Ir al contenido principal

Domingo 27

Unha viña con uvas a rebordar
Pórtico

Na viña do Señor, na Igrexa, hai moitas clases de uvas: grandes, pequenas, doces, agreas, de boa e de mala calidade. Nestas uvas estamos representados cada un e cada unha de nós. Que a anada sexa boa ou mala depende de moitas cousas: tipo de terra, clima, tratamento...pero cando un planta a viña o que busca é que dea o mellor froito. Iso mesmo quere Deus de nós. Sabe que somos distintos, que cada un ten o seu xeito, a súa maneira, o seu proceso...pero o importante é que día a día vaiamos preparando a terra para dar bo froito, e froito en abundancia: as nosas boas obras.
Que a celebración de hoxe nos faga caer na conta da necesidade de formarnos máis e mellor para que o noso froito sexa abundante.

O PERDÓN

Porque nos sobra crítica e fáltannos traballo e compromiso, SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS A DESGANA.
Porque nos sobran prexuízos e clasismos e fáltanos coherencia entre o que dicimos e rezamos e o que facemos, CRISTO, QUE DEIXEMOS ATRÁS A DESGANA.
Porque nos sobran prepotencia e egoísmo e fáltannos humildade e sinxeleza, SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS A DESGANA.

REMUÍÑO

Se analizamos ben o sentir común de moitos cristiáns, decatarémonos de que cos seus feitos dan a entender que a moral cristiá é unha moral que esixe cousas moi afastadas da vida cotiá. As cousas ordinarias, as realidades diarias, as tarefas e as implicacións sociais ou persoais… quedan fóra desta moral, que, para eles, é outra cousa.
Así, moitos pensan que as obrigacións das leis de tráfico son unha cuestión civil; pero non moral. Moitos tentan defraudar e mesmo defraudan a facenda na súa declaración da renda, porque isto, como ben sabemos, non ten que ver en absoluto coa moral cristiá. A corrupción administrativa e xurídica, as recomendacións de calquera tipo, o tráfico de influenzas, as inxustizas nos procedementos administrativos e legais tan comúns no noso mundo e nos nosos días, teñen como protagonistas a cristiáns que din ter a conciencia tranquila, porque a moral é outra cousa. As relacións laborais (cheíñas de abusos), o compromiso político, o paro, a fame no mundo, o subdesenvolvemento… son cuestións irrelevantes desde o seu punto de vista, porque… a moral cristiá refírese a outras cousas.
O resultado?. Un auténtico caos. Moitos cristiáns acúsanse compunxidos de faltar á Misa un domingo, mesmo de ter actuado contra do sexto mandamento; porque é a estes dous aspectos ou a dun deles aos que relegan a moral cristiá. Así, non consideran inmoral explotar aos demais, non tomar en serio o seu compromiso, non formarse máis alá do cristianismo infantil no que están situados, non dar testemuño, non compartir bens e talentos, non participar na vida da Igrexa…
Por iso, as palabras de Paulo que vimos de escoitar, poden conmover as nosas conciencias. Xesús trouxo o anuncio dun Reino novo, que ten en conta todo o que é bo, nobre, belo, xusto, verdadeiro, amable… O día no o que teñamos en conta, ganará moito prestixio a moral cristiá.
Porque…non nos enganemos. Deus segue a enviar profetas, voces inconformistas que piden un cambio na humanidade e na Igrexa. Voces que nós esquivamos de moitos xeitos: difamando, acusando, excluíndo, ignorando, desprezando, burlándonos…mentres defendemos un cristianismo cómodo, egoísta, clasista e tranquilo.
A que esperamos para ir traballar na viña do Señor?. Hoxe é un bo momento para comezar.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Os bos froitos non chegan nunca por mor do azar, senón que requiren sempre esforzo, traballo e moito cansanzo. Conscientes diso, compartamos xuntos a nosa oración comunitaria e digamos:
QUE O NOSO TESTEMUÑO SEXA SINCERO
Pola Igrexa, para que nunca se venda, senón que saiba ser, nun mundo cambiante, a voz profética que denuncie as inxustizas, colaborando así na construción do Reino, OREMOS.
QUE O NOSO TESTEMUÑO SEXA SINCERO
Para que nas nosas comunidades saibamos descubrir, valorar e aprender do compromiso entregado e solidario de tantos dos seus membros que entregan a súa vida a servir a quen está necesitado de tempo, alegría, escoita e cariño, OREMOS.
QUE O NOSO TESTEMUÑO SEXA SINCERO
Por nós, para que non caiamos na fácil tentación da mentira, o engano ou a aparencia, pretendendo enganarte deste xeito a Ti e aos irmáns, OREMOS.
QUE O NOSO TESTEMUÑO SEXA SINCERO
Grazas por lembrarnos cada día que non é na coroza que nos pomos por riba, senón na sinxeleza de quen nace nu, como mellor responder a túa invitación de dar froito de boas uvas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Queda prohibido chorar sen aprender,
erguerse un día sen saber qué facer,
ter medo das lembranzas…
Queda prohibido non lle sorrir aos problemas,
non loitar polo que queres,
abandonar todo por medo,
non converter en realidade os teus soños.
Queda prohibido non tentar comprender ás persoas,
pensar que as súas vidas valen menos cá túa,
non saber que cadaquén ten o seu camiño e a súa felicidade.
Queda prohibido non crear a túa historia,
non ter un momento para quen precise de ti,
non comprender que o que che dá a vida… ás veces tamén cho quita.
Queda prohibido non buscar a túa felicidade,
non vivir a túa vida cunha actitude positiva,
non pensar en que podemos ser mellores,
non sentir que, sen ti, este mundo non sería o mesmo.
(P. Neruda)
CANTOS

ENTRADA: Vinde axiña
LECTURAS: Sementar, sementarei
OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño
COMUÑÓN: Misioneiro/Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...