Ir al contenido principal

DOMINGO 25 TO 2010

Cando a oración non é mercantilismo e si gratuidade agradecida, Deus non é o ogro que nos asusta, senón o Pai/Nai que nos quere

Pórtico

    Acostumados a distribuír o noso tempo en función das cousas que temos que facer, pode pasarnos que cando ese tempo se refire á dimensión espiritual tamén a entendamos como algo que podemos comprar e pagar ben por ela; sen ser capaces de diferenciar o que esta dimensión nos aporta, e a que comprensión de nós e do mundo nos abre. Ao facelo así, podemos acabar caendo, acostumados como estamos a facelo noutros ámbitos da vida, nunha concepción mercantilista, onde todo se compra e se vende en función dos cartos que un teña ou da posición que ocupe na sociedade.Non é entón estraño que o sentido de gratuidade, agradecemento, comuñón solidaria, xustiza… se afasten da idea que temos do relixioso, e da idea que asociamos ao concepto Deus. Porén, a imaxe de Deus que vai aparecendo ao longo dos textos que cada domingo proclamamos nas celebracións, é unha imaxe totalmente distinta: amigo, achegado, preocupado polo que nos pasa, chamando sempre a recoñecer e respectar a dignidade dos demais… En fin, todo o contrario do Deus ogro que todo o come e só busca aproveitarse e enganar buscando obter beneficio e submisión.

Que saibamos descubrir, na reflexión, no silencio, na solidariedade e no compromiso con toda causa xusta, ao Deus cristián que nos quere e nos invita a vivir na gratuidade.

Perdón

  • Polas veces en que non escatimamos medios para conseguir enriquecernos a costa de explotar aos demais, SEÑOR, ALÉNTANOS NA CONVERSIÓN.
  • Por esquecer as mais das veces que a oración é comuñón contigo e non petición que se compra e paga, CRISTO, ALÉNTANOS NA CONVERSIÓN.
  • Polas veces nas que nos creamos falsas necesidades que nos invitan a comprar, a acaparar, a posuír cousas que en realidade non precisamos, SEÑOR, ALÉNTANOS NA CONVERSIÓN.

Remuíño

  • texto do profeta Amós ten que facernos pensar en como estamos a vivir nós hoxe a fe. Acostumados a reducila a prácticas ou costumes, o profeta fai unha chamada de atención que moi ben nos leva a espertar do sono e do soño de facer da fe unha adormedeira da conciencia, e da ausencia da necesidade de concretar e expresar no que facemos e vivimos cada día, o que rezamos e lemos nos textos. É verdade que isto suponnos loitar contra a práctica, de tantos anos!, de entender a fe como un costume, algo herdado ou puramente cultural, sen darnos conta de que crer é identificarse, deixarse namorar por unha persoa, Xesús de Nazaret. Pero non ha ser este un namoro de idealismos baleiros e sen concreción na vida; ao contrario: desde aquí temos que entender a insistencia do profeta no respecto e na dignidade que ten toda persoa. E cando utilizamos esta expresión estámonos a referir a alguén que é capaz de aledarse e disfrutar de situacións e momentos, pero tamén á que sofre, á que lle chegan momentos de dor e tristura, a que se rebela contra todo comportamento que a trata como se fose un obxecto ou cousa. A persoa concreta, real, que vive nun espazo, nun tempo, que fala unha lingua determinada e á que se lle abren ou pechan as portas nas que chama. No momento nada fácil que estamos a vivir, onde as persoas moitas veces son soamente números, axustes contables ou "danos colaterais", achegarnos a esta palabra é recuperar as razóns para vivir a fondura desde a que comprometerse na loita por todo o humano, lévanos a recuperar a frescura dunha palabra que sendo viva, quere seguir estando na vida de cada un de nós; polo que a denuncia de todo o que eclipse, ningunee ou pretenda impor e dominar á persoa, chámese: asoballamento, corrupción, opresión, inxustiza, engano, exterminio de xente… é afastarse do seguimento do proxecto de Deus e traizoar a esixencia irrenunciable de todo cristián de defender sempre os dereitos que leven á persoa a ser máis e mellor persoa.
  • E onde atoparemos a forza que nos vai impedir claudicar e caer na rede do desencanto e do abuso de poder?. Paulo, na segunda carta a Timoteu danos a clave respecto do onde e do como: na oración. Pero ha ser esta unha oración viva, chea de canto nos preocupa e pasa, que sabe agradecer, que descubre o valor e o sentido de non excluír a ninguén, de saber que todos somos fill@s de Deus e posuímos a mesma dignidade, polo que nin a exclusión nin as diferenzas han encher de contido e vida o que rezamos persoal e comunitariamente. Unha oración non excluínte, senón universal; unha oración na que non pode haber bos e malos –rezando por uns e esquecéndome dos outros-; unha oración que supera a tentación maniquea de todo para uns e nada para outros –se fora así, onde estaría a xustiza de Deus?- .Inda que os cristiáns, con poder e sen el, a teñamos convertido en maniquea, non deberemos confundir a Deus coas mediacións, nin reducilo á pobreza dos intereses nosos ou doutros. A oración non pode servir para que teñamos a idea de que o podemos comprar. Orar debe levarnos a reflexionar sobre o sentido, a maneira, o xeito, a comprensión da vida e do que vivimos: son e quero. Cómo, por que e para que rezamos?. Para gañar a Deus para a nosa causa?. Aquí está o gran erro: pretender facer a Deus a nosa imaxe e semellanza, cando en realidade é ao revés, somos nós, non El, os que fomos creados a súa imaxe. Non pretendamos compralo, tampouco asentemos a fe nesta visión empobrecedora, redutiva e puramente mercantilista de Deus. Non podemos confundir –polo interese quérote Andrés– a Deus, a Virxe, aos santos coas orquestras, os foguetes ou os gaiteiros. Saber separar, aprender a colocar cada cousa no seu sitio conlevará tamén aprender a purificar a fe e a distinguir e comprender o que ha ser motivo de xolda, festa, diversión… do que debe ser oración, gratuidade, convicción... A ORACIÓN NON É MERCADO, só coas mans limpas e o corazón sen ira poderemos valorar, entender e disfrutar de toda a riqueza que esconde unha actitude orante para un crente.
  • E isto irá facéndonos cada vez mellores persoas, como nos di o Evanxeo. Entender que esixe e supón crer no Deus cristián, descubrir que, desde a forza que nos da a oración nun Deus salvador que nos pide saír dos templos para deixarnos acompañar por El na vida, faranos máis honestos, sinceros e sempre sen medo nin vergoña, coherentes. El alenta a nosa vida, e desde El descubrimos que non é no engano aos demais, senón na búsquea do ben común na participación e o respecto á pluralidade –eclesial e social– onde a fidelidade e o amor a Deus adquiren o seu verdadeiro sentido.

