Ir al contenido principal

Domingo 16 TO 2010

A FORMACIÓN AXUDA A ROMPER CLICHÉS QUE ATENTAN CONTRA O REINO DE DEUS

PÓRTICO

Hoxe apenas nos decatamos do carácter revolucionario do comportamento de Xesús diante das mulleres, atentando contra os costumes máis venerables daquela sociedade. Rompendo os prexuízos e as costumes de manter ás mulleres á marxe da Escritura, Xesús acéptaas entre os seus seguidores e discípulos, nunha actitude nova para un xudeu.

Aínda hoxe temos moito que aprender deste comportamento, tanto a nivel institucional como a nivel persoal. E é que calquera tipo de discriminación e marxinación, ás que seguimos sendo tan propensos, atenta contra o novo proxecto de relacións humanas que se inaugura coa chegada do Reino. O evanxeo que hoxe proclamamos lémbranos que para Xesús o xénero non é a liña divisoria para acoller e traballar polo Reino. Quen apela a iso segue aferrado a leis e costumes antigas e está ben lonxe de entender a súa mensaxe. Oxalá, formándonos, traballemos para romper clichés que atentan contra a dignidade das persoas.

O PERDÓN

  • Porque vivimos tan ás carreiras que non buscamos tempos de silencio, que nos axuden a escoitar as ledicias e as tristuras dos demais e a captar a túa tenrura, SEÑOR, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.
  • Porque son moitas as veces nas que só pedimos dereitos, pero esquecemos as nosas obrigas para cos demais, CRISTO, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.
  • Por ter relegado ás mulleres a un papel secundario na sociedade, na cultura, na Igrexa, facendo noso aquilo de "a muller e a "sartén" na cociña é onde están ben", SEÑOR, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.

REMUÍÑO

UNHA OPCIÓN PERSOAL: Son moitas as ocasións nas que reducimos a nosa fe a un costume, un conxunto de ritos ou unhas prácticas sociais. A tradición, a presión familiar, o socialmente ben visto... fan que nos deixemos levar e que non paremos a pensar seria e fondamente qué papel xoga a fe na nosa vida. Convertémonos en cristiáns e cristiás infantís, sen criterio propio, sen autonomía. Porén, a Palabra que hoxe vimos de proclamar, sacúdenos do noso sopor e fálanos da fe coma UNHA OPCIÓN PERSOAL, que require de nós unha formación continua. Si, aínda que a moitos lles soe estraño, necesitamos formarmos... tamén no eido da fe. E necesitámolo porque a ignorancia diante do descoñecido xera medo, e, froitos do medo (sabémolo ben!) son a violencia, a crispación e o inmobilismo. É verdade que durante moito tempo a formación dentro da Igrexa estivo e está reservada só para os cregos e, como moito, para os relixiosos. Os segrares, canto menos coñezan, mellor, non vaia ser que dean problemas. Isto deu como resultado unha fe con toques de superstición, maxia e adobada co ingrediente indispensable: o medo. Así, todos calados, todos contentos, todos respondemos amén-amén, si, señor cura. Pero.... foi pasando o tempo e daqueles ventos veñen estas tempestades que estamos a vivir. A xente foise formando noutros eidos e a relixión seguiu nun infantilismo perpetuo que estorbaba no desenvolvemento da persoa, polo que era mellor deixar aquela pesada canga que tiñamos que transportar. Outro galo nos tería cantado se apostásemos pola formación en lugar de pola ignorancia e o escurantismo, polo amor en lugar da imposición, pola liberdade en lugar da obriga!!!!!!!!!!!!.

QUE ABRANGUE A NOSA VIDA: Porque acollida de xeito libre e persoal, a Palabra achégase a nós para ser vida, alegría... esperanza, como nos di Paulo. Non é, pois, algo teórico, senón que ten que ser o motor da nosa vida que nos abra a confiar en Deus.... mesmo no que a priori se nos presenta como algo imposible, como lle ocorreu a Abrahán e Sara. Dicir si a Deus é facer propia a súa salvación, é comprometer a nosa vida a prol da xustiza, é traballar para que no haxa discriminación.

