Ir al contenido principal

V de Pascua 2008

POR QUE NOS EMPEÑAMOS EN IR TODOS PARA O SALÓN SE A CASA É GRANDE E CABEMOS TOD@S, POIS

“NA CASA DO MEU PAI HAI MOITAS MORADAS?”

PÓRTICO

Á hora de vivir a fe no medio do noso mundo, os crentes temos que superar dúas tentacións: a primeira, a tentación de querer ser todos iguais nos xestos, as formas de pensar, actuar ou vivir; e a segunda a de reducir a fe ao que facemos nos templos. Esquecemos entón dous aspectos fundamentais do seguimento de Xesús dos que hoxe nos falan os textos que imos proclamar: que na casa do Deus ao que seguimos e cremos hai moitas estancias, é dicir, cabemos tod@s, máis alá do xeito ou maneira de entender e vivir a fe; e que non vale de moito, mesmo de nada, escoitar moito a Palabra e rezar, se logo non somos capaces de converter esa escoita e ese rezo en vida e preocupación polos outr@s, especialmente os que menos teñen e máis esquecidos están na nosa sociedade.

Que a celebración de hoxe, nos leve a tomar conciencia da pluralidade e solidariedade na que temos que vivir os que nos chamamos crentes.

RENUNCIAS

  • Renuncias a superar a tentación de querer facer da Igrexa unha comunidade pechada dentro dos templos e sen enraizar nos gozos e dificultades do mundo, para abrirte a un diálogo fraterno e sincero con cantos se sintan urxidos a defender a dignidade e a vida humanas?. SÍ, RENUNCIO.
  • Renuncias a facer da Igrexa unha comunidade despreocupada polo que lle pasa aos pobres, desprezados e esquecidos, para camiñar no compromiso de abrir a porta a quen se sinta necesitado de ser escoitado, axudado e defendido?. SI, RENUNCIO.
  • Renuncias a facer da Igrexa un guetto pechado, uniforme e nostálxico do pasado, para esforzarte en construír a túa comunidade desde a experiencia de pluralidade, apertura e gozo?. SI, RENUNCIO.

REMUÍÑO

UNHA COMUNIDADE QUE NON SERVE, PARA NADA SERVE: O texto do libro dos Feitos dos Apóstolos fainos caer na conta de que si queremos construír e ser verdadeiramente unha comunidade cristiá; é dicir, comprometida en levar á vida a mensaxe de Xesús, é necesario que nos paremos a pensar se de verdade cada un e cada unha de nós imos pondo da nosa parte as actitudes das que nos fala Xesús. Non podemos chamarnos, e polo tanto ser, unha comunidade cristiá se non somos capaces de descubrir que non é só a oración ou a proclamación da Palabra o que nos fai seguidores seus. Tamén nós, como fixeron os apóstolos, temos que preguntarnos cómo respondemos, desde a comunidade, ao reto que supón que entre nós haxa persoas, mesmo familias que carecen de medios humanos ou materiais, ilusión, ganas de vivir, compañía, perspectivas de traballo... Temos que aprender a descubrir que ser comunidade cristiá é estar sempre atentos a converter en vida, en actuación, en comportamento a Palabra que proclamamos e desde a que rezamos. Se non o facemos así, todo sería estéril e baleiro. Por que sempre que se fala da pobreza dicimos que na nosa comunidade non hai pobres, cando cada vez imos descubrindo máis?. Porque a pobreza non está só na falta de cartos, hai outras moitas pobrezas das que non somos conscientes, ou das que non queremos darnos conta. Que saibamos espertar a esta sensibilidade para estar dispostos a vivi-lo servizo con quen de nós necesite.

UN SERVIZO QUE NOS CONVERTE EN PEDRAS VIVAS: Vivir en actitude de servizo pide sempre de nós non esquecer que tod@s o seguidores de Xesús estamos chamados a ser “pedras vivas”. Pedras vivas que leven co seu actuar o testemuño da fe que confesan e rezan; da Palabra que escoitan e da esperanza que din ter. É importante preocuparnos polas “pedras mortas” do noso patrimonio eclesial, pero ás veces esta preocupación leva a esquecer que máis importantes que as paredes a conservar, son as persoas ás que hai que amar. Non deixemos pasar esta ocasión á que a Palabra hoxe nos esperta.

UN TESTEMUÑO QUE É A MELLOR ICONA DA FE CONFESADA: Somos entón nós, os que nos chamamos cristiáns, a quen corresponde mostrar co noso testemuño a Aquel que dicimos coñecer, a Xesús. Que non nos pase coma os discípulos, que a pesares de levar moito tempo con El, non entenderan nada. Non terá que dicirnos hoxe a nós algo parecido?: tantas misas, tantos rosarios, tantas novenas, tantas confesións, tantas... e que pouco testemuño!. Esforcémonos por romper a inercia que nos leva a facer o de sempre, por non pararnos a pensar cómo dicir hoxe que seguir a Xesús paga a pena e é un verdadeiro gozo.

CREDO PASCUAL

Creo no Resucitado,

no Señor da Vida, en Xesús de Nazaré,

carpinteiro sinxelo, home do pobo,

predicador itinerante, compañeiro de camiño.

