Ir al contenido principal

Santiago Apostolo 2010

Confianza e servizo…o mellor camiño para vivir nesta Terra

Pórtico

    Nesta mañá de domingo na que estamos xunt@s para celebrar a fe, é importante facer memoria de que a presenza de Xesús hoxe entre nós ábrenos a unha comuñón solidaria coa terra -é o día de Galicia- e coas súas xentes, todos e todas nós, os galeg@s. Ademais, este vintecinco de xullo é tamén ano de perdoanza e misericordia, ano de proxectos e ilusións, ano de esforzo e cansazo… ano no que sabemos que todo paga a pena cando ao final se acada a meta. E a nosa meta non é xeográfica, senón de convición, sentido e horizonte vital. A meta non é a cidade de Santiago, senón Cristo, bo camiño. Deixemos que Xesús sexa o caxato no que nos apoiemos ao longo das etapas da nosa vida.

Perdón

  • Por non acabar de poñernos no camiño que dá sentido á nosa vida, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑO.
  • Porque moitas veces claudicamos diante do cansazo e as dificultades, renunciando a seguir camiñando, CRISTO, ALENTA O NOSO CAMIÑO.
  • Porque non acabamos de crer que Ti segues acompañándonos no camiño que cadaquén de nós imos facendo, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑO.

Remuíño

  • Deus chama na porta da nosa casa cada día. Pero é esta unha chamada que nos vén moitas veces escondida en forma palabra para quen ten un problema de difícil solución, para quen os camiños da vida non acaban de endereitarse e todo parece saírlle torto, para quen vai descubrindo que sempre hai unha posibilidade real de solución e que non é o pragmatismo do gañador e do éxito fácil o camiño que máis e mellor nos pode encher... Son moitas e variadas as formas por medio das que Deus se nos vai presentando, o que necesitamos é estar ben atentos a descubrilo. Ollos, orellas, mans… tódolos nosos sentidos son invitados a poñerse en actitude de descubrir esa presenza de Deus na nosa vida. Claro que non é doado, que debemos poñer atención, superar medos e receos, aprender a confiar. Tamén nós teremos que deixar atrás pragmatismos, cálculos, poder… e deixarnos guiar pola chamada que a través de tantas persoas e situacións Deus nos fai cada día para que poidamos e saibamos descubrilo. Esta chamada hoxe preséntasenos aquí, en Galicia, na nosa Terra. En fidelidade á mensaxe de Xesús, e ao aire novo e fresco –que moitos queren enrarecer e esquecer– do concilio Vaticano II –que é a Constitucións Gaudium et spes senón un furacán de aire fresco e presenza do Espírito!– desde onde se nos invita a ser fieis aos homes e mulleres cos que cada día vivimos, gozando e sufrindo coas súas ledicias e dificultades. Como esquecer!. Como non loitar contra calquera intento de abafar a fe nunhas fórmulas ritualistas, frías e pouco dispostas a acoller e a expresar canto nos vai ocupando e preocupando!. É o día da nosa Terra, é o día de tod@s nós, é o día no que se nos invita aos crentes a vivir a fidelidade a Deus desde a fidelidade ao noso idioma, á nosa cultura, á nosa xente… Non facemos política, senón Evanxeo.
  • Coma cos Zebedeus, tamén a nós esta fidelidade vainos custar, mellor, nesta fidelidade, se nos vai esixir esforzo, renuncia, dispoñibilidade...auténtico e verdadeiro compromiso con todo aquilo que fai vida, ben sexa agradable ben sexa difícil. Pero úrxenos, aprémesenos a saber estar aí. Sen grandes palabras, pero con xestos sinceros e de mirada limpa. Non nos debe importar, non facemos as cousas para iso, se nos xuntamos moitos ou poucos, se saímos ou non na televisión, se falan ou non falan de nós os xornais… o que nos ha importar é que Cristo invítanos a descubrilo desde o aquí e agora de cada un e da súa xente. Non somos estraños, somos irmáns. Aprender a servir, a ser últimos, inda que morramos de ganas de ser primeiros; deixar atrás a tentación de converternos en trepadores de poder, prestixio ou renome, para poder ser servidores ha ser a folla de ruta de cada unha das nosas vidas. E servir non é unha palabra, senón unha actitude. Unha actitude que Xesús sempre foi capaz de vivir e transmitir, e que a nós nos toca agora acoller poñer en práctica. Sabemos que non é fácil, que vai esixirnos moito traballo, deixar atrás costumes, prácticas baleiras ou ansia de dominio e recoñecemento social. Pero pagará a pena, porque só así poderemos entender que beber o cáliz quere dicir que a fe é esixencia, compromiso, renuncia… e alegría solidaria. Poñámonos xa en camiño, non a Compostela, senón no da vida, e deixemos que Xesús sexa o caxato nas nosas canseiras e a luz cando todo pareza estar en tebras.

