VIVE CON SINXELEZA E A ECONOMÍA DA GRATUIDADE FARANOS FELICES
(CAMPAÑA DE CÁRITAS)
PÓRTICO
Compartir a mesa é o gran símbolo da convivencia, da reconciliación, da inclusión; e desde o Antigo Testamento, os banquetes son a mellor metáfora do que Deus lle prepara ao seu pobo. O banquete da comida fraterna é a imaxe que elixe Xesús para falarnos do reino de Deus. Por iso, hoxe, domingo do Corpus, é un bo día para preguntarnos como e con quen compartimos o banquete da nosa vida, a quen sentamos á mesa do noso tempo, da nosa amizade, dos nosos bens, do noso interese e a quen excluímos e por que; para medrar con ese talante de incorporar, agregar, atraer, xuntar.... proxectando estratexias que non exclúan a ninguén.E neste contexto de non exclusión, celebramos o día da caridade, que nos lembra que o presente é, se cadra máis ca nunca, tempo de caridade, tempo para vivir unha economía da gratuidade e ao servizo dunha sociedade máis xusta que saiba redistribuír os bens e os servizos para todas as persoas; poñendo en valor outros modelos de comercio e consumo que non priman o enriquecemento por enriba do benestar.
Que esta invitación que o Señor nos fai a confiar nos irmáns e nas irmás, compartindo a vida e os bens para facer posible o milagre da multiplicación, non caia en saco roto e que a lóxica do don se converta no motor das nosas vidas.
O PERDÓN
- Porque recibimos un derroche de graza; pero somos egoístas e mesquiños, SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.
- Porque non sabemos valorar e agradecer os dons cos que nos agasallas, CRISTO, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN
- Porque nos afacemos a unha vida mediocre, que nos leva á indiferenza cara tantas inxustizas, SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.
REMUÍÑO
Corpus Christi é unha festa de alianza co Señor; unha festa na que facemos memoria do seu compromiso de amor e de entrega xenerosa; unha festa na que lembramos que o culto e a celebración cristiá van da man da xustiza. Xesús dáse como alimento e comida nunha nova alianza, ao xeito do que nós podemos comprender, para, facéndonos partícipes da súa vida, darnos vida dabondo. Por iso, se non practicamos a súa vontade de vida e de xustiza, baleiramos de contido a nosa participación na eucaristía. Máis alá de xustificacións e aparencias, a situación de inxustiza e marxinación do pobre aparece coma un claro afastamento dos compromisos desta nova alianza. Cada celebración debe lembrarnos as estruturas de pecado que existen no noso mundo, porque facer alianza con Cristo supón empezar a construír esta sociedade desde as necesidades das persoas oprimidas e excluídas. Non facelo é renunciar a celebrar o día do amor fraterno, da caridade, da comunidade e da comuñón. Corpus Christi é celebrar unha festa aberta á comuñón, á entrega e á vida, enfrontándonos a estruturas inxustas e opresoras, non de xeito pasivo ou con resignación, senón en actitude de servizo e con ánimo de festa, sostid@s pola forza do Resucitado e do Espírito co que El e o Pai nos agasallan.
Por iso o presente é tempo de CRER firmemente
naquilo que tantas veces escoitamos e lemos no evanxeo: “Pedide e darásevos”:
- Pedímoslles aos nosos gobernantes que loiten con todos os seus medios para acabar coa pobreza e a exclusión; que non recorten os gastos sociais, senón que os incrementen para paliar os efectos desta crise nas persoas máis vulnerables; que melloren as súas políticas de emprego; que cumpran o seu compromiso de contribuír co 0.7% da nosa riqueza anual aos países empobrecidos e que cumpran os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que se marcaron para o ano 2015.
- Pedímoslle aos cidadáns, a nós mesm@s, que teñamos a convición certa de que si podemos facer algo para mellorar a vida de miles de persoas no mundo, porque co noso xeito de vivir, de comportarnos, de actuar con ética e compromiso persoal, podemos influír para ben no noso ámbito. Creámolo ou non, cada un/unha de nós ten un anaquiño de mundo no que pode facer algo para mellorar a sociedade.
- é de xustiza compartir o pan en vez de acaparalo
- é caridade partir o pan en vez de conservalo
- debemos sementar trigo en vez de minas antipersoais
- debemos amasar a fariña con tenrura e con esperanza e non cun frío interese
- temos que rachar cadeas e cocer pan no forno do amor e non co lume da avaricia
- estamos chamad@s a protexer a quen sementa o pan coa suor da súa fronte
- urxe comer o pan na mesa da solidariedade e da fraternidade
- temos que comer menos pan se alguén pasa fame
- hai que buscar medios xustos e solidarios de repartir os pans
- se xa non temos pan, que cada un e cada unha de nós nos fagamos pan, coma Deus
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Neste día de Corpus, día da caridade, no que celebramos o sinal do amor máis grande, pedímoslle ao Pai da misericordia dicindo:
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON
EXCLÚE
Pola Igrexa, para que medre en caridade e se
manifeste sempre como servidora das persoas, defendendo os seus dereitos e a
súa dignidade, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON
EXCLÚE
Polos que moven os fíos do poder político e
financeiro, para que escoiten a voz dos que non teñen voz nin poder, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON
EXCLÚE
Por todas as persoas que son vítimas da crise,
da inxustiza, da violencia, da desesperanza ou do desamor, para que nunca lles
pechemos a nosa porta, senón que as sentemos á mesa do amor, sempre incluínte,
OREMOS.
GRAZAS SEÑOR POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE
NON EXCLÚE
Por todas as persoas que traballan en Cáritas
ou en calquera ONG, para que se renoven, seguindo as esixencias do evanxeo e os
sinais dos tempos, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON
EXCLÚE
Por todas as persoas que ofrecen o seu tempo,
o seu traballo, a súa vida dun xeito gratuíto en favor das persoas máis pobres,
OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON
EXCLÚE
Por cada un e cada unha de nós, para que
entendamos que sentar á mesa do Señor significa poñer en común os nosos dons e
os nosos corazóns, estando dispost@s a lavar pés, a abrir mans e brazos, a
partir e a facerse pan, para que ninguén quede excluído da mesa de Deus,
OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS Á UNHA MESA QUE NON
EXCLÚE
Que vivamos a caridade na verdade, sendo
consecuentes co que rezamos e celebramos e concédenos o don da gratuidade.
P.X.N.S. Amén.PARA A REFLEXIÓN
Comulgar é optar pola forza misteriosa de Cristo Resucitado.Comulgar é contar coa forza liberadora do Espírito.
Comulgar é crer que o pan partido é fermento de renovación das persoas, da Igrexa e da sociedade.
Comulgar é crear lazos de comuñón nun mundo roto e enfrontado.
Comulgar é aprender a colaborar, respectando a dignidade e os dereitos de cada persoa, respectando os carismas e as capacidades de todas as persoas.
Comulgar é aprender a compartir.
Comulgar é aprender a servir.
Comulgar é optar pola gratuidade.
Comulgar é vivir no amor; pero o amor entregado coma o de Cristo, que se parte e que se deixa comer porque, como nos di no evanxeo, “Quen me come, vivirá por min” (Xn 6, 57).
CANTOS
ENTRADA: Vinde axiñaLECTURAS: Xesús é Señor
OFETORIO: Grazas, Señor, graciñas
COMUÑÓN: Pan do ceo
Comentarios