Ir al contenido principal

24 domingo TO

A GRANDEZA DE QUEN SABE PERDOAR E PEDIR PERDÓN
PÓRTICO
A experiencia de pedir perdón e de perdoar é tan fundamental que quen non a coñece corre o risco de non medrar coma persoa. Quen non se sentiu nunca comprendido, non sabe comprender aos demais. Quen non experimentou nunca na súa vida o perdón entrañable e gratuíto de Deus corre o risco de vivir sen corazón, coma o servo da parábola que hoxe escoitaremos no evanxeo, endurecendo cada vez máis as súas esixencias e reivindicacións e negando a tenrura e o perdón. Quen esquece o moito que se lle perdoa, vólvese duro de corazón cos demais. Quen cre que o perdón a comprensión mutua son algo inútil, propio de persoas débiles e resignadas, afoga a convivencia e o evanxeo.
Porque só quen ten a experiencia de sentirse perdoado por Deus e polos irmáns e as irmás sabe da importancia do perdón para a convivencia, o desenvolvemento humano e o gozo da Boa Nova. Que a celebración que imos comezar nos axude a descubrir que a tolerancia, o perdón e o amor son os pés sobre os que se afianza a convivencia.

O PERDÓN
  • Polas moitas veces nas que nos poñemos diante de Ti para pedir o teu perdón; pero somos incapaces de perdoar a quen nos ofendeu, SEÑOR, TEN PACIENCIA CONNOSCO.
  • Por ter actuado só para que nos valorasen ou buscando o recoñecemento público, esquecendo que os demais tamén fan posible que a nosa felicidade, CRISTO, TEN PACIENCIA CONNOSCO.
  • Por que non medimos a todas as persoas co mesmo raseiro, senón que facemos distingos, favorecendo aos que nos caen ben e nos resultan máis simpáticos, SEÑOR, TEN PACIENCIA CONNOSCO.
REMUÍÑO
  • Non é cousa doada perdoar… e tampouco é doado pedir perdón. Probablemente sexa unha actitude das que máis nos custan, porque o noso egoísmo e a autosuficiencia non queren admitir que non somos perfect@s, que tod@s temos defectos, que tod@s metemos a pata. E así, cando nos toca perdoar, adoitamos tomar fundamentalmente dúas actitudes que resumen ben estas dúas sentencias que pronunciamos: “perdoo...pero non esquezo”, “perdoo... pero non quero volver saber nada máis desa persoa”. Sóanos, verdade que si?. Pero ningún destes dous comportamentos é o axeitado para aqueles que levamos o apelido cristiáns, porque no primeiro caso, sen esquecemento non hai verdadeiro perdón e no segundo o perdón parece ser unha vinganza que lle retira o corazón e a fala a quen nos ofende.
  • Porén, se nos dicimos seguidores de Xesús e do seu camiño, o camiño do amor, debemos estar dispost@s a abrir o noso corazón a perdoar e a pedir perdón. Por iso, o Evanxeo que vimos de escoitar supón, coma sempre, unha boa nova: o perdón de Deus é un feito real… e así debe ser o noso perdón cara aqueles que nos ofenderon… sen levar contas de cantas veces perdoamos, pois Deus tampouco as leva cando nos perdoa a cada un de nós. Non é cuestión de números nin de aritmética, senón que se trata máis ben dun cambio de mentalidade: son moitas as actitudes negativas polas que temos que saber pedir perdón: envexas, ciumes, esquecementos, dobres caras, palabras ferintes, abandonos, traizóns, violencia.... E se somos quen de descubrirnos como pecadores, seremos quen de dar o noso perdón, non para salvar aos demais -iso é cometido de Deus-, senón para andar o camiño da misericordia que El pon diante de nós.
  • Ás veces, claro que non resulta fácil escoitar a chamada de Xesús ao perdón, nin sacar todas as implicacións que pode ter o feito de aceptar que unha persoa é máis humana cando perdoa que cando se vinga. Porque perdoar non significa ignorar as inxustizas cometidas, nin tampouco aceptalas de xeito pasivo e indiferente. Ao contrario, perdoamos para destruír a espiral do mal, tentando superar o mal co ben. O perdón é un xeito que cambia as relacións interpersoais e obriga a plantexar a convivencia futura dun xeito novo; pois todo aquilo que pedimos, esiximos ou consideramos que nos corresponde a nós, tamén cómpre concederllo, esixilo e pedilo para os demais, pois só así entenderemos o que significa perdoar setenta veces sete, é dicir, sempre.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
O Señor está a darnos oportunidades novas para construír a nosa vida sobre o perdón e a reconciliación; por iso lle dicimos:
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
  • Pola Igrexa, para que amose a compaixón e a misericordia de Deus, perdoando e acollendo a tantas persoas, que dentro ou fóra dela cometen equivocacións, sabendo que ela mesma é a primeira que se equivoca moitas veces, OREMOS
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
  • Polas nosas comunidades, para que os seus membros sexamos xenerosos e solidarios nas nosas relacións, tendo en conta que só dende o perdón, a reconciliación e a unión, seremos quen de facer unha humanidade renovada, que camiña xunta, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
  • Por todos nós, que na vida e no trato coas persoas temos palabras, xestos e comportamentos que poden ser ferintes, para que teñamos a sensibilidade de recoñecelos e de pedir perdón, OREMOS:
QUE DESCUBRAMOS O AGASALLO DO PERDÓN
Grazas Señor, porque sempre nos escoitas e non levas conta dos nosos desamores. Ensínanos o verdadeiro camiño da felicidade, xa que en Ti poñemos a nosa esperanza. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN
Xesús,
ensínasnos a amar a quen non nos ama,
a facerlle ben a quen non nolo fai,
a bendicir a quen nos maldí,
a ter desexos de ben con que se adica a calumniarnos.
Xesús,
ensínasnos a non ser agresivos ou agresivas con quen nos provoque,
a tratar á xente como queremos que nos traten a nós.
Xesús,
ensínasnos a amar, servir e traballar polo que consideramos bo,
sen esperar nada a cambio,
gratuitamente,
libremente,
como Deus Pai-Nai che ensinou a facer a Ti.
Xesús,
ensínasnos a ter un corazón fondamente solidario
para defender o campo e a vida que hai nel,
para defender os dereitos das persoas
que teñen a vida ameazada ou diminuída.
Xesús,
ensínasnos a vernos persoas queridas por Deus e polos demais,
para atopar aí a forza para tanto amor.
Grazas, Xesús!.

(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea”)
CANTOS
  • Entrada: Todos xuntos
  • Lecturas: Canta o sol
  • Ofertorio: Sede o sal sede a luz
  • Comuñón: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...