Ir al contenido principal

O Tesouro

Por que nos empeñamos en crer que os tesouros só son materiais?

Pórtico
Sempre que se escoita a palabra tesouro rapidamente a asociamos con algo de moito valor material; como se non houbese outros moitos tesouros dos que poidamos disfrutar e enriquecernos humanamente. Por que estamos sempre tan apegados ás cousas que dan rendibilidade puramente material?.
Poren, a Palabra de Deus hoxe fálanos doutro/s tesouro/s: os tesouro/s que dan sentido a unha vida, que nos levan a valorar o cotián, o pequeno, a disfrutar de todo aquilo que ao mellor non nos fai ricos en cartos, pero si nos enriquece en amigos, realización persoal ou sentido da vida.
Abrámonos a esta Palabra que nos fala para a nosa vida de cada día.

Perdón
Porque non valoramos tódolos tesouros que pos no noso camiño: familia, amigos,educación, posibilidade de formarnos e pensar por nós mesmos...SEÑOR, SE SEMPRE O NOSO TESOURO.
Porque son moitos os tesouros que desperdiciamos cada día ao non loitar e traballar por eles: dereitos, traballo digno, salario xusto... CRISTO, SE SEMPRE O NOSO TESOURO.
Porque deixándonos levar das nosas rutinas, non somos capaces de embarcarnos no teu proxecto de construír unha sociedade máis solidaria e fraterna, SEÑOR,. SE SEMPRE O NOSO TESOURO.

Remuíño
  • Concédelle ao teu servo un corazón escoitador: O Rei Salomón, podendo pedir bens materiais, pide algo que hoxe a moitos, mesmo dentro da Igrexa, os desconcertaría:un corazón capaz de escoitar, acoller, pararse, preocuparse polos demais, disposto a renunciar á propia comodidade para que outros se sintan dignamente tratados coma persoas. Que lonxe estamos deste xeito de actuar!. A humanidade que hoxe se nos quere mostrar en Salomón, é a humanidade que tamén se nos pide a cada un dos que nos chamamos crentes, seguidores, discípulos...de Xesús. Para iso non temos que competir con ninguén, bástanos con ser coherentes coa fe que compartimos, co credo que rezamos, coa oración que comunitariamente expresamos. Que tamén nós teñamos a sinceridade e forza suficientes para dicirlle ao Señor que nos abra o corazón a escoitar a tantas persoas que no mundo de hoxe, e non moi afastados de nós, senten a necesidade de ser escoitadas, queridas, acompañada ou axudadas. É aí, e non noutras tribunas ou areópagos, onde se mostra que, de verdade, Nel pomos a nosa confianza.
  • Que saiba gobernar distinguindo o ben do mal: A capacidade de abrirnos a escoitar non nos vén dada, temos que esforzarnos cada día en loitar por conseguila, en aprender, e iso suponnos moito adestramento. Do mesmo xeito que un atleta, un artista necesita moitas horas de preparación, se fai falta repetindo a mesma cousa unha e outra vez ata que saia ben (pensemos no esforzo que nestes día están a facer moitos atletas para poder conseguir a clasificación para as Olimpíadas), e non se aburre, inda que lle canse, porque aí pon as súas ilusións, as esperanzas, a súa felicidade...tamén nós debemos adestrar para conseguir que os mellores resultados no seguimento de Xesús; uns resultados que abranguen canto nos humaniza: o sentido da vida, a realización persoal, a apertura solidaria aos demais, o trato xusto e igualitario ás persoas... e todo canto nos fai ir camiñando na búsquea da felicidade plena –que está formada de pequenos momentos de felicidade– que nos fai estar a gusto cun mesmo e descubrir o importante que pode ser o noso tempo para os demais.
  • Acoller o tesouro abre o camiño da felicidade: E deste xeito seremos capaces de descubrir o verdadeiro tesouro, a perola máis grande, o mellor peixe: Xesús. El é para nós o Todo, e desde El ten sentido a nosa entrega, o noso esforzo, mesmo o noso sufrimento e as dificultades que imos atopando no gran maratón que tod@s temos que correr. El é o verdadeiro premio na olimpíada da vida , e cada un/ha somos invitad@s, a participar; a ninguén se exclúe. E un non conseguirá entrar na carreira se non está totalmente namorado daquel que nos abriu o camiño. Se o facemos así, entenderemos por qué temos que ir deixando cousas atrás, por qué non todo vale, por qué é necesario xerarquizar importancias, valores, principios; entenderemos de vez que as dores, as nosas inseguridades, as nosas autosuficiencias, as nosas preguizas, os nosos orgullos…, non foron máis que pequenos pasos para chegar á verdadeira felicidade: Xesús de Nazaret, o noso Tesouro.

Oración da comunidade
Sabendo que o noso tesouro está en ir deixando atrás canto nos desacouga para camiñar na compaña do Amigo que pasou facendo o ben, dicimos agora xuntos:
GRAZAS POR SER O NOSO TESOURO
  • Pola Igrexa, para que saiba por no centro da súa proposta aos homes e mulleres do noso tempo, a Xesús, perola e tesouro que enriquece e da sentido á nosa vida, e non normas, imposicións e condenas, OREMOS.
GRAZAS POR SER O NOSO TESOURO
  • Polas nosas comunidades, para que deixemos de vivir a fe como un acto social, e tomemos en serio que atopar o Tesouro ten que cambiar a nosa vida, para que deixando atrás medos, inseguridades e vergoñas, vaiamos descubrindo que só unha cousas nos fai felices e nos enriquece: Xesús de Nazaret, OREMOS.
GRAZAS POR SER O NOSO TESOURO
  • Por nós, para de verdade nos deixemos ilusionar polas sementes do Reino que cada día crecen ao nosos lado, aínda que non se proclamen conscientemente seguidores de Xesús, e non sexan participantes nas celebracións dos cristiáns, OREMOS.
GRAZAS POR SER O NOSO TESOURO
Grazas por ser o noso verdadeiro e único tesouro. PX.N.S. Amén.

Reflexión
Señor, moito vales.
A maior ganancia es Ti.
A perola máis fermosa es Ti.
O tesouro máis desexado es Ti.
O demais non enche, non satisface.
Ditosa a persoa que tropeza contigo.
Ditoso quen te atopa e te descubre.
Todo o que buscamos lévalo Ti:
verdade, xustiza, amor, paz, ledicia, revolución, fraternidade, festa, solidariedade, nova vida, nova sociedade, nova humanidade.
Todo ten o teu rostro, a túa voz, o teu nome.
Ti es o tesouro da nosa vida.

CANTOS
Entrada: Vinde axiña
Lecturas: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
Ofertorio: Na nosa terra
Comuñón: Sede o sal, sede a luz

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...