NO AMOR DE CRISTO, O PAN DA
SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
SIGNO DE CORESMA: A frase que
escollemos para colocar este segundo domingo arredor do signo principal é TAN ASUSTADO ESTABA, QUE NON SABÍA O QUE DICÍA. Con
ela queremos expresar de que moitas veces a nós tamén nos pasa que estamos tan
asustados que non sabemos o que dicimos, e a solidariedade convértese en
avaricia e egoísmo.
PÓRTICO
Dinos o Evanxeo de hoxe que Pedro, co susto que tiña ao
descubrir quen era Xesús e como se lles acababa de manifestar, non sabía o que
dicía. E cando un non sabe o que di, pola súa boca acaban saíndo cousas sen
sentido, e das que moitas veces acaba arrepentíndose. Que mellor invitación
entón, á luz do Evanxeo que logo proclamaremos, para que fagamos o esforzo de
pensar as cousas antes de dicilas; de introducir a reflexión no canto do
arrouto; de non falar para o aire. Non é doado, pero estamos na coresma, un
tempo privilexiado para buscar, cambiar e rectificar comportamentos e formas de
facer as cousas que sabemos están equivocadas.
Que a celebración que agora comezamos sexa momento de
esperanza, participación e reflexión desde a que retomemos o camiño do que as
veces as nosas rutinas nos van apartando.
O
PERDÓN
*
Porque
estamos tan ben aquí, no primeiro mundo, seguros, aburguesados, cómodos e
instalados, que non queremos baixar do pedestal para escoitar os berros de
tantos irmáns e irmás que viven na desesperanza, na fame ou na tristura, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
*
Porque
non acabamos de conseguir pensar as cousas antes de dicilas, evitando así ferir
co que sae pola nosa boquiña, CRISTO,
QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
*
Porque
a nosa falta de confianza en Ti fai que vivamos unha fe chea de complexos,
teimas e medos en vez de coma unha proposta e un agasallo que nos fas para
encher a nosa vida de sentido, SEÑOR,
QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
- Uf!. Que difícil é manter as
nosas convicións!. Que difícil resulta ser fieis a principios e valores
que nos axudan a ser máis felices, máis humanos, máis solidarios!. Abrahán
descubriu na súa propia experiencia que a confianza supón esforzo,
traballo e, na meirande parte das veces, moito sacrificio. Un sacrificio
que nos pode facer cuestionar esa confianza que poñemos ben sexa nas persoas
que están preto de nós, ben sexa nos nosos amigos, na familia e mesmo en
Deus. Confiar ten o seu risco, e conleva ás veces ser incomprendidos ou
mesmo rexeitados por quen non nos entende ou por aqueles que pensabamos
que eran achegados a nós. E isto é así porque a confianza móstrase tanto
nos momentos nos que todo parece correr ben como naqueles onde temos a
impresión de que as cousas van esmorecendo... e nós con elas. E isto
pásanos moitas veces, pero especialmente vivímolo na nosa relación con
Deus. Nela non pode ser o medo e a sumisión os que nos guíen, senón a
capacidade de descubrilo a El como quen sabe estar ao noso lado en todos
os momentos da vida. Un estar que respecta as nosas decisións e non cae na
tentación de manipularnos e facer que actuemos como a El lle gusta, senón
que nos concede a liberdade para poder reflexionar e actuar con
responsabilidade e coherencia, sendo nós mesmos e non uns monicreques nas
súas mans. Crer é gozo, pero tamén sacrificio, paciencia e loita para
seguir no camiño ao que El nos invita e chama, pero ao que ninguén pode
responder por nós. A resposta á súa chamada é persoal, libre e
responsable. Teremos mediacións ao noso redor que nos poden axudar, pero
ao final son eu, e non outros por min, o que ten que dicir se verdadeiramente
estou dispost@ a seguilo. Que coma Abrahán aprendamos a poñernos nas mans
de Deus, a fiarnos del.... porque, aínda que ás veces nos custe entendelo
ou mesmo non queiramos darnos por aludid@s, estamos seguros de que non nos
vai fallar.