Creo no Resucitado,

o fillo de María,

quen fixo vida as súas palabras do Magnificat,

porque levou a Boa Nova aos pobres e aos excluídos.

Creo no Resucitado,

Señor da comunidade,

quen para ensinar o amor de Deus

chamou a discípulos para compartir a súa vida.

Creo no Resucitado,

no que camiñou polas vilas de Palestina,

no que andou polas ribeiras do lago,

no que se mesturou coa xente do pobo

para mostrar coa súa vida

que Deus non se esquece das persoas,

senón que coñece o sufrimento

e quere a liberación e a xustiza.

Creo no Resucitado,

no que se ocupou dos que sofren,

no que se compadeceu dos enfermos,

no que se achegou aos marxinados,

para ensinarnos que o Deus da Vida

nace entre os pobres deste mundo.

Creo no Resucitado,

no que se animou a presentar a un Deus Vivo,

no que denunciou os ritos baleiros e as leis hipócritas,

no que falou con palabras sinxelas

para ensinarnos que o importante é vivir o que Deus nos propón.

Creo no Resucitado,

no que entregou a vida,

no que cargou coa cruz,

no que viviu o conflito, a incomprensión

e a persecución por ser fiel,

no que nos ensinou que a Deus

coñecémolo se facemos a súa vontade.

Creo en Xesús,

no que viviu como Deus quere que vivamos todas as persoas.

Creo no Resucitado,

que nos chama a seguir os seus pasos

para facer da nosa vida

unha Pascua para os demais,

un paso do Señor para todas as persoas,

un signo de que a vida é sempre máis forte

que toda a morte que a nosa sociedade xera.

Creo en Xesús

porque quero vivir coma El.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na riqueza que supón a invitación a non pecharnos nin en nós nin nos nosos grupos, queremos agora, Señor, presentarche a nosa oración comunitaria, para que á luz da túa Palabra, saibamos convertela en vida. E dicímosche:

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

  • Pola Igrexa, para que nunca esquezamos a importancia do servizo na nosa vida como algo esencial á nosa misión e dediquemos sempre tempo e esforzo para que sexa real no noso compromiso, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

  • Para que nas nosas comunidades e grupos non nos deixemos levar de costumes e tradicións, e espertemos a unha maneira de vivir a fe capaz de respectar a pluralidade de visións e pareceres, acolledora con quen é distinto a nós, disposta a non identificar a fe co que un pensa, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

  • Por tódalas persoas que entregan a súa vida á fermosa tarefa da educación, para que, superando a tentación da rutina, estean sempre atentas e abertas aos cambios que na sociedade se van producindo, e saiban responder aos retos que iso supón e presenta a todo proceso educativo a aos educadores, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

  • Por nós, para que saibamos descubrir que dicirnos seguidores e amigos de Xesús, ha supornos sempre un esforzo por levar á vida de cada día a súa Palabra; non para repetila a modo de retrouso memorístico, senón para vivila con aqueles que coma nós están no mundo e queren servir e entregarse a levar dispoñibilidade e amor a quen os necesite, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA ESPERANZA A RESURRECCIÓN

Grazas, Señor, por espertarnos do sono que nos impide recoñecerte entre os irmáns que con nós comparten a tarefa de facer un mundo integrador e nunca excluínte. P.X.N.S.Amén.

REFLEXIÓN

Unha comunidade
Unha comunidade di moito cando é de Xesús.
Cando fala de Xesús e non das súas reunións.
Cando anuncia a Xesús e non se anuncia a si mesma.
Cando se gloria de Xesús e non dos seus méritos.
Cando se reúne en torno de Xesús e non en torno dos seus problemas.
Cando se estende para Xesús e non para si mesma.
Cando se apoia en Xesús e non na súa propia forza.
Cando vive de Xesús e non vive de si mesma...

Unha comunidade di moito cando é de Xesús.
Unha comunidade di pouco cando fala de si mesma.
Cando comunica os seus propios méritos.
Cando anuncia as súas reunións.
Cando non dá testemuño do seu compromiso.
Cando se gloria dos seus valores.
Cando se estende en proveito propio.
Cando vive para si mesma.
Cando se apoia nas súas forzas...

Unha comunidade non se cambalea polos fallos, senón pola falta de fe.
Non se debilita polos pecados, senón por esquecemento de Xesús.
Non queda pequena por carencia de valores,

senón porque Xesús dentro dela é pequeno.
Non se afoga por falta de aire fresco,
senón por asfixia de ausencia de Espírito de Xesús.

Unha comunidade só se perde cando perdeu a Xesús.
Unha comunidade convence e enche cando é a comunidade de Xesús.

Unha comunidade é forte, cando Xesús dentro dela é forte.
Unha comunidade pesa, cando Xesús dentro dela ten peso.
Unha comunidade marcha unida, cando Xesús está no medio.
Unha comunidade esténdese, cando estende a Xesús.
Unha comunidade convence e enche, cando é a comunidade de Xesús.

CANTOS

Entrada.- Bendito , Xesús resucitado

Gloria.- Gloria a Deus, gloria ao Pai...

Lecturas.- Cantádelle ao Señor, unha cantiga nova

Ofertorio.- Acharte presente

Comuñón.- O amor é o meirande.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...