Ir al contenido principal

Domingo 15 TO

ENFERMOS DE NARCISISMO

PÓRTICO

Mira pero non toques!. Este parece ser o lema do noso tempo. Á nosa memoria veñen os vídeos de pelexas, de vexacións a persoas que se colgan na rede, feitos por miróns que non teñen reparo en quedarse á marxe e non intervir. E baixo a escusa de non complicarnos a vida ou de non contaminarnos, deixamos que suceda todo como espectadores, sen máis.

A celebración de hoxe, pídenos que nos impliquemos, que descubramos no outro a unha persoa que necesita de nós. Onde está o teu próximo?. Aí. Pois, a que esperamos para achegarnos?.

O PERDÓN

  • Señor, na nosa sociedade hai demasiado consumo inútil, superficial e egoísta. Para que nos decatemos de que é inxusto e inhumano seguir disfrutando sen límite, mentres deixamos a tant@s irmáns sen o que lles cómpre para vivir con dignidade, SEÑOR, QUE NOS FORMEMOS PARA COÑECERTE.
  • Porque a nosa fe redúcese a un mero aparentar, pois non ten repercusións na nosa vida, CRISTO, QUE NOS FORMEMOS PARA COÑECERTE.
  • Non poucas veces pensamos en Ti coma se foses un tendeiro ao que lle pagamos pola mercancía que nos serve –favores, curacións, promesas…-, e non coma o que es: o amigo que acompaña e alenta no camiño da vida, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS FORMEMOS PARA COÑECERTE.

REMUÍÑO

O MANDAMENTO ESTÁ MOI PRETO DE TI, NO TEU CORAZÓN E NA TÚA BOCA. CÚMPREO: Desde pequen@s ensináronnos o Decálogo, a lei de Deus, o que tiñamos que cumprir para non pecar, para fuxirmos do castigo, para irmos ao paraíso. Co paso do tempo fixémonos adult@s e, ao peor, a nosa vida de fe non madurou, senón que permaneceu e permanece nun infantilismo constante que pouco a pouco vai facendo que detrás das nosas actuacións e das nosas palabras haxa calquera tipo de motivación (social, política, intereses particulares…) agás a motivación relixiosa. Noutras ocasións esta motivación relixiosa aparece coma algo negativo (non fagamos isto, non vaia ser que Deus nos castigue), detrás da cal está o medo, a maxia, a superstición ou un culto baleiro, ritualista, frío, sen sentido.

Porén, o cristianismo non recoñece máis que unha forma para relacionarnos con Deus: o amor. Nunca o medo ao castigo, nin o desexo dun premio, nin a lei que me obriga a facer algo baixo pena de pecado mortal ou venial, nin a tradición familiar. Ensinóusenos a doutrina, saturóusenos de nocións abstractas, definicións, normas morais e dogmas… pero ensinóusenos a amar a Deus?, ensinamos nós, coma testemuñas de Xesús, a amar a Deus?; preparóusenos para vivir a fe dunha forma serena, libre e responsable, para saber presentármonos diante de Deus sen medo e darlle unha resposta nosa, saída desde o fondo da nosa conciencia coma unha convicción persoal?. A primeira lectura que hoxe escoltamos déixanolo claro:"o precepto do Señor non é inalcanzable, non está no ceo, nin fóra deste mundo, senón que está no noso corazón". Aí é onde temos que buscalo e atopalo.

