Ir al contenido principal

2 domingo pascua 2011

Non importa tanto o ver coma o crer, confiar, compartir, buscar consello, escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado

PÓRTICO

Hoxe, se cadra máis ca nunca, os que nos consideramos crentes vivimos, a miúdo, coma os discípulos do evanxeo: ao anoitecer, coas portas pechadas, cheos de medo..... Estamos inmers@s no vello, non experimentamos ao resucitado; a nova humanidade parece ausente das nosas vidas. A pesares de ser este día o primeiro da semana, o primeiro da nova creación, seguimos aferrados ao vello, ao de antes. Precisamos que o Señor se faga presente e recoñecelo nos seus sinais.

Hoxe ofrécesenos un sinal para atoparnos co Resucitado: a comunidade. Xa podemos esquecernos de pensar so en nós, na nosa fe, na nosa oración, na nosa misa, no noso domingo, no... "meu". A Pascua, a resurrección que estamos a celebrar, invítanos a mirar en común, a expresar a nosa fe en comunidade, xa que é nesta onde se aparece o Resucitado, na reunión orante dos discípulos. E tamén no domingo, como día por excelencia, como actualización da resurrección. Xesús quere resucitar no medio da asemblea que se reúne para, xunt@s, celebrar a súa fe e acoller a tod@s.

Que esta celebración nos faga ser conscientes de que só en comunidade poderemos experimentar a resurrección e a vida de Xesús.

O PERDÓN

(Aspersión)

  • Porque andamos a meter a man nas feridas dos demais para abrirllas, non para curalas, SEÑOR, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
  • Porque camiñamos cun amor de cortas miras, que non é capaz de sementar nos demais a alegría e a esperanza de que o mundo pode cambiar, CRISTO, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
  • Porque non somos capaces de compartir o que temos, o que somos e o que valemos, poñéndoo en común para o servizo da comunidade, SEÑOR, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.

REMUÍÑO

  • A nosa vida é unha búsquea continua de seguridades, de comodidades, de instalación. Queremos ter un bo traballo, unha vivenda en propiedade, un coche, uns aforriños no banco (por se acaso)... e ás veces, as máis das veces, queremos que a nosa fe tamén sexa unha fe de seguridades. Coma os discípulos, tamén nós estamos coas portas ben pechadas ao novo, ao que chega, ancorados no pasado. É a nosa única preocupación: as miñas intencións individuais (non vaia ser que o Señor non salve se a intención é de máis dun), os meus rosarios, os viacrucis, os xoves eucarísticos.... e, para que?. Para sentir a nosa conciencia tranquila cun cumpro + minto, cunha morea de prácticas rutinarias, baleiras de sentimento, afastadas da nosa vida e que non comprometen a nada. Sempre estamos a falar de Xesús, pero afogámolo por tradicións, costumes e rutinas que o relegan a un segundo ou a un terceiro plano. Ás veces somos nós mesmos quen o facemos desaparecer: reunímonos no seu nome, pero non hai lugar para El no noso corazón; dámonos a paz do Señor, pero reducímolo a un mero saúdo; escoitamos o seu Evanxeo, pero non deixamos que pouse no noso corazón.
  • Neste día sería bo que nos preguntásemos se somos capaces de sorprendernos, se na nosa vida deixamos un sitio para a novidade, para romper a monotonía que nos vence. Porque somos tan previsores e previsibles, querémolo ter todo tan controlado que, moitas veces, non deixamos un oco para o factor sorpresa. O que nos quere dicir o feito da resurrección é que rompamos o medo ao descoñecido, que nos deixemos sorprender polas persoas, polo que elas nos poidan aportar, polo que elas teñan que dicir na Igrexa, na familia, na comunidade.
  • A experiencia de Xesús é abrírmonos á súa presenza, sentir a súa proximidade. E o Evanxeo de hoxe insiste en algo moi interesante e que moitas veces esquecemos: que non importa tanto o ver coma o crer, confiar, compartir, buscar consello, escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado. Cómo nos falta fe!. Como nos falta entusiasmo!. Como nos falta convicción!. Non será que a nosa fe, os nosos rezos, as nosas... non son máis que palabras baleiras de contido e necesitadas de verdadeira dispoñibilidade cara os demais?. Si os demais, aqueles nos que nos di Xesús que temos que aprender a descubrir, ver, recoñecer, non significan nada para nós; se pasamos ao seu lado e somos incapaces de achegarnos e dicirlle como estás, que che pasa, por que choras... é que o noso corazón segue a ser de pedra e a Pascua aínda non chegou a nós. Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia aos que cren sen ver!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Dirixamos agora a nosa oración comunitaria a Deus para que nos alente na vivencia esperanzada da fe; e digamos xunt@s:

FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER

  • Pola Igrexa, para que neste tempo de ledicia que é a Pascua, sexa quen de levar a todas as persoas, fundamentalmente ás afastadas e ás que están máis precisadas dela, a Boa Nova da resurrección, OREMOS.

FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER

  • Polas nosas comunidades, para que sexan fogares de celebración, encontro e compartir plural e respectuoso da fe, OREMOS.

FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER

  • Por cada un e cada unha de nós, para que a túa resurrección nos dea azos para botar fóra os nosos medos e así comprometernos coas persoas enfermas, pobres, maiores, as que están soas, as que están tristes, OREMOS.

FELICES NÓS, QUE CREMOS SEN VER

Grazas, Señor, porque nos invitas a facer da nosa fe non un conxunto de doutrinas e crenzas, senón unha vivencia expresada no amor. PXNS. AMÉN.

PARA A REFLEXIÓN

Se mantedes a esperanza,

veredes aos desamparados e aos tristes,

aos agoniados e a quen ten dor,

quedar con vós e sorrir,

e abrazarvos e esperar.

Irmáns e irmás,

erguédevos e camiñade.

Que non pode xa asustarnos a tebra.

Fuxamos da conformidade e da estreiteza,

dos complexos, do medo e da covardía.

É Pascua,

resucitou Cristo, a nosa esperanza.

Sigue vivo para darnos vida.

Nada se perdeu.

Todo está nas nosas mans,

e en Cristo vivo, todo se salvará.

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledicia a miña
  • ASPERSIÓN: A auga do Señor
  • GLORIA: Gloria a Deus, gloria a Deus...
  • LECTURAS: Xesús é Señor
  • OFERTORIO. Grazas, Señor, graciñas
  • PAZ: Que veña a paz á nosa terra
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...