- Sabemos entón que hai moito
camiño por percorrer... e que non todo é liso e chan. Atoparemos
pendentes, baixadas, curvas..... tamén rectas. Pero, de seguro que o Señor
vai con nós. A nosa confianza non é cega, sen probas, senón que, como nos
lembra Paulo “Deus daranos todo”,
ou o que é o mesmo, temos que ser persoas que proxecten a súa vida desde
os valores de Deus, persoas presentes no noso contorno con toda a
intensidade, persoas comprometidas no mundo e co mundo, sabendo pór en
cada acontecemento, por pequeno e sinxelo que sexa, a luz da fe; persoas
conscientes e convencidas de que, co noso esforzo, seremos capaces de
parir una nova sociedade máis xusta, máis igualitaria, máis fraterna, máis
humana... pois El camiña ao noso lado.
- Por iso non é de recibo regodearnos no “que ben se está aquí”, no noso Tabor, no noso primeiro mundo, na sociedade da opulencia e do benestar. Ao pé da montaña hai moitos irmáns e irmás que agonizan en tantas e tantas cruces: na cruz do desenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame, da ignorancia, da enfermidade, da soidade, da incomprensión, da marxinación... e que esperan que nós baixemos da montaña máxica e irreal dos poderosos e dos duros de corazón para escoitalos, axudalos e comprometernos con eles, axudándolles a levar a súa carga. Se Deus é o sentido da nosa vida, estamos chamad@s a anuncialo, dando a coñecer a súa mensaxe. Deixemos de pasmar mirando ao ceo, baixemos do Tabor, de tantos falsos tabores e pousemos os pés na terra, onde hai abondo que facer
Na invitación a camiñar na presenza
do Señor, atopamos a man que nos vai orientando e levando a superar o pesimismo
e a vivir na esperanza. Deixándonos acompañar por ela, dicimos:
NON
NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*
Para que todos e todas nós, que formamos a túa
Igrexa, saibamos acollerte non desde o medo ou a imposición, senón desde o
convencemento de que lle has dar sentido á nosa vida, OREMOS.
NON
NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*
Para
que as nosas parroquias se vaian convertendo en verdadeiros obradoiros nos que
aprendamos a vivir entre os veciñ@s a ledicia de compartir a fe nun Deus que
ama e sae ao noso encontro para acompañarnos no nada doado camiño da vida, OREMOS.
NON
NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*
Por
cada un e cada unha de nós, que nos sentimos seguidores e seguidoras túas, para
que non deixemos pasar este tempo de graza que é a coresma e o aproveitemos
para deixar atrás canto nos fai superficiais, frívolos, rutinarios e inmaturos,
impedíndonos ser espellos teus no medio do mundo, OREMOS.
NON
NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
Grazas,
Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nos falsos tabores dos
templos, senón nos sorrisos e nas dificultades da vida, onde temos que saber
descubrirte. PXNS. Amén.
PARA
A REFLEXIÓN
APRENDER
A FALAR CON DEUS
Pelando
patacas, desbrozando as leiras, limpando a casa, preparando a comida, facendo a
compra, colocando plaqueta, dando unha clase... podemos dicir a Deus, sen
cansarnos, sinxelamente, que o queremos, que é importante para nós. E iso vale
tanto como moitas novenas, procesións ou rosarios.
Nunca deberiamos cansar de dicir: Deus, ofrézoche o
día que agora comeza: as miñas accións, os meus pensamentos, as miñas palabras,
os meus xestos, as miñas ledicias e tristuras; os meus acertos e erros.
Todo canto de ben poida facer ao longo deste día,
póñoo, Señor, aos teus pés, para que o arco da vella de cores co que ti nos
agasallas, siga iluminando o camiño da miña vida. Amén.
CANTOS
- ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
- LECTURAS: Lemos o Salmo
- OFERTORIO: Seguirei os teus pasos
- COMUÑÓN: Quédate Señor connosco
Comentarios