PÓRTICO
Pódenos suceder coma aqueles dous de Emaús: que desandamos moitas veces o camiño, que sentimos frustración por fracasos, por plans inacabados, por decepcións. E non só pola realidade que moitas veces nos bloquea e nos deixa desacougados, senón tamén por nós mesmos, que non somos capaces de mirarnos e mirar ao noso mundo con ollos distintos. Non recoñecemos tantas situacións de dor, tantas persoas necesitadas de cariño, tantos acontecementos que piden unha luz. Estamos tan cegos que non descubrimos en todo iso a Xesús que ven a nós Resucitado, que nos chama a mirar a realidade cos seus ollos.
Que esta celebración nos esperte para saber recoñecelo no camiño da nosa vida ao noso carón.
O PERDÓN
Renuncias a pechar as portas da túa casa, da túa mente e do teu corazón, excluíndo a quen pensa distinto da túa mesa e do teu pan, para considerar ao outro como compañeir@ que comparte e enriquece?. SI, RENUNCIO.
Renuncias a facer da relixión algo íntimo e pechado nas Igrexas, que non cuestiona a nosa vida e non transforma a realidade?. SI, RENUNCIO.
Renuncias a desacreditar e calumniar ás persoas que seguen crendo, esperando e loitando pola causa de Xesús, que é a dos pobres e excluídos?. SI, RENUNCIO.
REMUÍÑO
MÁIS ALÁ DE FALSAS SEGURIDADES....
A nosa vida é unha búsquea continua de seguridades, de comodidades, de instalación. Queremos ter un bo traballo, unha vivenda en propiedade, un coche, uns aforriños no banco (por se acaso)... e ás veces, as máis das veces, queremos que a nosa fe tamén sexa unha fe de seguridades. Coma os discípulos, tamén nós estamos coas portas ben pechadas ao novo, ao que chega, ancorados no pasado. É a nosa única preocupación: as miñas intencións individuais (non vaia ser que o Señor non salve se a intención é de máis dun), os meus rosarios, os viacrucis, os xoves eucarísticos.... e, para que?. Para sentir a nosa conciencia tranquila cun cumpro + minto, cunha morea de prácticas rutinarias, baleiras de sentimento, afastadas da nosa vida e que non comprometen a nada. Sempre estamos a falar de Xesús, pero afogámolo por tradicións, costumes e rutinas que o relegan a un segundo ou a un terceiro plano. Ás veces somos nós mesmos quen o facemos desaparecer: reunímonos no seu nome, pero non hai lugar para El no noso corazón; dámonos a paz do Señor, pero reducímolo a un mero saúdo; escoitamos o seu Evanxeo, pero non deixamos que pouse no noso corazón.
Todo isto fai que os que nos consideramos crentes vivamos a miúdo, como os discípulos, “ao anoitecer”, “coas portas pechadas”, “cheos de medo”. Coma os de Emaús, que estaban abatidos por non ver, por non tocar coas súas mans o soño que tanto esperaron, polo que traballaron. Hoxe, tamén nós fuximos de Xerusalén (onde seguen traballando os que esperan) cara Emaús, á casa do descanso. Espertaron, volvéronse realistas, pasaron esa páxina da súa vida e apuntáronse a outra cousa. Coma nós. As nosas comunidades están repregadas, ocultas, esmorecidas, sen dar testemuño.
...TEMOS QUE DAR TESTEMUÑO DA RESURRECCIÓN NO NOSO MUNDO
Porén, a experiencia de Xesús é abrírmonos á súa presenza, sentir a súa proximidade. E desde aí estamos chamad@s a ser referencia para @s afastad@s que están ao noso lado de que a fe paga a pena, Deus está aquí compartindo o noso camiño, agarimándonos coa súa compaña, alentándonos co seu Espírito, alumeando as nosas tebras. Só así seremos auténticas testemuñas do Reino, do mundo novo construído co respecto, a colaboración, a solidariedade, a paz. Cómpre volver de novo a partir o noso pan, aínda que sexa pouco, cómpre sementar, abrir as nosas portas. Así coma os primeiros cristiáns, tamén nós seremos lévedo no medio da masa. A que esperamos?.
