Ir al contenido principal

25 domingo TO A 2011


ONDE UNS POÑEN A PURA LEI ECONÓMICA, DEUS PON CORAZÓN E SENTIMENTO, QUE FAI IR MÁIS ALÁ DO QUE É SIMPLEMENTE LEGAL

PÓRTICO

O mundo da economía vai marcando o noso tempo. Todo o traducimos a números. Todo o valoramos desde o punto de vista da rendibilidade económica. Todo ten un prezo... mesmo as persoas. E esta actitude mercantilista, máis pronto ou máis tarde, vólvese en contra nosa. Sabémolo ben, porque é o que estamos a experimentar nas nosas propias carnes coa forte crise económica que estamos a vivir e que ten a súa orixe en ter equivocado o punto de partida, cambiando as persoas pola economía.
Porén, Xesús volve lembrarnos hoxe algo que, nos tempos que corren, pode resultar, cando menos, chocante: para El o que menos importa é o valor económico das cousas. O verdadeiramente valioso é o valor humano: a nosa capacidade de tenrura, o noso esforzo, a nosa dispoñibilidade, a nosa coherencia.... a nosa capacidade de poñernos no lugar da outra persoa para compartir as súas inquedanzas, tristuras e ledicias.
Esta mañá invítasenos a deixar de lado o puro mercantilismo para camiñar con corazón e sentimento, que fai ir máis alá do que é simplemente legal.

O PERDÓN

  • Por ter pensado só en min, nos meus problemas, nas miñas preocupacións, no meu beneficio..., esquecéndome de que os demais son importantes para a miña felicidade, SEÑOR, QUE VIVAMOS CON CORAZÓN QUENTE.
  • Por non ter sabido valorar e descubrir que as cousas verdadeiramente valiosas son as que non teñen prezo: a amizade, a saúde, o amor.... CRISTO, QUE VIVAMOS CON CORAZÓN QUENTE.
  • Porque o noso exclusivismo e o noso afán de protagonismo lévannos a crernos con dereitos adquiridos e mellores cós demais, SEÑOR, QUE VIVAMOS CON CORAZÓN QUENTE.

