Ir al contenido principal

Pentecostes 2012


A IGREXA: UNHA MESMA PARTITURA CON INSTRUMENTOS DIFERENTES

PÓRTICO


Pentecostes, cincuenta días despois da Pascua, quere ser unha chamada aos cristiáns a non esquecer que presenza de Deus e a súa relación persoal con cada un/ha de nós, non é exclusiva dun grupo ou dunhas cantas persoas unicamente, senón unha chamada a tod@s sen exclusión, porque a forza do Espírito non distingue entre uns, os bos, e outros, os malos, senón que El alenta, anima e acompaña a tod@s. Por iso podemos dicir que a festa de hoxe é unha gran partitura para que sexan moitos os instrumentos que a interpreten; e estes, sendo tan diferentes e diversos, acaban formando unha melodía chea de harmonía e sentido. A harmonía e o sentido que nos ofrece a Palabra de Deus e as boas obras de tantas persoas que, co seu actuar, responderon na súa vida ao don do Espírito Santo que nos fai ser fortes nas dificultades e solidarios no compartir.

O PERDÓN


  • Para que deixemos atrás unha fe que ten como partitura o egoísmo, o aproveitamento e a envexa, SEÑOR, QUE A NOSA MÚSICA SEXA O AMOR.
  • Para que saibamos poñer os nosos dons ao servizo da comunidade e non do noso propio interese, CRISTO, QUE A NOSA MÚSICA SEXA O AMOR.
  • Para que os nosos medos, as nosas tristuras e os nosos desacougos non nos encerren en nós mesmos, impedíndonos vivir e compartir a fe comunitariamente, SEÑOR, QUE A NOSA MÚSICA SEXA O AMOR.

REMUÍÑO

O medo nunca é bo compañeiro de viaxe, e a primeira lectura de hoxe claramente nolo di: os Apóstolos, porque tiñan medo, pecháranse na casa. Non saían, non se relacionaban cos demais, non abandonaban a actitude derrotista que lles supuxera canto lle ocorrera a Xesús. O seu medo freaba a misión, da que falabamos o domingo pasado, que lles encomendara Xesús: “Ide e anunciade”. Estando nestas, algo lle ocorre porque comezan a cambiar, e onde había retraemento, vergoña, complexo de inferioridade... comeza a agromar forza, ilusión, alento, gañas de saír e atoparse con xente, necesidade de dicir, compartir, explicar, testemuñar todo o que foran sentindo e descubrido no seu contacto con Xesús. Tomaron conciencia de que xa era hora de deixar atrás o tempo do dó, que había que comezar a poñer as cousas en claro, que o que estaban a facer non respondía ao que sentiran, experimentaran e gozaran con Xesús, que laiarse podía valer por un tempo, pero non levaba a nada se este tempo se ía facendo cada vez máis longo, xa que acababa facendo as súas vidas totalmente estériles. Por iso senten a necesidade de romper con esta actitude e recomezar. Verdade que isto nos resulta familiar?. Cantas veces a nós nos ocorre algo parecido?. Cantas veces nos deixamos ir e alongamos no tempo estas actitudes fatalistas ás que parece non queremos poñer fin?. Eles foron capaces de darlle outro rumbo á vida porque confiaron no que lles dixera Xesús, por iso foron percibindo que algo estaba a cambiar. A presenza do Espírito Santo foise deixando sentir neles, foinos invadindo pouco a pouco. Deste xeito non só as súas actitudes, senón a percepción que tiñan da vida e das cousas foi cambiando. Entenderon ao fin, que a partitura xa estaba escrita, que agora había que interpretala, e os mellores músicos para facelo eran eles. Tamén hoxe segue escrita a partitura, e somos nós, os cristiáns do século XXI os músicos que temos que interpretala.
E ha ser esta unha interpretación na que imos ter o mellor de tódolos directores: o Espírito Santo. El sabe moito de música, ten moita experiencia dirixindo, sabe que corresponde interpretar a cada un, pero de nós vai depender que se produza a mellor das harmonías entre o director e os seus músicos. Unha harmonía que nos chama a que cada un/ha de nós, con instrumentos distintos, colaboremos para que a partitura teña a mellor das interpretacións. Poñamos da nosa parte tódalas calidades, e deixemos que o director, o Espírito Santo, leve a batuta para facer de nós verdadeiros artistas da música de Xesús, cuxas notas resoan no mundo de hoxe. Un mundo apertado, e moitas veces abafado, na desesperación que produce a crise co paro, os recortes, a perda de dereitos sociais ou a ameaza de que o que hoxe están a pasar outros, mañá nos pode ocorre a nós.
Por iso é tan importante sentir a presenza do Espírito Santo nas nosa vidas, para que El, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos alente, anime, estimule e mova a non deixarnos caer nin levar da sensación de fracaso e impotencia. Sen ser redentores de nada, a forza da fe ten que levarnos a evitar deixarnos levar da sensación de angustia e derrotismo. Deus é amor, e o seu amor temos que vivilo e transmitilo uns para cos outros. Só sabendo interpretar esta partitura entre tod@s, conseguiremos entender a razón e o porqué da nosa fe, no hoxe e agora da vida de cada un/ha.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Reunid@s no seu nome, dirixid@s pola presenza do Espírito Santo, sentímonos comunidade e dicimos xunt@s:
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
  • Que na Igrexa saibamos gozar da pluralidade de formas, xeitos, maneiras e modos de manifestar a fe que ten a Xesús como sentido e forza, e ao Espírito Santo como o que anima, alenta e dirixe a forza de Deus no medio das comunidades, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
  • Que nas nosas comunidades fagamos tod@s o esforzo de deixar de criticarnos, para comezar a esforzarnos por descubrir canto de bo pode aportar cada un, buscando a forza da unión, e non a debilidade do enfrontamento, Oremos.
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
  • Que cantos hoxe nos achegamos ao templo para participar da celebración poñamos esforzo por atender, escoitar e descubrir a presenza do Espírito Santo en nós; non para pecharlle as portas, senón para interpretar a partitura que dirixe desde a pluralidade, o respecto e a coherencia de vida, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
Grazas, Señor, por agasallarnos coa presenza do Espírito Santo na nosa vida. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN


Bendicímoste, Pai, polo don do Espírito
que, polo teu Fillo, lle fas ao mundo.
Bendicímoste porque puxeches o teu Espírito
en homes e mulleres, en nenos e en adultos
e polo agasallo que nos fas
sempre na historia humana:
espírito de forza nos xuíces e gobernantes,
espírito reitor en líderes fieis,
espírito creador nos sabios investigadores,
espírito soñador nos artistas e poetas,
espírito solidario nos pobres pobres,
espírito de vida sempre no pobo.

Que o Espírito nos dea forza para loitar
pola verdade, a xustiza e o amor,
luz para comprender a todas as persoas,
axuda para servir,
xenerosidade para amar,
solidariedade para vivir,
paciencia para esperar.

Que o descubramos na ciencia,
na cultura, no traballo, na técnica,
en todo aquilo que o ser humano e o Espírito
preparan conxuntamente
no parto dos novos ceos e da nova terra.

Por Xesucristo, o teu Fillo resucitado,
o noso irmán. Amén.

CANTOS


  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: Manda o teu Espírito
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...