Oración da comunidade

    Traemos agora ao altar as nosas inquedanzas para presentarllas de xeito comunitario a Xesús dicindo:

QUE CAMIÑEMOS NOS TEUS GOZOS E ESPERANZAS

  • Que na Igrexa, especialmente nas decisións e pronunciamentos dos seus dirixentes, saibamos poñer en práctica o servizo e a confianza, e non o dogma e a condena, Oremos.

QUE CAMIÑEMOS NOS TEUS GOZOS E ESPERANZAS

  • Que as comunidades das que formamos parte se vaian abrindo á superación dos prexuízos e do ritualismo baleiro, para comezar a camiñar na acollida e o perdón, Oremos.

QUE CAMIÑEMOS NOS TEUS GOZOS E ESPERANZAS

  • Cada un de nós caemos moitas veces na tentación de pensar que o sabemos todo e non necesitamos aprender nada dos demais, debaténdonos entre unha soberbia e unha desconfianza continuas. Para que diante desta tentación non esquezamos nunca volver os nosos ollos ao Evanxeo e practicar a misericordia e a solidariedade, Oremos.

QUE CAMIÑEMOS NOS TEUS GOZOS E ESPERANZAS

  • Neste día da nosa Terra, Galicia, pedimos polos homes e mulleres que nela loitamos cada día por facela recuncho de encontro, solidariedade e xustiza. Para que nos esforcemos por desbotar lonxe de nós calquera tipo de comportamento que supoña engano, corrupción ou utilización interesada dos demais, Oremos.

QUE CAMIÑEMOS NOS TEUS GOZOS E ESPERANZAS

Señor, que camiñemos con corazón sempre aberto para construír, alí onde esteamos, gozos e esperanzas cos nosos irm@ns. P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Hoxe, Pai, queremos darche grazas;

grazas por ti mesmo,

que non desistes no empeño de amarnos e servirnos,

aínda que non che correspondamos moito.

Grazas tamén por Xesús,

o noso gran mestre e amigo,

o noso compañeiro e Señor,

que non abandonou nunca ao pobo,

aínda que o pobo o abandonase a el.

Grazas por tódolos cristiáns e as cristiás,

polos que rezan e serven ao pobo,

polos que cren e están na loita política,

polos que van á Misa e participan no sindicato,

polos que cren en Deus a se apaixonan pola xente.

Grazas tamén, Pai,

polos que aguantan no medio de probas,

polos que teñen firmeza e personalidade,

polos que non se deixan levar polo que está de moda.

Grazas de todo corazón

polos que nos ensinan a crer en Ti

sen entregarnos á rutina ou á comodidade;

polos que nos amosan o teu rostro

co ledo e firme camiñar de cada día.

Grazas, Pai,

polo teu Espírito que os anima a eles,

polo teu Espírito que nos anima a todos

a andar con Xesús polos teus camiños. Grazas.

(M. Regal)

Cantos

  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: Eu sei de quen me fiei
  • OFERTORIO: Na nosa Terra / Xurdirá

COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...