REMUÍÑO

  • Nun tempo no que tanto escoitamos falar de recortes: no ensino, na sanidade, mesmo nos ministerios e nos concellos, debemos agradecerlle a Deus que non recorte as oportunidades que pon nas nosas mans, senón que mesmo as multiplica. Porque... menos mal que Deus non pensa e non é coma nós queremos!!!!!!!!. Nós queremos un Deus xusto, que lle dea a cadaquén o seu, que lle dea máis a quen máis produce e menos a quen rende menos, que leve unha contabilidade rigorosa do que facemos para pagarnos proporcionalmente. E, como pensamos así, case tod@s, ao ler a parábola, poñémonos de parte dos que se queixan ao final, cando reciben por todo un día de traballo o mesmo que os que traballaron só un ratiño. Teñen toda a razón!!!!!!!!: se traballaron máis, se produciron máis, se… deben recibir máis.
    Que lerdos e torpes somos!!!!!!!!!!!. Non temos entendido nada!!!!!!!. Non é así como se comporta o Deus de Xesús… e, se falamos en termos contables… tampouco nos convén, porque apañados andariamos se Deus nos dese só o que merecemos e nos esixira rendemento por todo canto nos dá, se Deus castigara as nosas infidelidades cun criterio de capataz de empresa, se fose recortando oportunidades!!!!!!!!!!!!.
  • Os primeiros protestan …e nós tamén. Porque acaso non nos consideramos con máis dereitos diante de Deus que aqueles que non pensan e non actúan coma nós?, coma un ateo ou un agnóstico vai recibir o mesmo ca nós?, como unha muller ou un simple segrar vai recibir o mesmo salario que un membro da xerarquía que consagra a súa vida a "servir" a Deus?, non estamos cheos de prexuízos cara ás persoas doutras relixións?. Por que nos custa tanto entender que diante de Deus non temos mérito ningún que esixir, que non merecemos nada, que é El o que nos quere e nos chama, ofrecéndonos de balde o seu amor?. Por que nos custa tanto comprender que o noso esforzo non nos autoriza a considerarnos superiores aos demais e a miralos por riba do ombreiro?.
    Tristemente, hai demasiados cristiáns que pensan que a relixión se reduce ao que eles lle dan a Deus. Non descubriron que a relixión consiste no que Deus fai connosco. Se non varremos do noso maxín a idea de inspectores de facenda, se esperamos a vida eterna coma unha xusta recompensa ao noso concurso de méritos, estamos pechándonos á posibilidade de asombrarnos, coma os operarios das horas tardías, diante da xenerosidade de Deus.
  • Os primeiros non protestan porque a súa paga fora escasa, senón porque os igualaron cos demais. Hai tanto tempo que servimos a Deus que nos cremos dignos dunha recompensa maior á daqueles que non tiveron que pasar tantos traballos: fixemos sacrificios, aburrímonos tantas veces na Misa, privámonos de tantos praceres, fixemos tantas renuncias….que temos envexa e mesmo ciumes daqueles xornaleiros de última hora para os que todo foi máis doado. Tiveron sorte: gozaron da vida e a última hora cambiaron… Pensando así demostramos que non coñecemos a vida nin a verdade de Deus, porque se as coñeceramos diríamos: que sorte tivemos descubrindo tan pronto o sentido da nosa vida, que afortunados somos por sabérmonos e sentírmonos amad@s por Deus desde sempre!!!!. E entón… tamén pediriamos que o Pai lles dese aos outros o mesmo denario que nos dá a nós para que compensase a tristura da longa separación. Xustiza?. Si, xustiza de Deus, é dicir, xenerosidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deus sigue a chamar por nós e a darnos novas oportunidades. Agradecid@s pola súa confianza, dicimos xuntos:
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
  • Pola Igrexa, para que sempre teñamos en conta que o dereito a disfrutar da salvación non o dá a pertenza a unha raza, relixión ou pobo, senón a fidelidade en responder á chamada de Deus, independentemente da hora da vida na que se reciba, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
  • Polas nosas comunidades, para que sempre testemuñemos de palabra e obra ao Deus para quen o verdadeiramente importante é o valor humano, e que pide de nós tempo para compartir coas persoas necesitadas, enfermas e tristes, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
  • Recén comezado un novo curso escolar, pedimos hoxe por todas as persoas que conforman o mundo do ensino, e dun xeito especial por aquelas que fan presente a túa mensaxe nel. Para que sempre traballen con ilusión, responsabilidade e coherencia, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
  • Por cada un e cada unha de nós, para que nunca lle neguemos a ninguén o pan e o sal da escoita, da comprensión e do amor, que nos fan medrar coma persoas irmás, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A TRABALLAR NA TÚA VIÑA
Grazas Señor por mostrarnos, unha vez máis, cal é o camiño que nos fai medrar coma persoas cheas de esperanza e buscadoras de felicidade. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Non fai falla que mo digas,
non fai falla que ninguén mo diga:
eu son xornaleiro, xornaleira da última hora.
Na tarefa do Reino,
na tarefa da xente pobre, pequena e diminuída,
ando tarde e rendo pouco.
Pertenzo á caste dos ociosos ou ociosas,
que falan e falan na praza
mentres caduca a sorte dos esquilmados da vida.
Un día chegaches Ti
-cantas horas xa pasaran, cantas oportunidades perdidas!-.
e ofrecíchesme o mundo como casa común e tarefa.
Pouco afeito ao traballo, fixen o que puiden;
aprendín ao teu carón o gozo da tarefa ben feita,
a humildade dos pequenos esforzos.
Grazas ao traballo de moitos e moitas,
o pan e a paz apareceron nas mesas das persoas diminuídas,
e a alegría abrollou nas leiras das persoas que non contan.
Á noitiña, rematado o traballo,
recibimos de Ti, con alegre sorpresa,
a paga do amor, que non sabe de medidas.
E volvemos contentos,
e foi grande aquel día,
pasado onda ti no traballo da vida.
E ao día seguinte, cando a luz apuntaba,
estabamos na praza,
agardando por ver se de novo chegabas.
(M. Regal "Xesús, aquel home de aldea")

CANTOS

  • ENTRADA: Con ledicia vimos
  • LECTURAS: O pouco que Deus nos dá
  • OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...