Oración da comunidade

    Recollendo a túa invitación da universalidade da oración, unímonos para compartir ledicias e dificultades dicindo xuntos:

QUE APRENDAMOS A REZAR POR TODAS AS PERSOAS

  • Pola Igrexa, para que sexa esa voz que denuncia toda explotacións das persoas e non teña medo poñerse en contra de políticas destinadas ao beneficio por enriba de todo, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A REZAR POR TODAS AS PERSOAS

  • Para que na Igrexa non convertamos nunca a oración nun obter cartos a costa da dor, dificultades e situacións de desesperación dos irmáns, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A REZAR POR TODAS AS PERSOAS

  • Polas nosas comunidades, para que entendan que no amor, na entrega, no diálogo, na dispoñibilidade, e no servizo ás persoas de todo credo, ideoloxía ou raza, está a esencia da súa fe, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A REZAR POR TODAS AS PERSOAS

  • Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que cos capitais de Deus non se especula nin se comercia, senón que somos amad@s para amar, somos servidores para servir, somos regalad@s para compartir, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A REZAR POR TODAS AS PERSOAS

Deus, que en Xesús pronuncias unha palabra radical sobre a imposibilidade de servirte a Ti e aos cartos, axúdanos a sermos radicais tamén e a traballar por unha economía sometida ás leis da ética e do amor. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Señor, dóeche que os fillos das tebras sexan máis espabilados que os da luz.

Avergónzaste de que xustifiquemos as nosas torpezas acudindo ao teu amor.

Entristéceche a nosa falta de risco, porque apostaches por nós sen control.

Sorpréndeste de que nos escudemos na túa vontade para respaldar as nosas simplezas.

Fírete a nosa falla de responsabilidade que busca refuxio na túa confianza.

Dáche risa tanta seriedade que non revela nin cuestiona nada.

Arrepíache que nolas demos de perfectos diante da xente e que sexamos "esquiroles" dos teu plans.

Aflíxeste de que sexamos tan beatos, tan farsantes, que aproveitemos os inxustos cartos para comprar ás persoas, e que sexamos tan pouco claros e honrados nos negocios que traemos entre mans.

Pai bo e paciente, infúndenos de novo o espírito do teu amor.

CANTOS

  • ENTRADA: QUE LEDOS HOXE ESTAMOS
  • LECTURAS: XESÚS CHAMADO AMIGO
  • OFERTORIO: BENAVENTURADOS
  • PAZ: QUE VEÑA A PAZ
  • COMUÑÓN: CANTIGA EUCARÍSTICA

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...