Ir al contenido principal

Domingo 18 TO 2010

POLA CASA E MAIS O PAN, POLO TRABALLO ....GRAZAS, SEÑOR!!!!!!!!!!!

PÓRTICO

A nosa celebración de hoxe invítanos a agradecer e valorar o mundo laboral. Si, aínda que moitas veces dicimos aquilo de "a quen inventou o traballo había que matalo", desde a visión antropolóxica cristiá o traballo é camiño de realización persoal, xa que grazas a el colaboramos con Deus recreando a creación. E cando falamos de traballo non nos estamos a referir só a aquel que ten unha remuneración económica, senón que neste concepto tamén van incluídos (como non podía ser doutro xeito), aqueles outros que, sen que haxa salarios polo medio, a xente desenvolve como camiño de realización: amas de casa, voluntarios....

Por iso nesta mañá de domingo, vimos agradecidos onda o Señor para rezar xuntos, compartir a nosa fe e pedir polo mundo laboral e por tantas persoas que, por mor da crise económica, van vendo como van quedando ao marxe deste mundo. Oxalá nós esteamos sempre dispostos a acompañalas.

O PERDÓN

  • Porque ás veces en lugar de "vivir coa suor da nosa fronte", vivimos coa suor do de enfronte, explotando, utilizando e pisando aos demais, SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.
  • Por non ter entendido que a nosa fe esixe de nós responsabilidade no eido do traballo, realizándoo dun xeito digno e serio, CRISTO, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.
  • Por ter malgastado o noso tempo en discusión, xenreiras e enfados estúpidos que non conducen a ningures, sen decatarnos de que somos efémeros e todo queda aquí, SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.

REMUÍÑO

  • O valor do traballo: O traballo, o esforzo, a necesidade de traballar para dignificar a vida e vivila dun xeito digno, non debe levarnos a esquecer que facelo ten sentido se somos capaces de asumir, entender e vivir desde a acollida de Cristo como o que dá sentido, horizonte, perspectiva, salvación… á nosa vida. O que dignifica, enriquece, constrúe sociedade é a nosa contribución á facer do mundo o lugar onde ninguén sexa excluído. É este un esforzo común e unha tarefa compartida. Porque non hai traballos de primeira e de segunda, porque non son máis importantes aqueles traballos que dan un maior salario, e moitas veces esquecémolo. Non saber apreciar isto fai que o traballo acabe sendo unha carga deshumanizadora e escravizante. Porque é degradante e indigna esta actitude tan de moda (mesmo na nosa Igrexa), de aproveitarse do traballo d@s outr@s. Porque unha cousa é a solidariedade, que si é necesaria; e outra ben distinta é o abusar do esforzo dos demais. Como poder levar con dignidade o nome de human@s, se non somos capaces de respectar a dignidade –imaxe e semellanza de Deus– d@s demais?. Acaso somos dos que pensamos que posuír, ter, aparentar, fachendear... son actitudes e respostas cristiás ao seguimento de Xesús?.
  • Aprendendo a relativizar: Temos que aprender a relativizar. Pero, como nos custa!. Que difícil é que nos recoñezan como cristiáns e cristiás pola nosa maneira de afrontar o traballo, non para gañar e ser máis ca @s outr@s, senón como un medio que nos fai medrar e abrirnos a compartir proxectos e ilusións cos demais. Pero como nos custa relativizar, que pouco empeño pomos niso!. Sempre nos gusta que o noso, o que pensamos, falsa ilusión, é o mellor, que o pensan os outr@s, ou as posturas ou formas de ver ou sentir as cousas, non só non vale, senón que mesmo chegamos a ocupar o lugar de Deus, atrevéndonos a dicir que se non son ou fan coma nós, están en pecado. Porén, nesta tarefa non hai, non pode haber, distincións: tod@s somos iguais, sexamos brancos ou negros, europeos ou africanos, católicos ou animistas, homes ou mulleres…por que nos resulta tan difícil de entender?. E se non o entendemos, como o imos vivir?. Por que pretendemos impoñer os nosos gustos, as nosas formas, mesmo as nosas tradicións aos que teñen outras; e o que é peor, por que os consideramos persoas de segunda orde por seren diferentes a nós?. Fáltanos evanxeo e sóbrannos tradicións. Cando aprenderemos!.
  • Porque somos finit@s: E todo para que?. Cantas loitas, envexas, egoísmos, xenreiras... polo que outr@s teñen, ou para que outr@s non teñan, para logo descubrir que somos finit@s, para un tempo, e que a morte nos iguala a tod@s. Que lonxe estamos do que quería Xesús de nós!. Que as palabras que vimos de escoitar no evanxeo: "necio, esta noite vanche esixir a vida", nos fagan endereitar o noso rumbo para que logo non sexa demasiado tarde. E nós seguimos preocupados por encher os nosos celeiros…..

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentemos a nosa oración a Deus, Pai de todas as persoas, para que alente e acompañe a nosa vida, dicindo:

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

  • Pola Igrexa, para que nunca utilice a relixión para intereses persoais privados: adquisición de poder, de prestixio, de bens materiais… senón que saiba presentala coma camiño que dá sentido á vida das persoas, OREMOS.

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

  • Polas nosas comunidades, para que a riqueza, o posto de traballo ou o status económico nunca se convertan no raseiro polo que medimos e xulgamos ás persoas, senón que, pola contra, sempre teñamos as mans abertas para axudar aos que menos teñen, aos que pasan dificultades, OREMOS.

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

  • Por todos e todas nós, para que saibamos redescubrir o traballo como camiño de realización persoal, e non coma unha canga pesada enriba dos nosos ombreiros, e así esteamos sempre dispostos a loitar pola dignificación do mundo laboral, OREMOS.

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

Grazas, Señor, por ternos chamado e por contar con nós. Axúdanos no noso camiñar, para que sexa xusto e solidario. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Non ter nada.

Non levar nada.

Non poder nada.

Non pedir nada.

E, de pasada,

non matar nada,

non calar nada.

Só o Evanxeo, coma unha navalla afiada.

E o pranto e o sorriso na mirada.

E a man estendida e apertada.

E a vida, a cabalo, dada.

E este sol e estes ríos, e esta terra comprada,

para testemuñas da revolución xa empezada.

¡E máis nada!.

            (P. Casaldáliga)

CANTOS

  • ENTRADA: Acharte presente na vida
  • LECTURAS: Canta o mar
  • OFERTORIO: Grazas, Señor graciñas
  • COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...