CANTO DE ENTRADA
PÓRTICO
- PERDÓN
- GLORIA
- ORACIÓN COLECTA
- LECTURAS
1ª Lectura: Ex 12,1-8.11-14
Canto: Sede o sal, sede a luz
2ª Lectura: 1 Co 11,23.26.
Evanxeo: Xn 13,1-15
- REMUÍÑO
- CREDO
- ORACIÓN DA COMUNIDADE
- OFRENDAS
- NOSO PAI
- PAZ
- COMUÑÓN
- TRASLADO AO MONUMENTO
- ALTARES. RETÍRANSE OS MANTEIS
O PAN QUE SE PARTE E SE REPARTE FAISE VIDA ENTREGÁNDOSE AOS DEMAIS
Pórtico
O Xoves Santo é o día do amor máis grande: o do amor ata o extremo. O amor de Xesús non ten límite, senón que é un misterio que chega a nós con toda a súa fondura neste e durante todos os días da nosa vida. Somos incapaces de abranguelo co noso pobre corazón, xa que é un amor que chega e inclúe a todas as persoas: non hai diferenza, boas e malas, libres e escravas, sinxelas e orgullosas,…
Neste día Xesús quixo manifestar o seu amor coas palabras e os signos máis sorprendentes. E iso mesmo facemos nós hoxe, no Xoves Santo, no comezo do Triduo Pascual, non só lembrar algo que fixo Xesús hai moitos anos, senón facelo presente, actualizalo no aquí e no agora, na nosa vida e nas dos que están ao noso carón.
É un día para aprender de Xesús, dun Xesús que se fai humilde, que se agacha, que se rebaixa, que se fai escravo para que todos nós nos vexamos limpos, para que aprendamos que o amor non entende de razóns, de prexuízos, de egoísmos, de fachendas, senón que rompe tódalas barreiras para sentar no noso corazón e de aí pasar ás nosas mans para que sexamos quen de mostrarllo aos demais.
E por último na nosa celebración, no día do amor fraterno, queremos facer presente á organización eclesial de "Cáritas", a todos os seus voluntarios e voluntarias que día a día actualizan nos máis pobres e excluídos o xesto de Xesús. Non teñamos medo a servir porque: "Sen ti, non somos nós".
Perdón
- Porque, coma os discípulos, somos orgullosos e temos xenreiras entre nós, sen que cheguemos a entender que o que queira ser primeiro ten que ser servidor de todas as persoas, SEÑOR, LIMPA O PO DOS NOSOS PES.
- Porque nos deixamos levar dos medos, das debilidades e das infidelidades que nos impiden dar o paso definitivo de seguirte e de entregarnos aos demais, CRISTO, LIMPA O PO DOS NOSOS PES.
- Porque existe desamor no noso corazón, na familia e no pobo do que formamos parte, e no mundo no que nos tocou nacer, SEÑOR, LIMPA O PO DOS NOSOS PES.
Remuíño
- Hoxe, día de Xoves Santo, celebramos o día do amor, nunha dobre vertente: o amor de Xesús por todas as persoas e amor fraterno que nós damos (ou deberamos dar) a todas as persoas, sen distincións. E non é algo que El só mostrase neste día, ao contrario, son moitos os exemplos ao longo da súa vida: acollía aos nen@s, achegábase aos pecador@s, curaba aos enferm@s, os primeiros eran os pobres e os excluídos. Neste día Xesús vai ata o extremo, ama ata o límite, e así nolo mostra no xesto de lavar os pés aos apóstolos, algo que só facían os escravos ao seu amo e os discípulos ao mestre, nunca ao revés. Así nolo di Xoán: "amounos ata o extremo". É un amor que se dá, que non busca interese, é "ágape", novo amor, entrega total. é verdade que na Última Cea tamén houbo ambicións, discusións polos primeiros postos, traizóns..., pero por riba de todo iso está o amor.
- Así se nos mostra un amor que é manifestación do amor de Deus que se conmove ante o humano e a súa miseria. Gran contraposición coa nosa vida, que tan endurecida está, que é tan desconfiada diante das intencións das persoas, do medo a perder poder, de conmovernos sendo enganados.
- Xesús ponse á altura dos seus discípulos, é cercano, respectuoso, comunicativo,…. amigo. Porén nós moitas veces só queremos aos amigos para as ocasións, para que nos fagan isto e aquilo, para cando nos vai mal, esquecéndonos logo de que os coñecemos.
- Xesús mostra este amor dende a terra, pisando no chan, facéndose solidario coas persoas, asumindo a nosa condición, coas nosas luces e sombras. Ensínanos así que só poderemos servir e amar aos demais asumindo que a nosa fe é vida, que a nosa fe se encarna nun tempo, nun lugar e nunha persoa concreta: nós.
- Este amor despoxa de todo. Xesús manifestouno quitándose o manto, cinguíndose a toalla, axeonllándose… A que esperamos para tamén nós quitar prexuízos, intereses, egoísmos, fachendas... para, dunha vez por todas, axeonllarnos ante os demais?.
- Transforma a infelicidade en dita, a marxinación en dignidade, o que era débil en fortaleza.. por iso é un amor que dá vida. Cansos como estamos de ver morte, é unha oportunidade que temos de deixarnos vivificar, de ser canles por onde a vida chegue a todos.
