Ir al contenido principal

Ascensión 2012


UNHA FE NON PARA GARDAR, SENÓN PARA ESPALLAR: IDE E ANUNCIADE

PÓRTICO

Mirar os acontecementos da nosa historia só cara arriba é propio da maxia. Miralos cara atrás é propio da superstición. Porén nós, coma cristiáns, temos unha mirada propia: cara arriba, confiando en Deus; cara ós lados, buscando aos irmáns; e cara adiante, construíndo futuro con optimismo, coa ledicia de sabérmonos acompañad@s.
Mais sempre temos a tentación da mirada máxica ou supersticiosa. A Pascua é tempo de espabilar, de renunciar a estas tentacións, de rachar cadeas que escravizan. Busquemos coa mirada a Cristo, miremos ao irmán e á irmá comecemos esta celebración recoñecendo neles a imaxe do Resucitado.

O PERDÓN

  • Por non acabar de recoñecer que nos falta alegría para anunciar a Xesús, SEÑOR, QUE NON CANSEMOS NA TAREFA.
  • Por non ser capaces de deixar atrás canto non serve para expresar coa nosa vida a grandeza da túa mensaxe, CRISTO, QUE NON CANSEMOS NA TAREFA.
  • Por non querer entender que o mandato de ir e anunciar ten que facer da nosa vida unha experiencia de solidariedade e xustiza, SEÑOR, QUE NON CANSEMOS NA TAREFA.

REMUÍÑO

Cantas veces a comodidade, o pasotismo, a vulgaridade, o pesimismo, a desilusión... se instalan na nosa vida e todo nos dá igual!. A festa que celebramos hoxe, a Ascensión do Señor, quere ser unha posta de largo, unha toma de conciencia do noso quefacer coma cristiáns, unha chamada a asumir responsabilidades. Porque a relixión entendida só de xeito vertical fixo e fai que moitos cristiáns quedaramos e quedemos mirando cara ao ceo, inmóbiles, cos brazos cruzados, sen preocupármonos das mal chamadas “cousas mundanas”, senón só das “celestiais”. Así, ao contemplarmos a Ascensión de Xesús sentimos ganas de fuxir con el, de abandonar o telexornal da crise, da prima de risco, dos recortes, do paro, da inxustiza, da desigualdade, da incultura... retirándonos á vida privada, ao individualismo, ao illamento, á salvación da alma... desencantándonos do mundo e afastándonos del. Deste xeito, cantas oportunidades perdemos de ser felices, de sentirnos útiles, de realizarnos como persoas botando unha man sen pedir nada a cambio, facendo un rato de compaña a quen se sente só ou a quen está triste ou visitando a quen está enfermo. Por que non daremos descuberto que a fe ten que levarnos xustamente a iso: a andar pola vida doutro xeito, con outro talante, con máis esperanza?.
Que facedes aí plantados mirando ao ceo?; que facedes con esa dobre moral hipócrita á que tan afeitos estamos?; que facedes crispando e sen mover nin un só dedo para que o mundo mude?; que facedes calando diante da que está caendo?; que facedes aí, refuxiados nos cuarteis de inverno de sancristías e templos, sen saír a dar razón da vosa esperanza?. Estas son as preguntas que hoxe se nos chama a respostar. A Ascensión constitúe unha invitación a descender, a volver á vila, a deixar as alturas e as nubes, a non empreñar do aire. Hai que poñer os pés no chan, aterrar, mirar ao noso redor e poñernos mans á obra. Porque Deus quere e espera de nós que sexamos cristiáns adultos, en marcha, mirando cara adiante e construíndo sociedade. Porque hoxe tamén hai realidades que cambiar, rostros tristes que aledar, bágoas que enxugar, cadeas que romper. Porque hoxe tamén é tempo de denuncia... pero, do mesmo xeito, tamén é tempo de salvación.
E o esceario onde se desenvolve a nosa tarefa non pode ser outro máis que aquel onde vivimos: o mundo. O noso compromiso cristián ten que levarnos a transformalo desde abaixo e desde dentro, como fixo Xesús. Estamos chamados a mergullarnos na sociedade, a politizarnos, a mundanizarnos, dando a nosa man a todos aqueles que, coma nós, traballen por construír a civilización do amor desde o respecto á dignidade da persoa. Non somos mellores ca ninguén, non somos perseguidos (pero tampouco perseguidores), non temos a posesión da verdade, non queremos impoñer... Queremos traballar xuntos e ilusionados, dando testemuño da nosa fe coas nosas actitudes, coas nosas obras e coas nosas palabras. E cada un alí onde desenvolve o seu quefacer cotián: na súa casa, coa súa familia, cos compañeiros de traballo, nas asociacións de veciños, de pais e nais, nas nosas comunidades parroquiais... conscientes e responsables de que así construímos o Reino de Deus. Velaí que queremos ser unha Igrexa en movemento, a que esperamos para empezar a camiñar?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, queremos unirnos agora na oración comunitaria, sabendo que canto somos capaces de rezar e agradecer xuntos ten moito máis forza diante de Ti. Por iso queremos dicirche:
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
  • Para que na Igrexa xurdan cada vez máis voces que, desde o amor e o respecto, non queden caladas diante do esquecemento de que Deus é amor e pide verdade, honestidade, transparencia, e non corrupción, crispación e fundamentalismo, OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
  • Para que aprendamos a sentir a túa presenza e a túa forza no medio das nosas comunidades cristiás espalladas por todo o mundo, para que solidarios no actuar, convertamos o mundo en casa de verdadeira acollida, OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
  • Para que tomemos en serio o teu “ide e anunciade“, e o convertamos na forza transformadora que nos fai perder o medo e nos leva a manifestar que estás con nós cando aledamos á xente da parroquia, acompañamos a quen está só, escoitamos a quen sente a necesidade de que o escoiten ou somos a voz de quen non atopa palabras para defenderse. OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
  • Para que non teñamos medo en manifestar a nosa convición de fe, non tanto coa palabra, canto coas actitudes que nos levan a expresar que o noso amar, servir, acompañar ou defender a quen o necesite, está asentado en Xesús e na súa mensaxe, OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
Grazas, Señor, por invitarnos a compartir a oración na que poñemos ao teu carón canto nos preocupa e canto nos alenta a facer da nosa vida unha manchea de esperanza. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Puxeches nas nosas mans, Señor,
a construción do mundo
e a edificación da Igrexa, a túa comunidade.
Confiáchesnos o anuncio do teu evanxeo
e espérasnos sempre nos pobres,
nos que sofren, en todos os irmáns.
Diante de nós ábrense moitos camiños,
entre eles está a túa chamada,
que non lle quita nada á nosa liberdade.
Queremos reservarnos a ledicia
e a responsabilidade da resposta!.
Non permitas que persoas, ideas ou acontecementos
impidan ou instrumentalicen as nosas opcións e decisións.
Fai maior a nosa responsabilidade
e libera a nosa liberdade,
para que cadaquén de nós, no seu lugar,
queira darse totalmente, con amor, ata a fin.
(Paulo VI   Cáritas Coresma e Pascua 2012)

CANTOS

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Deixade esta terra
  • OFERTORIO: Non vou so
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...