Ir al contenido principal

Lecturas Domingo 5 TO B

5º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO   -  CICLO B


Primeira Lectura       Xob 7, 1-4. 6-7:
Abarrotaranme as dores ata o solpor

LECTURA DO LIBRO DE XOB

    Naqueles días, falou Xob e dixo:
O home ten na terra un duro labor;
os seus días son coma os do xornaleiro.
    Coma o escravo que arela a sombra,
coma o xornaleiro que agarda o que gañou,
así herdei eu meses baldeiros
e tocáronme en sorte noites de angustia.
    Penso para min ao deitarme: Cando me hei erguer?
E desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.
    Recorda que a miña vida é vento,
e que os meus ollos non verán máis a ledicia;
non me verán os ollos de quen mira,
e cando ti me espreites, xa non estarei.
    Coma unha nube se desfai e pasa,
así, o que baixa para o xeol non volverá subir,
non volverá de novo á súa casa
e o seu lar non saberá máis del.
    Por iso mesmo, non hei de pórlle eu freo á boca,
vou falar con ánimo angustiado,
voume laiar desde o amargor da alma.

        Palabra do Señor                R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 146, 1-2. 3-4. 5-6

R/.  (cf. 3a):  Loade o Señor, que sanda os corazóns crebados.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor,
pois é doce cantarlle ao noso Deus,
é delicioso celebrar a súa loanza.
O Señor reconstrúe Xerusalén,
e reúne os dispersos de Israel.

Sanda os corazóns crebados
e venda as súas feridas.
Conta as estrelas incontables,
e chama polo nome a cada unha.

O noso Señor é grande e poderoso,
para a súa sabedoría non hai medida.
O Señor ergue os humildes
e abaixa os malvados ata o chan.


Segunda Lectura      1 Cor 9, 16-19. 22-23
Ai de min se non evanxelizo!

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

    Irmáns:
    O mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!
    Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. Onde está, logo, o meu premio?
     En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando aos dereitos que este Evanxeo me confire.
    Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles.
    Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe.
    Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

        Palabra do Señor                R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Mt 8, 17
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Cristo colleu as nosas doenzas,
e cargou coas nosas enfermidades.
Aleluia.


Evanxeo   Mc 1, 29-39
Sandou a moitos enfermos de varias doenzas

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

    Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
    E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
    Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
    Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mais os que estaban con el fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:
      Todos te andan a buscar.
    El respondeulles:
      Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.
    E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.

            Palabra do Señor                R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...