Ir al contenido principal

Deus acolle

Do puño pechado á man aberta. Deus acolle, non enfronta

PÓRTICO

Nunha sociedade cada vez máis laica, o que é bo, como é a nosa, onde Deus acaba sendo, cando o é, que non o é sempre, un convidado de pedra ao que non se lle ten en conta ni se lle espera, resulta moi difícil entender canto nos fala de gratuidade; de facer as cousas de balde, de ser capaz de dedicar tempo, medios e tamén vida aos demais sen que por iso se nos teña que dar nada a cambio. Porén para o Profeta e tamén para Xesús, é a gratuidade a característica que máis e mellor nos axuda a entender qué se esconde tras da palabra Deus. Para El todo se entende desde a capacidade de darse, entregarse, pórse a disposición e ao servizo de Deus.

Que lonxe esta a nosa sociedade de entendelo!, pero aínda máis, que lonxe estamos os cristiáns de entendelo!. Deixemos xa de dicir como son os outros e poñámonos nós a actuar segundo a invitación de Xesús e a coherencia da fe que dicimos ter.

O PERDÓN

  • Polas moitas veces nas que os nosos intereses: económicos, afectivos, laborais, familiares... son máis importantes que a gratuidade na que nos invitas a vivir cada día, SEÑOR, ALENTA A NOSA COHERENCIA.

  • Porque seguirmos gastando os cartos e as forzas no que non alimenta: aumentar o noso benestar, elevar o noso nivel de vida, mellorar a nosa privilexiada posición social…, CRISTO, ALENTA A NOSA COHERENCIA.

  • Polas veces nas que a nosa insolidariedade nos leva a facer xuízos superficiais sobre os irmáns que non teñen comida, traballo ou pasan por dificultades, escudándonos na acusación fácil de que son vagos e non queren traballar, SEÑOR, ALENTA A NOSA COHERENCIA.

REMUÍÑO

  • Abres a túa man, e énchesnos de favores: Estamos ateigados estamos de violencia. Chega con abrir un xornal ou poñernos diante da televisión e ver os informativos, para darnos conta. Nunha situación así, chama a atención que alguén nos ofreza non o puño pechado do enfrontamento, senón a man aberta da solidariedade, da gratuidade, da esperanza que nos alenta no camiño da nosa vida e das nosas decisións. Acoller esta man supón que estamos dispostos a abrila tamén aos demais, especialmente a aqueles que non ocupan nin grandes tribunas públicas nin son portada de medios de comunicación, pero necesitan, e tamén agradecen, esa man que pon sorriso, ledicia, optimismo, capacidade de pensar e facer algo novo, sen deixarnos ir do derrotismo utilitarista tan ao uso. Por que?. Por que esta man é a man do Deus amigo e compañeiro na viaxe da vida. Para un crente a man aberta é signo da presenza da salvación ofrecida e que se vai realizando cada día desde o traballo entregado e calado de tantas persoas que teñen a Deus coma sentido do que son e queren seguir sendo.


  • Nada nin ninguén nos pode afastar do amor de Cristo”: Por iso, con Paulo, podemos dicir: que nada nin ninguén nos vai afastar do amor de Cristo; que somos capaces de descubrir nesa historia de amor e salvación que é o compromiso, a cercanía, o esforzo por vivir de verdade a fraternidade con aqueles que están ou pasan preto de nós o verdadeiramente importante e o que dá sentido á nosa vida. É verdade que temos contratempos e dificultades: inseguridades, medos, perigos, incertidumes, equivocacións, fracasos….; pero no medio de tantas cousas negativas, mellor dito por riba delas, a experiencia do amor de Deus é tan clara, está tan próxima e cercana que é imposible non sentila. Nós moitas veces diante de dificultades, problemas ou peticións dos outros, rapidamente dicimos “non é o meu problema”, pois xa temos abondo con cargar co noso como para cargar tamén co dos demais. Porén Deus, diante dos nosos problemas endexamais di “non é o meu problema”, nunca nos despide para que os resolvamos solos; senón que El sínteos e víveos coma propios, nunca nos deixa solos con eles. Por iso nada nin ninguén nos poden afastar dese Deus amor manifestado en Cristo.


  • Comeron ata fartar, aínda sobrou”: E puideron comer porque o seu foi un banquete fraterno e solidario, no que ninguén se sentía superior ao ninguén e tod@s estaban dispostos a compartir o moito ou pouco que tiñan. E nós, desde o noso compromiso cristián estamos chamados a ser “radares sociais”, tendo unha especial sensibilidade para captar as necesidades dos que están ao noso redor. E iso só se consigue estando coas persoas, vivindo coas persoas, traballando con e polas persoas. Xesús compadécese da multitude; pero logo vai máis alá e comparte con ela. E nós, só nos compadecemos ou tamén estamos dispost@s a compartir?. Porque hoxe Xesús deixa claro que quen se compadece e non comparte, fai só teatro. E compartir que?. Pois o que se ten: tempo, sorrisos, cualidades… pans e peixes. Veremos como así a cousa se multiplica. Porque compartir é multiplicar. O pouco, cando somos capaces de repartilo e compartilo, sen buscar nin interese nin rendibilidade, acaba converténdose en moito. Que nos pasa para que non sexa así?. Porque nós repartimos e compartimos cada domingo este pan de presenza e salvación transformadora de persoas e sociedades, e porén, nada cambia en nós, e nada somos capaces de cambiar no mundo. Por que estamos tan estancados e adormecidos?. Non será porque comemos ata fartar, pero somos incapaces de descubrir si o que está ao noso lado ten pan para poder comer?: pan de cultura, pan de traballo, pan de familia, pan de amigos, pan de esperanza...


