Ir al contenido principal

Domingo 26 TO 2010

MIGALLIÑAS DE AMOR

PÓRTICO

Ata hai ben pouco tempo o noso ritmo aloucado de vida fíxonos crer que nada se nos podía negar, que con ter cartos todo era posible. Para que pensar no futuro –diciamos-, se quizais nunca o poderei disfrutar?. O que vale e serve é o vivir ao día, o presente, o momento… e facelo a tope, sen preocuparnos do que logo virá, nin do que lle pasa aos outros. Viviamos coma Epulóns sen compartir nin unha migalliña do noso pan con tantos Lázaros.

E entón, cando ninguén a esperaba, chegou a crise, maldita crise!. Unha crise que foi deixando a moitos nas beiras, sen traballo e polo tanto sen poder pagar as súas débedas, sen ilusións, sen esperanza. Unha crise que nos pillou co pé cambiado. Unha crise que nos fixo tomar conciencia de que non é na soberbia de quen vive por riba das súas posibilidades onde atopamos sentido, senón na sinxeleza de quen busca vivir con dignidade e ser feliz vivindo co necesario, e que descubre que as pequenas cousas seguen a ser importantes; que nada nin ninguén debe ser desprezado, que na dificultade, detrás dos números: un millón, tres millóns ou catro millóns e medio, escóndense dramas humanos de moitas persoas que están a sufrir as consecuencias dunha sociedade que ten esquecido, que é a persoa, non as cousas, o importante, e a razón pola que paga a pena falar de solidariedade. Que esta celebración que agora comezamos nos axude a non esquecer que non é máis feliz quen máis ten, senón quen menos precisa; pero que tod@s precisamos dunhas migalliñas de amor.

O PERDÓN

  • Por non termos sabido descubrir e transmitir o que significa a austeridade, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
  • Pola nosa falta de sinceridade con nós mesmos e os demais, CRISTO, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
  • Porque seguimos equivocados, pensando que a fe tamén é reducible a un negocio no que se paga polos favores recibidos, esquecendo a gratuidade e o amor, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.

REMUÍÑO

  • MUNDO RICO VERSUS MUNDO POBRE:
    Hoxe coma nunca, o cadro que nos debuxa o profeta Amós segue a ter unha vixencia tremendamente actual: o chalé da serra ou na primeira liña de praia, o iate, o coche último modelo, as xoias….marcan o poder dos cartos e todos nós, en maior ou menor medida, sentímonos seducidos por el. A denuncia profética ten que valernos de aviso aos que pertencemos aos países ricos, ao mundo desenvolvido. E, sobre todo, ten que estimularnos a comprometernos na causa dos pobres; porque non podemos esquecer que é a opulencia dos poderosos a que produciu unha fenda para separalos dos pobres. Nun mesmo mundo, fogar de todas as persoas, casa común de irmáns e irmás fill@s dun mesmo Pai, uns viven no inferno, sometidos a suplicios, torturas e enfermidade. Fixemos do mundo un lugar abominable no que uns poucos retiveron para si as vantaxes, os beneficios, os recursos e os bens, mentres consentimos que o 85% restante da humanidade se debate no medio das carencias, enfermidades e opresión. E este abismo que abrimos entre ricos-pobres, norte-sur, desenvolvido-subdesenvolvido…. non se pode minimizar por medio de esmolas, asistencialismo e parches que deixen a nosa conciencia tranquila, senón que cómpre eliminar esta distancia pola vía da xustiza, da misericordia e da solidariedade.
  • CUARTO MUNDO:
    Pero tamén dentro do noso mundo desenvolvido, tecnificado, rico… atopamos cada vez máis persoas que viven na pobreza e que quedaron á marxe da sociedade: parad@s, anciáns, inmigrantes, traballadores explotados polas empresas de traballo temporal, drogradictos…. conforman a face de Lázaro neste século XXI no que só escoitamos falar da crise. E nós… que facemos para axudal@s?, estamos dispost@s a perder do noso para repartir con eles?, estamos dispost@s a facer xustiza... ou seguiremos sendo Epulóns, consumidores egoístas do banquete?.    
  • MIGALLIÑAS DE AMOR:
    E aínda podemos concretar máis: no noso mundo desenvolvido hai moitas persoas que ao mellor non están precisadas do pan material, pero que precisan doutro tipo de pan neste mundo rico pero deshumanizado: o pan da nosa compaña, o motivo pan do noso sorriso, o pan do noso ánimo, o pan da nosa escoita…. Porque non nos enganemos: vivimos no mundo da opulencia e da tecnoloxía; pero nun mundo no que a xente está soa, no que as cidades cada vez máis son só dormitorios, no que cada vez hai máis xente deprimida, desesperanza, estresada, insatisfeita… que non atopa un para erguerse cada mañá.

    As cousas poden e deben cambiar aquí e agora; está nas nosas mans, non podemos esperar que veñan os mortos a espertarnos do sono da insolidariedade e da opulencia. Temos a Palabra que nos esperta, estamos dispost@s a escoitala?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentámosche agora as nosas peticións comunitarias dicindo:

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

  • Pola Igrexa, para que sen medo a perder poder económico, prestixio social ou apoio do poder, saiba ser no medio do mundo a voz dos que non teñen voz, dos últimos, dos marxinados, esquecidos e silenciados, OREMOS.

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

  • Polos países ricos, para que o Señor toque o noso corazón e deixemos de aproveitarnos, desprezar e manter aos países subdesenvolvidos na súa penosa e difícil situación, senón que pola contra traballemos a prol da igualdade e da xustiza social, OREMOS.

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

  • Por todos os Lázaros deste mundo: enfermos, anciáns, parados, persoas soas… para que comprendan que Deus non os quere resignados á súa pobreza, senón que quere a súa dignidade, o seu compromiso, a súa reivindicación, OREMOS.

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

  • Por cada un e cada unha de nós, para que a austeridade e a xustiza sexan na nosa vida puntos de referencia que nos leven a traballar para crear espazos de fraternidade e solidariedade nos que se faga posible o proxecto do Reino, OREMOS.

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

Grazas, Señor por acompañarnos, escoitarnos, e mostrarnos o camiño da verdadeira felicidade: o servizo. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Compartir para que todo o mundo viva;

esta é, Señor, a túa ensinanza,

o camiño que nos invitas a facer

para renovar a esperanza da humanidade.

Señor da Vida,

ensínanos a recoñecer os nosos dons.

Quizás parecen pouca cousa;

pero compartidos cos outros

serán semente de solidariedade fraterna.

Abres, Señor, as nosas mans

para que compartamos os nosos bens,

o noso tempo e os nosos dons;

para que fagamos un mundo máis fraterno.

Ensínanos a construír o teu Reino.

Esconde os nosos egoísmos e mesquindades.

Invítanos a dar máis que a recibir.

Móstranos o camiño da gratuidade e da doazón,

para que sexamos forxadores de comuñón e fraternidade.

Que fixeches polo teu irmán?.

Resoa nos nosos corazóns,

clara e lacerante, a túa palabra de vida.

Axúdanos a presentar as nosas mans,

Baleiras por dalo todo, Señor.

Todo porque os outros vivan máis.

CANTOS

  • ENTRADA: UNHA XUNTANZA DE AMOR
  • LECTURAS: CANTA O SOL
  • OFERTORIO: TODO O MUNDO UNHA FAMILIA
  • COMUÑÓN: O AMOR É O MEIRANDE

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...