- E este amor maniféstase no marco dunha reunión, dunha cea, na que Xesús, como nos di San Paulo queda connosco para sempre. Revivimos nesta celebración de Xoves Santo o que alí aconteceu e facémolo presente. Pero todo no seu conxunto, sen esquecer que o Xesús que lava os pés aos discípulos é o mesmo que cea con eles e ao revés. Gran perigo corremos de separar a Eucaristía da vida, do servizo do amor, de separar a fe e a relixión da vida concreta de cada persoa. Desde logo, e así o estamos vendo, non son as grandes potencias as que transforman as inxustizas, a fame a pobreza, senón que as aumentan, xerando unha marea de excluid@s. Serán as persoas, seremos nós os que, dende o pequeno, dende as familias, dende o traballo... daremos respostas a estes males. Hoxe lembramos que un xesto e unha presenza foron capaces de transformar aos discípulos e por medio deles ao mundo coñecido. Que nos pasa hoxe que non somos capaces nin de convencernos a nós mesmos desta gran verdade?. Recuperemos e actualicemos o verdadeiro sentido deste día: Xesús camiña connosco, dásenos para que o escoitemos, para que nos alimentemos del e o fagamos presenza no medio de nós e no mundo. Deixemos que sexa o seu Espírito o que nos transforme e unámonos a El, que vai pasar da morte a vida.
Oración da comunidade
Señor, neste día ti móstrasnos que o máis importante é o amor, e falo non dende a teoría nin dende as palabras, senón dende o exemplo. Faste escravo para que nós poidamos achegarnos a Deus. Quedas no medio de nós partíndote e repartíndote para chegar a todas as persoas, sen exclusións. Convencidos e agradecidos, dicímosche:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- Pidamos por tódolos pobos, especialmente polos que sofren as consecuencias da fame (Etiopía, Sudán, Iemen) e da guerra (Países do Magreb, Oriente Próximo, África), para que os países desenvolvidos sexamos conscientes do dano que facemos coa venta de armas e o comercio inxusto e insolidario, OREMOS:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- Pidamos por tódolos excluídos do noso mundo: os pobres, os inmigrantes, os refuxiados, os encadeados,os enfermos, os anciáns,… para que non quedemos indiferentes ante o seu sufrimento e non os culpemos dos graves problemas que ten a nosa sociedade, OREMOS:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- Pidamos polos responsables da política e da economía, para que non se deixen influenciar polos intereses particulares ou polos de uns poucos e busquen ante todo o ben común e a dignificación das persoas, tendo sempre presente que non somos números de enquisas e votos, senón persoas con dignidade, OREMOS:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- Pidamos pola Igrexa, que quere camiñar coas persoas sendo luz que alumea, palabra que alenta, man que axuda, pan que alimenta, para que non caia na tentación de ser servida e tome en serio que só servindo pode ser verdadeiro testemuño e presenza viva de Xesús no medio das persoas, OREMOS:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- Polas nosas comunidades, que hoxe celebran e viven a entrega total de Xesús a tod@s, sendo conscientes de que se queren ser comunidades vivas e evanxélicas cun proxecto de vida: entrega total e desinteresada, entrega ilusionada e ilusionante, xenerosa e solidaria, OREMOS:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- Por todos nós para que non nos deixemos vencer polos medos e os prexuízos e sexamos quen de dar un paso firme e decidido cunha actitude aberta, dialogante, sinxela e comprensiva cara aos demais e así sexamos quen de mostrar que a fe é un don que se comparte, que se fai presente na vida, no aquí e no agora servindo e dándose sen esperar nada a cambio, OREMOS:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- No día da institución do sacerdocio, queremos lembrarnos de tantos e tantos sacerdotes e dun xeito especial polos dous das nosas parroquias, que entregan a súa vida a servir a Deus en tódalas persoas. Para que a súa entrega se vexa renovada día a día e non caian na tentación de predicarse a eles mesmos, senón a mensaxe de Xesús, que é servir e non ser servidos, OREMOS:
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
- Lembrémonos neste día de tód@s os voluntarios e traballadores de Cáritas, para que vexan renovadas as súas forzas e o seu compromiso cara aos máis pobres e necesitados, e conten sempre coa nosa axuda e colaboración, de xeito que ningunha persoa se sinta abandonada e desprezada, OREMOS.
QUE O PAN E A PALABRA SEXAN FONTE DE SERVIZO COMUNITARIO
Grazas, Señor, porque neste día móstrasnos que o verdadeiro camiño da felicidade está en servir e non en ser servidos. Que esta verdade a fagamos vida. P.X.N.S.Amén.
NOSO PAI
12 persoas de todas as idades, soben ao altar e colócanse arredor del. Logo, dámonos a man e cantamos e rezamos o Noso Pai.
PARA A REFLEXIÓN
VINDE A MIN TODOS OS QUE ESTADES CARGADOS
Vinde a min todos os excluídos,
os que estades esgotados e arruinados,
os que xa non contades nin valedes nada,
os derradeiros, que non sodes queridos,
que só recibides golpes e esquecemento,
vinde,
que quero acubillarvos á sombra das miñas ás.
Vinde a min
escravos e humillados,
vendidos a calquera prezo e desexo,
nenos sen refuxio,inmigrantes á deriva,
enferm@s e anciáns apartados,
vinde,
que eu son a liberdade e enchereivos do consolo e a forza do meu espírito.
Vinde a min
famentos de pan e de xustiza,
famentos de dignidade e de respecto,
famentos de vida e felicidade,
vinde,
que eu serei o voso alimento.
Vinde a min
todos os rexeitados, perseguidos,
esquecidos, excluídos, marxinados,
xente sen voz, sen nome, sen prestixio,
vinde,
para estar no meu colo.
CANTOS
- ENTRADA: Temos unha festa
- LECTURAS: Sede o sal, sede a luz
- ANTES DO EVANXEO: Aleluia
- OFERTORIO: Benaventurados
- SANTO: Os ceos e a terra
- NOSO PAI
- PAZ: Que veña a paz
- COMUÑÓN: O amor é o meirande
TRASLADO AO MONUMENTO: Quédate Señor connosco
Comentarios