Ir al contenido principal

26 domingo TO A

O QUE VERDADEIRAMENTE CONTA: A EXPERIENCIA DE DEUS NO QUEFACER COTIÁN

PÓRTICO

Son bastantes as persoas que, dicíndose cristiás, terminan por instalarse comodamente na súa fe, sen que a súa vida se vexa afectada no máis mínimo pola súa relación con Deus. Cristiáns que se desdobran e cambian de personalidade segundo se axeonllen para rezar ou se entreguen ás súas ocupacións cotiás. Deus non penetra na súa vida familiar, no seu traballo, nas súas relacións sociais, nos seus proxectos e intereses. A fe é para eles un costume, un reflexo, unha medida de seguridade, unha relaxación persoal.

Porén, a Palabra que proclamamos invítanos a que, con sinceridade, nos preguntemos que significa realmente Deus no noso quefacer cotián. O que se opón moitas veces á fe non é a increnza, senón a falta de vida. Porque, que importa o credo que pronuncian os nosos beizos se falta logo na nosa vida un mínimo esforzo de seguimento de Cristo?; que importa que un fillo lle diga a un pai que vai traballar na viña se logo en realidade non o fai?. Non será que temos reducido, a miúdo, a nosa fe a palabras, ideas ou sentimentos?.

A celebración que agora comezamos quere axudarnos, unha vez máis a descubrir que a verdadeira fe, hoxe coma sempre, é a que viven aqueles homes e mulleres que traducen en feitos o Evanxeo. Porque.... do dito ao feito, haiche un gran treito.

O PERDÓN

  • Polo tempo deixado atrás que non soubemos aproveitar para crecer como persoas libres e tolerantes, dicímosche: LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.
  • Porque facemos o que non debemos e queremos o que non estamos dispost@s a facer, pedímosche, LÉMBRATE, CRISTO, DA TÚA MISERICORDIA.
  • Polas veces en que, baixo unha falsa fe, somos capaces de xustificar comportamentos que están lonxe do evanxeo e das persoas, dicímosche, LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.

REMUÍÑO

  • Unha das cousas que máis deteriora a vida da sociedade é que a palabra perda a súa fiabilidade. E iso é o que lle pasa á nosa sociedade actual: cremos pouco nos programas e promesas dos políticos, nas sentencias dos xuíces, na solidariedade dos empresarios ou dos banqueiros... e na profesión de fe de moitos crentes. Cremos pouco en palabras e promesas, propias e alleas. A palabra xa non é expresión de compromiso, xa non é fiable; deteriorouse, devalouse. E isto non é bo para ninguén, porque é sinal de que algo importante non marcha ben. Cando a palabra perde fiabilidade, as relacións, persoais e sociais, deterióranse, e a desconfianza, o temor, o secretismo, a manipulación, as diferenzas... fan a súa aparición.
  • Na parábola dos dous fillos que vimos de proclamar no Evanxeo, o importante non son as palabras que estes din, senón a súa conduta. Non estaría de máis que tod@s nós, que formamos a Igrexa, tomaramos boa nota deste recadiño que hoxe nos manda Xesús: a fe non é algo que se posúa, senón algo que ten que vivirse. Ser crente é algo máis que recitar fórmulas de fe ou confesar a nosa simpatía pola concepción cristiá da vida.... cómpre esforzarse na práctica por chegar a ser cristiáns e cristiás verdadeir@s, e non só de boquilla. Dito doutro xeito: a ortodoxia temos que saber conxugala coa ortopraxe. Non vale con dicir "vou", hai que ir. Velaí o cerne da cuestión. Pero claro, que difícil é!!!!!!!!!!!. Porque son demasiadas as ocasións nas que dentro da nosa Igrexa poñemos o acento na ortodoxia e esquecémonos por completo da ortopraxe. Como chamarlle senón á actitude de tantos e tantos membros da xerarquía que reducen a fe a un mero culto que proporciona uns suculentos cartiños?, como podemos pasar horas e horas diante do Santísimo (mesmo rezando o rosario) mentres non estamos dispost@s a perder o noso tempo visitando ás persoas enfermas, como temos a cara de "falar no nome de Deus" para acusar, condenar ou ferir a quen temos enfronte?, como casar unhas celebracións solemnísimas cunha frialdade e un afastamento entre nós?, como é que nos confesamos cristiáns e cristiás, mesmo de celebración e comuñón dominicais, e logo explotamos aos nosos traballadores, coméndolles a suor e a saúde?, como falamos de ser crentes e non somos responsables no noso traballo?, que sentido ten dicir que Deus é importante na nosa vida se logo non estamos dispost@s a mover nin un dedo para que isto cambie?. Que ben nos vai aquilo de "xuntémonos e ide".
  • Teñamos entón coidadiño, porque non vaia ser que aqueles que se sintan perfectos, en posesión da verdade absoluta, aqueles que se cren con máis dereitos que os demais, aqueles que xulgan e censuran.... se atopen coa sorpresa de que os pobres, os agnósticos, os ateos, as mulleres (mesmo as prostitutas) lles leven a dianteira para entrar no reino dos ceos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Recemos xunt@s a este Deus que é presenza constante e consolo agarimoso na nosa vida, e digámoslle:

QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE CADA DÍA

  • Para que a Igrexa, en fidelidade á mensaxe de Xesús, nunca canse de acompañar a quen o necesita, escoitar a quen chama na súa porta e colaborar con quen pide axuda, Oremos.

QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE CADA DÍA

  • Polas nosas comunidades, para que non fomentemos unha fe individualista, intimista e desleigada da realidade de cada un e polo contrario sexamos quen de facer unha vida comunitaria rica en experiencias e vivencias compartidas. OREMOS:

QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE
CADA DÍA

  • Por nós, para que nunca separemos a relixión da vida, o dicir do facer, o rezar do actuar, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A DESCUBRIRTE NAS COUSAS DE CADA DÍA

Grazas, Señor por volver lembrarnos que a fe non ha quedar pechada dentro das paredes do templo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

E disme ti, Xesús:

Non mires para min cos brazos cruzados,

co pensamento e a decisión cruzada.

Arríscate a facer ti o teu camiño

do teu Nazaré ao teu Xordán.

Arríscate a abrirte ao Pai, totalmente,

e abriráseche o ceo a ti,

e o Espírito collerate

e levarate a onde non pensas nin soñas,

e farate sentir, seguro,

que es fillo ou filla de Deus no pobo.

Anímate.

Arríscate.

Confía.

Dá o paso.

Aínda na adultez redonda,

hai camiño e hai tarefa.

Eu vou contigo.

Manolo Regal, A graza daquel verán. P. 58/9)

Cantos

  • ENTRADA: Unha xuntanza de amor
  • LECTURAS: Con todas as creaturas
  • OFERTORIO: Gracias Señor na mañá

COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...