COMO HOMES E MULLERES: Pois nesta tarefa estamos todos implicados: homes e mulleres. Nos tempos de Xesús, os mestres da lei xulgaban que non lle cumpría ás mulleres afondar nas ensinanzas da lei de Deus (que familiar nos soa, despois de 2000 anos, verdade?). Iso era tarefa e responsabilidade dos homes. María, co beneplácito do Señor, rompe esa norma e, sentada aos seus pés, reclama o seu dereito a ser discípula, a coñecer directamente, de beizos de Xesús, a boa nova. Marta, en troques, non o entende (non hai peor astilla que a do mesmo pau), ela vive atarefada cos moitos quefaceres domésticos. E busca apoio en Xesús. E non o atopa, porque El critica o feito de que sexa prisioneira do que ela considera o papel propio da muller. E Xesús chámaa (pásmate!!!) a que rompa esta concepción que sitúa á muller en condición de persoa confinada aos traballos caseiros. Como muller, tamén ten dereito a outras preocupacións. Marta, como María, debe reivindicar e ocupar plenamente o seu lugar de discípula. Cos seus xestos e palabras, Xesús libera á muller dunha concepción que a mantén nunha situación de segundo plano, de simple ama de casa. A importancia da formación, a importancia de traballar pola igualdade, unha lección de Xesús para a sociedade e a Igrexa de hoxe. Que nos parece?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Como seguidores de Xesús, sabemos que a nosa vida debe ser un camiñar no servizo, na igualdade e na gratuidade. Porque estamos dispostos a seguir neste camiño, compartimos a fe uníndonos nunha soa voz e dicindo:

GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA

  • Por unha Igrexa
    sempre disposta a apostar pola formación para traballar por liberar de cangas pesadas a cantos se senten apesarados pola dor, a tristura, a desesperanza e o desamor, OREMOS.

    GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA

  • Por unhas comunidades parroquiais que descubran que xa non é tempo de criticar, senón de unir, achegar e alentar, para que quen o necesite descubra ao seu lado mans amigas e rostros acolledores, capaces de implicarse no compromiso de facer felices aos demais, OREMOS.

    GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA

  • Por uns discípulos e unhas discípulas de Xesús, nós, para que perdendo medos e superando desconfianzas, sexamos capaces de buscar tempos e grupos que nos axuden a formarmos como cristiáns, para que a autonomía e a igualdade sexan a nosa meta, OREMOS

    GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA

Grazas, Xesús, por poñer diante de nós a túa Boa Nova de salvación, que nos invita a formarnos para renovarnos constantemente con actitudes e valores que dan vida e ilusión ao noso camiñar cotián. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Coñecerte, Señor, é aprender a escoitar a túa voz,

que nos fala na historia, nos acontecementos, na vida.

É descubrir a túa presenza nos sinxelos e desvalidos,

nos que non teñen voz nin sitio na sociedade dos nosos días.

É atender á túa palabra e intentar vivir conforme a ela,

facendo o ben, preocupándonos dos demais,

sendo honestos, xustos e sinceros.

Coñecerte é practicar as túas ensinanzas,

non quedar na teoría, nun saber estéril.

É ser misericordioso, compasivo, atento para co outro,

disposto sempre a compartir penas e ledicias.

É ter sentimentos, tendo cada día un corazón coma o teu.

Axúdanos a coñecerte mellor,

converte as nosas falsas crenzas,

destrúe as falsas imaxes túas que facemos

para evitar o compromiso que significa seguirte.

Dános coherencia para vivir como aprendemos de ti.

Que o noso coñecemento sexa fonte de vida.

Que nunca descoidemos a nosa formación no eido da fe.

CANTOS

  • Entrada: Andarei na presenza do Señor
  • Lecturas: Grazas, Señor graciñas
  • Ofertorio: Pan de vida
  • Comuñón: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...