Igrexa tanto se laia de que “desaparecera”.

En resumo, tamén na Igrexa funciona aquilo, tan común na nosa sociedade, de querer ascender. Así, o que adoita esperarse dunha persoa é que vaia pouco a pouco mellorando, ascendendo, situándose mellor: un carguiño, unha delegación, unha parroquia na cidade e non no rural…. Descender, é dicir, que vaian pasando os anos e non esteamos estratexicamente situad@s sona a fracaso.

Que fría e dura é a mirada da Igrexa institución cara ao seu redor!. Que perdoavidas e trepas somos algúns dos seus membros!. E sen embargo, se pensamos así, que lonxe estamos da vida e do proxecto de Xesús!. Porque a súa vida foi un progresivo descenso: descendeu do ceo (non cobizou ser igual a Deus), foise baleirando, fíxose pobre, foi perdendo postos, amigos, influenzas… viviu sempre rodeado de pobres, de xente da periferia da vida. Enfrontouse co capital, denunciou a utilización do nome de Deus e a dobre moral á que tan afeit@s estamos… Condenárono a morte e descendeu ata o inferno.

Pero…. Deus glorificouno, ascedeuno, levantouno sobre todo e concedeulle o nome sobre todo nome. É a festa que celebramos hoxe, unha festa que nos enche de esperanza, que nos lembra que o descenso inxusto non ten a derradeira palabra, que hai futuro a pesares de todo. Por iso nós, que levamos o apelido cristián/cristiá debemos comprender que para ascender ao ceo, para sentar ao carón de Deus, temos que descender ao fondo da existencia e ao fóra de xogo de tant@s marxinad@; descender ata a morte para que esas persoas senten na mesa da dignidade e da vida. Porque Ascensión significa relevo, chamada á acción. É o turno da Igrexa, o noso turno. Xesús invítanos a erguernos e camiñar, a saír da nosa casa, da quentura do fogar, dos nosos guetos á intemperie, ás prazas e rúas… ata o derradeiro recuncho da terra coa súa mesma mensaxe.

Queda entón terminantemente prohibido cruzarse de brazos, mirar o embigo, arranxar e coidar só a nosa casa, preocuparnos só de nós mesmos e “dos nosos”. Por iso se nos pregunta: que facedes aí plantados no inmobilismo, na carraxe, no pasotismo, no medo, na intolerancia, na prepotencia, no derroche, no materialismo, na ostentación, na imposición….?.

Hoxe é o día da exaltación d@s humillad@s, “enaltece aos humillados”. María tiña razón, fíxose xustiza. Deus sentouno á súa dereita… e así fará con cada un e cada unha de nós.

CREDO PASCUAL

Creo no Resucitado,

no Señor da Vida, en Xesús de Nazaré,

carpinteiro sinxelo, home do pobo,

predicador itinerante, compañeiro de camiño.

Creo no Resucitado,

o fillo de María,

quen fixo vida as súas palabras do Magnificat,

porque levou a Boa Nova aos pobres e aos excluídos.

Creo no Resucitado,

Señor da comunidade,

quen para ensinar o amor de Deus

chamou a discípulos para compartir a súa vida.

Creo no Resucitado,

no que camiñou polas vilas de Palestina,

no que andou polas ribeiras do lago,

no que se mesturou coa xente do pobo

para mostrar coa súa vida

que Deus non se esquece das persoas,

senón que coñece o sufrimento

e quere a liberación e a xustiza.

Creo no Resucitado,

no que se ocupou dos que sofren,

no que se compadeceu dos enfermos,

no que se achegou aos marxinados,

para ensinarnos que o Deus da Vida

nace entre os pobres deste mundo.

Creo no Resucitado,

no que se animou a presentar a un Deus Vivo,

no que denunciou os ritos baleiros e as leis hipócritas,

no que falou con palabras sinxelas

para ensinarnos que o importante é vivir o que Deus nos propón.

Creo no Resucitado,

no que entregou a vida,

no que cargou coa cruz,

no que viviu o conflito, a incomprensión

e a persecución por ser fiel,

no que nos ensinou que a Deus

coñecémolo se facemos a súa vontade.

Creo en Xesús,

no que viviu como Deus quere que vivamos todas as persoas.

Creo no Resucitado,

que nos chama a seguir os seus pasos

para facer da nosa vida

unha Pascua para os demais,

un paso do Señor para todas as persoas,

un signo de que a vida é sempre máis forte

que toda a morte que a nosa sociedade xera.

Creo en Xesús

porque quero vivir coma El.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, a pesares dos nosos moitos erros, segues a confiar en nós e deixas o mundo nas nosas mans porque nos queres persoas adultas e responsables. Agradecid@s polo teu amor, dicímosche:

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

Pola Igrexa, para que non caia na doada tentación de fuxir do mundo, de quedar plantada mirando cara ao ceo, de laiarse de tempos pasados; senón que, pola contra, sexa capaz de descubrir e asumir o compromiso co presente, porque tamén é tempo de graza, de salvación, de manifestación de Deus, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

Polas nosas comunidades, para que descubramos que non abonda con estar xunt@s, senón que temos que estar unid@s, fuxindo de individualismos e falsas superioridades, que rompen, dividen e enfrontan, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

Por todos e todas nós, que somos enviad@s ao igual que os apóstolos, para que entremos nun diálogo sincero e sen prexuízos coas demais persoas, teñan as ideas que teñan ou profesen o credo que profesen para que así entre tod@s construamos un mundo mellor. OREMOS.

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

Acolle Deus a nosa oración, fai que esteamos espertos para descubrir a túa chamada e responder con xenerosidade. PXNS.

REFLEXIÓN

ANUNCIAR A BOA NOVA

Anunciamos a Boa Nova de Xesús

cando a nosa vida é testemuño do Reino que Deus quere para todas as persoas;

cando vivimos para os demais;

cando nos interesa o que lle pasa ás outras persoas;

cando sentimos o sufrimento alleo coma propio;

cando @ outr@ é irmán ou irmá aínda que non o coñezamos.

Anunciamos a Boa Nova de Xesús

cando nos comprometemos pola vida;

cando traballamos a prol da xustiza;

cando construímos a paz e a concordia;

cando nos rebelamos diante da inxustiza.

Anunciamos a Boa Nova de Xesús

cando nos animamos a xuntarnos;

cando comezamos a compartir;

cando aprendemos xunt@s;

cando superamos as diferenzas

e nos animamos a vivir a aventura da comunidade

e a camiñar nas pegadas de Xesús.

Anunciamos a Boa Nova de Xesús

cando nos preocupamos dos problemas desta terra;

cando temos a mirada atenta para descubrir a Deus que fala na vida;

cando nos deixamos interpelar pola marcha da historia

e xunt@s buscamos discernir o que Deus quere,

a súa vontade no noso tempo.

Anunciar a Boa Nova… iso é a Ascensión.

CANTOS

Entrada.- Bendito , Xesús resucitado

Gloria.- Gloria a Deus, gloria ao Pai...

Lecturas.- Cantádelle ao Señor, unha cantiga nova

Ofertorio.- Acharte presente

Comuñón.- O amor é o meirande.

Comentarios

Unknown ha dicho que…
bendito Baños: no paras...qué preciosidad, que difundas todo aquello en lo que crees, que crees comunidad allá donde vayas, que no te canses...

muitas gracias desde as cunetas da vida e desde as autopistas!

priya

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...