FAI TI O MESMO: PRACTICA A MISERICORDIA CO TEU PRÓXIMO: A relixión, calquera relixión, é algo moi cómodo. Trátase de cumprir cunha serie de obrigas e xa somos bos. Ir ao templo, facer as miñas oracións, novenas.... pedirlle aos meus santos e xa está. E mesmo podemos facer unha relixión á carta. O importante é crer en algo, por se as moscas. O caso é que realizando algúns ritos, teñamos contento a Deus, que gañemos o ceo. Despois, xustificad@s, content@s e tranquil@s... marchamos a outra cousa bolboreta, sen problemas. Ves, só hai que cumprir as normas, canto máis ao pé da letra mellor. Por iso a moit@s cristiáns de hoxe, que van máis alá, comprometendo a vida, díselles todo tipo de lindezas: roxos, revolucionarios, subversivos, que non son piadosos...., facendo realidade aquela frase de Helder Cámara "cando lle dou pan a un famento, chámanme santo; cando pregunto por que a xente pasa fame, chámanme comunista". O sacerdote e o levita son representantes oficiais da relixión, preocupados polo templo, o culto e o servizo legal a Deus. Seguro que serían uns xudeus intachables, seguro que estarían ben vistos polas autoridades relixiosas, seguro que... pero estaban ben lonxe de descubrir que El é amor. Estaban enfermos de narcisismo. Só miraban coma os burros, cara adiante, sen ser quen de mirar en abano para descubrir a quen estaba ferido no camiño. Xesús descalifícaos, porque estar "oficialmente" ao servizo de Deus e pasar de longo diante da persoa necesitada é non entender o mandado de Deus, é pasar de longo diante do que hai que facer para ter vida. A relixiosidade sen próximo terxiversa o mandado de Deus, é falsa. O samaritano, en troques, estaba mal visto, era un revolucionario, un ninguén, un herexe, un proscrito; pero soubo mirar en abano para descubrir a quen estaba tirado na cuneta. E hoxe?. Pois podemos seguir afirmando o mesmo: a nosa Igrexa, a que formamos tod@s nós, tamén segue doente de narcisismo, segue a mirar só de fronte, pechándose a descubrir e a axudar a quen está desconsolado, marxinado, silenciado e abatido, ou o que é pior, sendo ela tantas veces quen pon o pé no pescozo de tanta xente para tirala e calala dunha vez por todas. Aquel home anónimo, viaxeiro solitario, sen nome nin compaña, maltratado por bandidos e medio morto, ten rostro e nome: o dos millóns de parad@s, o dos minusválidos, o dos anciáns cunha pensión de miseria, o dos enfermos, o das zonas rurais esquecidas, o dos países subdesenvolvidos... Aínda hai moitos letrados dentro da nosa Igrexa que prefiren seguir preguntándolle ao vento quen é o meu próximo, pechándose á evidencia. Porén, a Palabra déixanos claro unha vez máis que Deus segue estando nas nosas mans. Que o podemos tocar na persoa enferma, na famenta, na explotada, na inocente, na perseguida... que o amamos cando de verdade amamos... mesmo ao noso inimigo. Cando nos fartaremos de tanta teoría?. Cando inxectaremos a vacina contra a terrible enfermidade do narcisismo que tantas vítimas vai sementando ao noso redor?. Cando nos enchouparemos da misericordia do Señor e non da rixidez da letra?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Querendo descubrirte desde as páxinas do Evanxeo, e non en historias nas que tantas veces fomos esquecendo a frescura e a ilusión que nos ofreces, dicímosche:

QUE AMEMOS CO CORAZÓN E NON CO INTERESE

  • Somos Igrexa e na Igrexa, e moitas veces esquecemos isto, Señor, deixando que outros fagan e decidan por nós; renunciando a coñecerte como Ti es, e conformándonos cunha fe adormecida e de costumes, non de vida, Oremos.

QUE AMEMOS CO CORAZÓN E NON CO INTERESE

  • Nas nosas comunidades sobran palabras: eu non vou á misa pero creo e son mellor ca ti que vas, eu vou a misa e ti non vas, eu, eu, eu… o que nos fai esquecer que somos memoria comunitaria, que non estamos solos nin somos únicos, senón moitos que por camiños diversos buscan un mesmo fin: o amor, Oremos.

QUE AMEMOS CO CORAZÓN E NON CO INTERESE

  • Cada un dos que hoxe buscamos un momentiño para pensar en Ti, e ver como podemos facerte presente na nosa vida, Deus da fraternidade, queremos agora poñernos ao teu dispor a través do servizo desinteresado aos irmáns que necesitan de nós: enfermos, impedidos, solos, desganados, alterados… faltos de amor, Oremos.

QUE AMEMOS CO CORAZÓN E NON CO INTERESE

Grazas, Señor, porque outra vez, e mira que non te cansas de dicírnolo, pos en nós a túa confianza para que deixemos atrás os nosos medos, e tomándote en serio aprendamos a amar.P.X.N.S.Amén.

REFLEXIÓN

ORACIÓN DO BO SAMARITANO

Señor, non queremos pasar de lonxe diante da persoa ferida no camiño da vida.
Queremos achegarnos e contaxiarnos da túa compaixón,
para expresar a túa tenrura,
para ofrecer o aceite que cura feridas e o viño que recrea e namora.

Ti, Xesús, bo samaritano, achégate a nós, como fixeches sempre.

Vén a nós para introducirnos na pousada do teu corazón.
Achégate a nós, feridos polas frechas da vida, pola dor de tantos irmáns,
polos misis da guerra, pola violencia dos poderosos.

Si, achégate a nós, bo samaritano;
lévanos nos teus ombreiros, pois somos ovellas perdidas;
carga con todas as nosas caídas,
axúdanos en todas as nosas tribulacións,
faite presente en todas as nosas horas baixas.

Vén, bo samaritano,
e fainos ter os teus mesmos sentimentos,
para non dar nunca ningún rodeo diante do irmán que sofre,
senón facernos compañeiros dos seus camiños,
amigos das súas soidades,
próximo das súas doenzas,
para ser, coma Ti, "ilimitadamente bos" e pasar polo mundo "facendo o ben"
e "curando as doenzas". Amén.

CANTOS

  • ENTRADA: Canta o sol, canta o mar
  • LECTURAS: Aquí estou Señor, para facer a túa vontade/Grazas Señor na mañá
  • OFERTORIO: Benaventurados

COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...