Ir al contenido principal

Domingo 26 TO

NADA DE “XUNTÉMONOS… E IDES”

Pórtico

Moitas veces no noso actuar, cústanos rectificar, e tamén nos custa descubrir que os demais poden cambiar. Sempre buscamos segundas intencións, comportamentos interesados ante o cambio dos demais: farao porque… ese é así, por algo será…

A celebración de hoxe, móstranos, por un lado que é importante rectificar os erros que cometemos, pero tamén é moi importante recoñecer o cambio nas demais persoas, pois como nos di un salmo: o Señor ensina o seu camiño aos humildes.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a abrir o noso corazón para deixarnos guiar polo Señor.

Perdón

  • Polas veces en que lle botamos as culpas aos demais do noso actuar, escondendo a man e acusando sen dificultades, SEÑOR, A TÚA MISERICORDIA É ETERNA.

  • Porque moitas veces preferimos que os outros fagan o traballo, actuando segundo a lei do mínimo esforzo, reducindo a nosa vida a un deixarnos levar, CRISTO, A TÚA MISERICORDIA É ETERNA.

  • Polas veces que queremos ter razón, ser o centro de atención, que os demais estean pendentes de nós, que nos digan o moito que facemos e o ben que actuamos, SEÑOR, A TÚA MISERICORDIA É ETERNA.

Remuíño

  • Hoxe tamén, coma nos tempos do profeta, moitas veces culpamos a Deus de tantas cousas: da fame no mundo, da morte de tanta xente inocente, mesmo das catástrofes naturais. E é que ás veces a nosa imaxe de Deus está máis preto da dun mago ou dun cura-todo, para o que nós non seriamos máis que simples monicreques nas súas mans. Lonxe disto, o profeta fálanos dunha responsabilidade individual que cada un e cada unha de nós debemos ter sobre aquilo que dicimos e , sobre todo, sobre aquilo que facemos. Deus creounos e salvounos para que sexamos libres, capaces de tomar decisións e responsabilizarnos delas, sen botar balóns fóra.

  • Desde esta liberdade estamos chamados a construírmos sociedade, tecido social. Para iso, como nos di Paulo, cómpre traballarmos xuntos con todos aqueles que, coma nós, procuran un mundo máis xusto e solidario para todos. Só se nas nosas comunidades, nos nosos barrios, nas nosas familias.... traballamos para construírmos pontes que unen e non muros que separan, estaremos dando testemuño do Reino no medio do mundo. É verdade que ás veces teremos diferentes puntos de vista, distintas opinións; pero tamén é verdade de que a pluralidade de visións e de opinións enriquécenos, e que por riba das nosas distancias hai unha fe nun Deus pai que nos fai a todos irmáns.

  • Porque en tantas ocasións da nosa vida pásanos coma ó fillo da parábola que escoitamos: dicimos que si a Deus coa boca pequena, estamos cheos de boas intencións, pero á hora do compromiso e da posta en práctica ¡cústanos tanto!. Cúmprese así aquel vello dito: xuntémonos e ides. Moitas veces cos nosos rezos e cos nosos ritos baleiros, coas nosas celebracións atufando a incenso, pretendemos encubrir unha fe equivocada, vivida individualmente e de costas ós demais; esquecendo que acoller nas nosas vidas a salvación que vén de Deus supón amar ó próximo.

Oración da comunidade

Señor, Ti chamas por todos nós para levar o Reino a tódalas persoas, escoita a nosa oración e fai que non nos falten folgos para levar a cabo a nosa misión. Respondemos xuntos:

SEÑOR, ENSÍNANOS OS TEUS CAMIÑOS

  • Pola Igrexa, para que se renove continuamente á luz da Palabra e no contacto coas persoas, recoñecendo os erros e converténdose de tantas actitudes impropias do evanxeo, e así dea sempre resposta renovada a todos, OREMOS.

SEÑOR, ENSÍNANOS OS TEUS CAMIÑOS

  • Polas nosas comunidades, para que percorran o camiño do abaixamento e a humildade, e así xuntas, mostren a tódalas persoas o amor do Señor, un amor que acolle, que une, que é paz e felicidade, OREMOS.

SEÑOR, ENSÍNANOS OS TEUS CAMIÑOS

  • Por todos nós, para que non nos arrepintamos de dicirlle si ao Señor, e polo contrario, cheos de alegría, transformemos a nosa realidade, conscientes de que esa é a nosa misión, OREMOS.

SEÑOR, ENSÍNANOS OS TEUS CAMIÑOS

Grazas, Señor, porque segues a ter paciencia con tod@s nós. Danos azos para seguir os teus camiños. PXNS.


Para a Reflexión

Concédenos, Señor,

un pouquiño de calor para a nosa frialdade,

un pouquiño de consistencia para o noso barro,

un pouquiño de auga para a nosa sede,

un pouquiño de luz para os nosos momentos de escuridade,

un pouquiño de ledicia para as nosas penas,

un pouquiño de paz para a nosa loita de cada día,

un pouquiño de tenrura para as nosas fraquezas,

un pouquiño de amor para o noso egoísmo,

un pouquiño de ilusión para a nosa desgana,

un pouquiño de auxilio para as nosas necesidades,

un pouquiño de firmeza para as nosas decisións,

un pouquiño de vida, para a nosa vida.


Concédenos, Señor,

un pouquiño de escoita para a túa Palabra,

un pouquiño de sabedoría para sermos felices,

un pouquiño de tempo, para aprender a ser fillos e fillas.


Aínda que non che pidamos nada, ou che digamos o contrario…

Concédenos, Señor.


Cantos

  • Entrada: Unha xuntanza de amor

  • Lecturas: Grazas Señor, graciñas

  • Ofertorio: O mar as estrelas

  • Comuñón: O pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...