  • Porque o milagre está no reparto, na solidariedade, no amor; porque sen fraternidade non é posible a vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con ánimo de compartir unha oración verdadeiramente solidaria e gozosa, dirixímonos a Ti, Deus do Pan e da Palabra, para dicirche xuntos:

Que saibamos compartir cos irmáns o pan que nos deches

  • Para que a Igrexa, en todos e cada un dos seus membros, asuma o compromiso de ser a primeira testemuña, diante deste mundo que tanto fala e pouco fai, que se compromete a levar o pan da dignidade, a palabra e o alimento aos irmáns que non o teñen. OREMOS.

Que saibamos compartir cos irmáns o pan que nos deches


  • Polos que teñen fame de traballo, casa e pan; polos que teñen fame de xustiza, igualdade e liberdade… para que nunca perdan a esperanza dun novo mundo solidario, OREMOS.

Que saibamos compartir cos irmáns o pan que nos deches


  • Para que cada un dos que hoxe estamos a participar da celebración e temos escoitado a Palabra a través da que Deus nos fala, saibamos ila concretando en vida, compromiso e preocupación polos máis necesitados das nosas parroquias, dioceses ou outros mundos, esforzándonos por renunciar ao que non necesitamos para así poder compartilo cos que menos teñen, OREMOS.

Que saibamos compartir cos irmáns o pan que nos deches


Grazas, Señor, por seguir insistindo en que a fe non é un conxunto de bonitas teorías, senón un compromiso persoal e comunitario por poñer sorriso solidario e esperanzado nos beizos e na vida de quen sofre, non ten posibilidades nin medios para vivir con dignidade. P.X.N.S.Amén.

Reflexión

(Hoxe propoñemos dous textos para a reflexión, para ler en dous momentos distintos da celebración. Este primeiro, coidamos que podería ser lido na pregaria eucarística. Onde hai Celebración da Palabra propomos que se lea no ofertorio)

Pedimos a Deus, o noso Pai, que nos dea o pan necesario para cada día, é dicir, que se garanta a vida día con día, que non acaparemos, que sexamos solidarios, que se teña acceso ao traballo digno. Isto lévanos a dicir que non debería de existir xente rica, pois toda riqueza indica falta de solidariedade, inxustiza no traballo e os salarios que se pagan, grandes acumulacións de terras en poucas mans. Noutras palabras, non existirían os pobres, xa que todo o mundo tería o seu pan diario, acceso á saúde, educación e vivenda digna.

Oramos tamén para que se estableza unha nova orde de relacións sociais, onde sexamos capaces de amarnos mutuamente, de ser solidarios, de perdoarnos cando nos magoamos e ofendemos. Pídese que rompamos coas inxustizas sociais, coa marxinación, cos prexuízos, coa opresión e a indiferenza. A nivel internacional, debemos construír un sistema de cooperación e comercialización xusto, de tal forma que o peixe grande non coma aos peixes pequenos, que non se acabe cos nosos recursos naturais, que non nos escravicen a través das débedas externas que nos absorben e anulan a nosa liberdade e que se termine con toda a inxustiza que se comete ao desprezar a vida humana a cambio do mercado e as ganancias que produce.

Xesús preséntanos a Deus como Pai bo, tenro e amigo. Aquel a quen podemos acudir así sexa a media noite e, aínda que teñamos que insistir moito, El atenderanos. Non podemos permitir que nos falsifiquen a imaxe do Deus de Xesús, por iso é necesario que estudemos, profundicemos e reflexionemos sobre a súa Palabra, en especial, os Evanxeos, e que pidamos o Espírito Santo para que poidamos entrar en sintonía con El e actuar segundo a súa vontade. E que Deus non nos deixe caer nas tentacións, é dicir, que nos libre de ser vitimarios. Para isto debemos de ter unha sólida oración. É necesario tamén, que tomemos en conta que Xesús denuncia e condena a oración que se fai con moitas palabras e repetir e repetir, pois así cren que Deus escoitaraos.

Condena tamén a oración chea de hipocrisía, buscando ser vistos nos lugares públicos. Condena a oración daquelas persoas que se cren boas e mellores que o resto do mundo porque cumpren con normas, con rituais, con esmolas, ofrendas e doazóns, pero que non aman ao seu próximo, menos se é pobre. Condena a oración dos que lle din: ¡Señor, Señor!, pero non fan a súa vontade e aquela oración que o único que fai é disfrazar a inxustiza.


(P. Casaldáliga)


(Este segundo texto de reflexión propoñémolo, coma todos os domingos, para facer coma acción de grazas despois da comuñón)

Partir con quen non ten nada,

pero que é digno de todo aos seus ollos e aos de Deus.

Partir non só o que nos sobra,

tamén o que traballamos e ata o que necesitamos.

Partir por xustiza, por amor,

por riba do que é legal,

sen levar contas,

ata que o outro se sinta a gusto.

Partir con sinxeleza e con entrega,

sen crerse superior ou mellor,

sen esixir recoñecemento.

Partir evanxelicamente,

en todo tempo,

en todo lugar,

en toda ocasión,

agora xa.

Partir,

ou alomenos intentalo,

nunca en soidade, sempre en compaña;

nunca para salvar, e menos aínda para sentirse salvado;

sinxelamente para facer posible o compartir, coma Ti, Señor.

CANTOS

  • ENTRADA: Vinde axiña

  • LECTURAS: Benaventurados

  • OFERTORIO: O pouco que Deus nos dá

  • COMUÑÓN: Ti es o Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...