Ir al contenido principal

VENRES SANTO 2011

  • LITURXIA DA PALABRA
    • Lecturas:
      • Isaías: "El soportou
        os nosos sufrimentos e aguantou as nosas dores"
      • Salmo: "Pai,
        nas túas mans encomendo o meu espírito"

      • Paixón segundo Xoán
    • Homilía


       

  • ORACIÓN UNIVERSAL:
    • Solidarizámonos e pedimos a Deus especialmente por tod@s @s crucificad@s do mundo


       

  • ADORACIÓN DA CRUZ


 

  • COMUÑÓN


 

CAMIÑANDO CO POBO


 

PÓRTICO

O amor de Deus que celebrabamos onte, faise hoxe "amor ata o extremo", ata a morte. Cristo, que se despoxou da súa categoría de Deus meténdose ata o fondo nos ambientes humanos, chegou ata a fin, identificándose cos máis pobres e morrendo na cruz.

Aparentemente, a súa vida foi un fracaso, a súa presenza creativa, viva e significativa entre os pescadores, os pobres, os enfermos... provocou que todo e todos se poñan na súa contra, empuxándoo cara á cruz.

Pero no seu aparente fracaso, a morte de Xesús leva consigo unha vitoria total. Desde entón a dor, o esforzo, a entrega... adquiren un significado novo... porque a nosa vida, coma a súa, non remata na morte, senón na resurrección.

Para lembrar e revivir o que para nós significan a Paixón e a Morte de Cristo, poñémonos de xeonllos e rezamos en silencio.

A PALABRA

  • Is.
  • Xn

REMUÍÑO

  • A Paixón e Morte de Xesús non son un accidente, senón a culminación da súa vida, o desenlace dunha traxedia que comezou a desenvolverse co seu nacemento. Por iso para comprender o que significa a Cruz hai primeiro que comprender o que significa a súa vida. A cruz, no noso mundo é esa realidade, ese paradoxo da falsa ilusión na que moitas veces caemos cando afirmamos que somos moi bos porque non matamos nin roubamos. A cruz dinos nesta tarde e sempre, que si que hai moitas cousas que somos capaces de facer, e de facer mal. De que hai moitas das accións que facemos desde a nosa liberdade que destrúen, feren ou matan. De que non é necesario botarlle a culpa aos demais, aos que mandan, aos que dirixen, aos que dominan. Non, miremos para dentro de nós, e nun exercicio de sinceridade asumamos que nós tamén somos partícipes na construción de moitas das cruces no mundo de hoxe: calamos, miramos para outro lado, non dicimos a verdade, enganamos ou mentimos para obter beneficio, non nos comprometemos, pensamos só en nós mesmos, rexeitamos a quen non é dos nosos... E así son moitas as cruces que nós construímos para nós e para os demais. Por iso, esta tarde somos invitados a denudarnos diante desta cruz na que Xesús se entrega para reconducir o noso camiño, para deixar atrás o antigo, para comezar a vivir no novo. Porque a cruz foi vencida, a morte non é o final de todo para un crente. A esperanza é posible. Cristo abriunos o camiño.
  • Contemplemos na Cruz ás persoas que hoxe son crucificadas, moitas veces mesmo coa nosa axuda, a todas as vítimas da maldade humana, ás que sofren e teñen que cargar coa cruz que outros puxeron enriba del@s. Que saibamos achegarnos para ser Cireneos e non Pilatos, para axudar e non para poñer pesadas cargas sobre os ombreiros da xente, para loitar por cambiar esa cruz en vida e esperanza. Por iso e para iso é Venres Santo.

ORACIÓN UNIVERSAL

Comezamos a agora a gran oración que toda a familia de cristiáns e cristiás lle presenta a Deus, o noso Pai. Ante a morte de Cristo, non hai divisións nin fronteiras: el viviu e morreu por todas as persoas. É, polo tanto, o momento de ensanchar a nosa oración e pedir xunt@s dicindo:

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Oramos en primeiro lugar polos nenos, os máis indefensos da nosa sociedade e que máis facilmente poden ser domesticados e manipulados, para que reciban o afecto que precisan, para que os deixemos medrar segundo as súas posibilidades e para que reciban sempre o noso exemplo de vida segundo o evanxeo de Cristo, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Polos mozos, que son a esperanza da sociedade, para que non se deixen manipular, para que non sexan conformistas e loiten por facer avanzar a historia para o ben de todas as persoas, e para que nunca se lles corten as ás da ilusión e do entusiasmo, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Polas persoas que sofren as inxustizas do mundo, aquelas que o noso sistema expulsa e arrincona porque parece que sobran: os inmigrantes, os sen teito, os que están no cárcere, os famentos, os ninguneados, os dobrados, os maltratados, as mulleres relegadas, as vítimas das guerras, os nenos escravizados, os seropositivos e os desprazados, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Polas persoas maiores, e que a miúdo son consideradas inútiles cargas improdutivas, para que vexamos nelas toda unha historia vivida entre amor, sufrimento e entrega, e sempre sexan respectadas e queridas, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Para que descubramos en cada pobre o rostro de Cristo, que nos invita a apostar por eles, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Para que vexamos en cada persoa no paro a traxedia persoal e familiar que leva consigo, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Polas nosas familias, para que sexan fogares nos que o amor nace, medra e se plenifica; para que o cariño, o respecto e a comprensión reinen en cada unha delas; para que os pais se preparen para saber educar no compromiso e na responsabilidade aos seus fillos, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Polos gobernantes do mundo, para que non se aproveiten do posto que ocupan para ben propio; para que se desgasten servindo ao ben común e aos máis desfavorecidos; para que non se deixen enganar por ideas, senón que actúen segundo a realidade, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Polos pobos en guerra; para que caiamos na conta de que toda guerra é inxusta, porque é matar ao irmán; para que a comprensión e a xustiza poñan fin ás guerras, para que ninguén se enriqueza coa fabricación de aparellos bélicos, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Pola Igrexa, para que anuncie e estableza o Reino desde a sinxeleza, a pobreza e o testemuño; para que teña a suficiente humildade de ofrecer o que para ela é gozo e salvación, pero sen impoñelo; para que a nosa vida de irmáns, manifestada no amor compartido sexa sinal da presenza do Resucitado, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Polos afastados, para que comprendamos que non existen, que só existimos nós, que nos negamos a achegarnos a todas as persoas, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Por nós, para que sexamos de verdade testemuñas de Cristo no medio do mundo, para que o noso compromiso cuestione a todas as persoas que nos rodean, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

  • Neste ano adicado ao voluntariado, pechamos a nosa oración pedindo por todas as persoas, que dun xeito ou doutro, están comprometidas en facerlle a vida máis agradable aos demais, traballando para que a dignidade humana sexa sempre respectada, OREMOS.

FÁGASE A TÚA VONTADE, SEÑOR

Escoita, Señor, a oración que nesta tarde de dor, pero tamén de esperanza, poñemos ao pé da túa cruz. Que sempre traballemos desde o amor e a ilusión, confiad@s na resurrección. P.X.N.S.

Adoración da Cruz

Iniciamos agora a segunda parte da nosa celebración, que consiste na adoración da Cruz, esa Cruz que imos traer en procesión desde o fondo da Igrexa. A Cruz non é unha árbore seca, é unha árbore chea de vida e de esperanza. Nela experimentamos o amor de Deus e coñecemos o seu perdón. Desde aquel primeiro venres santo, as cruces e as dores das persoas adquiren todo o seu valor ao unirse á cruz e á dor de Cristo.

PROCESION: (desde o fondo da Igrexa, tres persoas traen a cruz cunha vea a cada lado)

MIRADE A ÁRBORE DA CRUZ, NA QUE ESTIVO CRAVADA A SALVACIÓN DO MUNDO

VINDE ADORALO


 

COMUÑÓN

Como remate da nosa celebración participaremos agora do Corpo de Cristo, morto para darnos vida. A Eucaristía que onte celebrabamos aliméntanos tamén hoxe, mentres esperamos compartir, mañá pola noite (domingo pola mañá), a Eucaristía da Pascua.


 

ORACIÓN FINAL

Pai,

Ti acompañaches os pasos de Xesús,

os pasos da súa vida e da súa morte;

arrimaches o teu ombreiro ao seu

sempre que o seu brazo e a súa palabra

protestaron –e fixérono moitas veces-,

contra calquera bota

que pisara a un ser humano,

a un enfermo,

a un ancián abandonado,

a un neno indefenso,

a unha muller da vida,

a alguén agoniado pola lei ou pola relixión.

Ti alentaches o seu servizo,

pero non lle aforraches a cruz,

nin o corpo roto,

nin a alma agoniada,

nin o berro desesperado,

nin a copa do fracaso,

e, con todo, confiou en Ti.

Deixa que recollamos o teu saúdo,

o teu saúdo, hoxe, para nós,

e que nolo pasemos uns aos outros.

O saúdo é hoxe a cruz

e nela a Palabra, calada,

e nela a Vida,morta,

e nela, a bendizón, maldita,

e nela, quen perdoa, castigado,

quen salva, condenado,

quen se anuncia home novo, feito tronco do vello.

Pai,

o teu saúdo, hoxe, a cruz,

a nosa vida, hoxe, a cruz;

o noso futuro, hoxe, a cruz;

o noso programa, hoxe, a cruz;

a nosa seguridade, hoxe, a cruz;

o noso pecado, hoxe, a cruz;

a nosa forza, hoxe, a cruz;

a nosa ledicia, hoxe, a cruz;

a nosa esperanza, hoxe, a cruz;

o noso Cristo, hoxe, a cruz.

Pai, Ti, hoxe, a cruz.

CANTOS

  • Entrada: Vitoria Ti reinarás
  • Lecturas: Arrepentido
  • Adoración da cruz: Música clásica de fondo

Comuñón: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...