CREDO PASCUAL
Creo no Resucitado,
no Señor da Vida, en Xesús de Nazaré,
carpinteiro sinxelo, home do pobo,
predicador itinerante, compañeiro de camiño.
Creo no Resucitado,
o fillo de María,
quen fixo vida as súas palabras do Magnificat,
porque levou a Boa Nova aos pobres e aos excluídos.
Creo no Resucitado,
Señor da comunidade,
quen para ensinar o amor de Deus
chamou a discípulos para compartir a súa vida.
Creo no Resucitado,
no que camiñou polas vilas de Palestina,
no que andou polas ribeiras do lago,
no que se mesturou coa xente do pobo
para mostrar coa súa vida
que Deus non se esquece das persoas,
senón que coñece o sufrimento
e quere a liberación e a xustiza.
Creo no Resucitado,
no que se ocupou dos que sofren,
no que se compadeceu dos enfermos,
no que se achegou aos marxinados,
para ensinarnos que o Deus da Vida
nace entre os pobres deste mundo.
Creo no Resucitado,
no que se animou a presentar a un Deus Vivo,
no que denunciou os ritos baleiros e as leis hipócritas,
no que falou con palabras sinxelas
para ensinarnos que o importante é vivir o que Deus nos propón.
Creo no Resucitado,
no que entregou a vida,
no que cargou coa cruz,
no que viviu o conflito, a incomprensión
e a persecución por ser fiel,
no que nos ensinou que a Deus
coñecémolo se facemos a súa vontade.
Creo en Xesús,
no que viviu como Deus quere que vivamos todas as persoas.
Creo no Resucitado,
que nos chama a seguir os seus pasos
para facer da nosa vida
unha Pascua para os demais,
un paso do Señor para todas as persoas,
un signo de que a vida é sempre máis forte
que toda a morte que a nosa sociedade xera.
Creo en Xesús
porque quero vivir coma El.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, coa túa presenza es alento e estímulo no noso camiñar, por iso che dicimos xunt@s:
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN
Pola Igrexa, para que o comportamento de tod@s os seus membr@s sexa estímulo de salvación e esperanza, deixando atrás actitudes de imposición, nacionalcatolicismo , cristiandade e non recoñecemento da presenza de Deus noutros credos. OREMOS
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN
Polas nosas comunidades, para que saibamos ser sempre no noso mundo testemuño do Resucitado para todas aquelas persoas que buscan, coma os discípulos de Emaús, un sentido para o seu esforzo, para a súa loita, para a súa dor e para os seus fracasos na procura dun mundo máis xusto e humano, OREMOS.
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN
Por tod@s e cada un de nós, para que saibamos compartir o pan da Eucaristía ao redor da mesa do diálogo, o tempo dedicado a quen está solo, o sorriso compartido con quen necesita alento, a visita esperanzada con quen se sente enfermo, OREMOS.
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN
Grazas, Señor, porque nos invitas, desde a da Mesa da Eucaristía, a tomar conciencia de que reunirnos para celebrar a fe, non é nin unha imposición nin un costume, senón unha experiencia de fonda e sincera convicción persoal e comunitaria no Deus que nos invita a facer da nosa vida un tempo de salvación. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Resucitou.
Vive e está connosco.
É o Señor da Vida,
que nos acompaña sempre.
O que viviu no medio do seu pobo,
o que andou facendo o ben,
o que optou polos pobres,
o que loitou pola xustiza,
o que nos mostrou a misericordia do Pai,
o que integrou aos excluídos,
o que nos ensinou a amar ao xeito de Deus,
o que anunciou o Reino e deu a vida.
É Xesús de Nazaret, Deus connosco,
quen nos invita a morrer a todo egoísmo, para vivir a festa do dar.
Nel Deus revelounos e mostrounos que o camiño de dar a vida
é vivir para os demais. Amén.
CANTOS
Entrada.- Bendito , Xesús resucitado
Gloria.- Gloria a Deus, gloria ao Pai...
Lecturas.- Cantádelle ao Señor, unha cantiga nova
Ofertorio.- Acharte presente
Comuñón.- O amor é o meirande
Comentarios