Ir al contenido principal

Trindade 2012


HERDEIR@S DUNHA GRAN FACENDA: A TERRA CASA DE TOD@S E CHAMADA A DAR FROITOS DE DIÁLOGO E COMUNICACIÓN
Pórtico
Como ben nos di a primeira lectura, temos que aprender a preguntarlle ao tempo por Deus. Ao tempo difícil, convulso, cargado de pesimismo e cheo de nubes baixas a punto de abrirse e soltar a auga sobre nós; ao tempo que nos invitas a construír entre tod@s, porque nos necesitamos e ninguén debe quedar á marxe; ao tempo no que as cousas non saen como pensabamos; ao tempo que tantas veces perdemos por non dar entendido que é tarefa nosa, libre e responsable, aproveitalo para que dea froito; ao tempo no que o froito está chamado a medrar e a estenderse, facendo da nosa casa, barrio, parroquia, traballo... momento de colaboración, entendemento, diálogo e escoita, como Ti nos aprendiches nesa relación fonda e sempre agarimosa de Pai que no seu Fillo nos deixa gozar da forza e presenza do Espírito. Neste domingo da Santísima Trindade, domingo de comuñón e relación, que aprendamos a descubrirte en canto nos leve a unir mans para facer proxectos que engloben e non exclúan.
O Perdón
*        Porque non entendemos a comuñón como un poñer as nosas mans ao servizo de quen está necesitad@ de amor; SEÑOR, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
*        Porque nos sobran actitudes individualistas, e nos faltan feitos de traballo comunitario; CRISTO, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
*        Porque nos tira máis mirar ao pasado, que poñer cimentos de fermento de presente que nos fagan crecer cara un futuro esperanzado e vivo; SEÑOR, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
Remuíño
·        Mirando atrás, a ese tempo que pasou, ímonos dando conta de tantas cousas que pensabamos secundarias, sen importancia, sen valor, sen... e que agora botamos en falta!. Sempre, en todo momento, doado ou difícil, Deus estivo aí: calado e á espera unhas veces, alentando, animando e acompañando outras moitas. Pero sempre defendendo a nosa liberdade para escoller, elixir, decidir... porque somos nós, e ninguén máis, quen decide, quen quere ou non quere participar da realización dunha vida máis digna e feliz, quen está disposto a ser protagonista da súa vida e a non deixarlle ese protagonismo a outros. Se nós queremos, ninguén nos rouba o que queremos ser. Pero como nos custa en todo este camiño escoitar a voz de Deus!. É verdade que escoitamos voces, pero non acabamos de identificar entre todas elas a voz de Deus, o que nos leva a dicir que está ausente, que nos esqueceu, que non nos quere, que xa non lle preocupamos. Cando a cousa non está en que El non queira, senón na nosa capacidade para distinguilo e escoitalo. Si, porque se non distinguimos a súa voz das demais, acabamos confundíndoo a El co que outros din ou pensan, e mesmo podemos atribuírlle o que outros queren que pensemos del. Se somos libres, temos que esforzarnos non en buscar respostas feitas, senón en descubrir, sen ataduras e con liberdade, que é o que quere Deus de min desde a vida que estou a vivir, desde o que me pasa, desde o camiño que eu elixín para deixarme acompañar por El. Deste xeito non é que El marque o que temos que facer ou dicir, senón o que nos acompaña para alentarnos e non deixarnos solos no noso camiñar cotián. Porque Deus o que busca e quere non é amargarnos a vida, senón axudarnos a que sexa o máis feliz posible.
·        Neste ser compañeir@ na busca dunha vida realizada, chea de ilusións, esperanzas e perspectivas, vai poñendo ao noso redor a forza do Espírito para que non nos sintamos abandonados e desamparados á hora de tomar decisións. Unha presenza que vén en forma de palabras de alguén que nos quere, de mans dos que nos axudan, de sorriso dos que nos animan, de ánimo daqueles aos que lles importamos e non lle somos indiferentes. A presenza do Espírito non é algo abstracto ou inmaterial, senón que se visualiza nas persoas que conforman a nosa contorna. Aí, nelas e con elas, vaise facendo presente o Espírito que alenta, anima, enche, acompaña, agarima... con todos os seus dons a nosa vida. É entón un espírito non de escravitude, senón de liberdade; unha liberdade que nos vai facendo madur@s para escoller, responsables para vivir e libres para actuar. Que mellor herdanza que esta nos podería ter deixado Deus!
·        No envío aos apóstolos, está o envío a cada un/ha de nós. Un envío que non é nin en solitario nin ao chou, senón en comunidade e guiad@s pola lóxica do amor, a comunicación, o diálogo, a unión e a colaboración solidaria e compartida. É verdade que non ten sido así moitas veces; e non o ten sido porque os que tiñan a misión de presidir as comunidades moitas veces esqueceron que o servizo era forza e guieiro do seu ministerio; pero tampouco os membros desas comunidades, nós, temos feito moito para que as cousas foran doutro xeito buscando tempo para formarnos, colaborar, asumir responsabilidades e romper así un cristianismo de vivencia acomodada a unhas prácticas, uns ritos ou unhas tradicións. A fe non é costume, senón vida esforzada por converter os valores nos que viviu Xesús nos valores que alenten a nosa vida. Neste camiño non estamos  nunca deixados da súa man, ao contrario: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo son presenza ilusionada para cantos queiramos recoñecelos e deixarnos guiar pola súa compaña.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Diante do Deus que se nos vai facendo presente como amor que se desprega no Pai que dá vida, no Fillo que a desenvolve e no Espírito que a acompaña, dicimos xunt@s:
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Para que na Igrexa aprendamos a vivir desde o amor que comunica e mostra a un Deus que non se pecha nos templos, senón que se abre, no testemuño do Fillo que se encarna, e do Espírito que nos alenta na denuncia de canto escraviza, engana e explota ás persoas, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Para que, como ocorre no Deus Trinitario, tamén nas nosas parroquias saibamos comunicarnos buscando pontes que nos achegan e posibilitan o diálogo, a axuda e o entendemento entre nós, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Para que tod@s nós aprendamos do Deus amor a ser presenza sandadora para as persoas que necesiten que as escoiten, as visiten, as acompañen e as animen en momentos duros e difíciles como son os que estamos a vivir, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Señor, que o amor trinitario que hoxe nos mostras, sexa o amor da comuñón e o diálogo que anime as nosas relacións de uns cos outros. P.X.N.S. Amén.

Para a reflexión

Que a graza de Deus descanse sobre ti.
Que a graza do amor descanse sobre ti.
Que a graza da casa descanse sobre ti.
Que a graza e a dignidade da túa fe descansen sobre ti.
Que a garda do Deus da vida te acompañe.
Que a garda do Cristo do amor te acompañe.
Que a garda do Espírito Santo te acompañe.
Que goces do agarimo de Deus.
Que Deus te sosteña.
Que Deus te rodee.
Os tres sobre a túa cabeza,
Os tres sobre o teu corazón,
Os tres sobre o teu corpo.
Que pases cada noite e cada día
na aperta dos tres.
Tódolos días da túa vida
e para sempre. Amén.
(Caritas, Coresma e Pascua 2012)
CANTOS
ö  ENTRADA: Amigos nas penas
ö  LECTURAS: Canta o sol
ö  OFERTORIO: Todo o mundo unha familia
ö  COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...