Ir al contenido principal

Domingo 13

SABER QUE SOMOS A SÚA IMAXE, ESÍXENOS E COMPROMÉTENOS A RECOÑECELA PARA DENUNCIAR A QUEN A ASOBALLA

PÓRTICO

Son moitas as veces nas que temos escoitado que a Palabra de Deus é atemporal, é dicir, que non ten data de caducidade, senón que sempre é actual. Pois ben, iso que ás veces non temos demasiado claro, hoxe maniféstasenos nas lecturas que imos proclamar dun xeito transparente. Si, porque nos tempos de crise coma os que estamos a vivir, nos que cada día son máis as persoas abocadas ao paro, nos que os comedores sociais cada vez están máis ateigados de xente que non ten nada para comer, nos que en demasiados fogares hai que facer verdadeiros milagres para chegar a fin de mes e noutros non se chega nin tan sequera facendo milagres, a lectura de Paulo que imos escoitar cobra plena actualidade e quere ser toda unha chamada para que os que nos consideramos seguidores de Xesús aprendamos a estar neste noso mundo no que os ricos cada vez son máis ricos e os pobres cada vez son máis pobres: “non se trata de que vós pasedes apretos por aliviardes a outros, senón de que exista igualdade”.

Tamén á igualdade, neste caso de xénero, é á que se nos chama no evanxeo. Xesús adoptou diante das mulleres unha actitude tan sorprendente que desconcertou mesmo aos seus discípulos, pois se algo se desprende tamén cunha claridade meridiana da súa actuación é que para El homes e mulleres teñen a mesma dignidade e son acollidos por igual na súa comunidade de seguidores.

Que o Señor que nos convoca nesta mañá de domingo mova os nosos corazóns para traballar a prol da igualdade.

O PERDÓN

  • Por ter baleirado a fe de contido e de sentido, reducíndoa a prácticas ritualistas e sen influencia na miña vida, SEÑOR, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.
  • Por ter actuado buscando o meu propio interese, inda que sabía que ese xeito de actuar era inxusto, CRISTO, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.
  • Porque seguimos sen escoitar, valorar e respectar a voz de tantas e tantas mulleres abocadas ao silencio, á obediencia é a submisión, SEÑOR, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.

REMUÍÑO

*        Non fixo Deus a morte nin se aleda co exterminio dos vivos: Aquí, nesta frase da primeira lectura está unha das afirmacións fundamentais da fe cristiá, e á que moi poucas veces lle prestamos a atención que require. Estamos moi habituados a reducir a fe a funerais, enterros, misas polos defuntos... todo o que di relación á morte. E poucas veces somos capaces de facer o esforzo por pararnos nos textos da Palabra de Deus e tentar de entendelos, buscar como os podemos poñer en relación co que facemos cada día, coa nosa maneira de facer e percibir as cousas. Así, temos esquecido que o Deus cristián é un Deus de vida e para os vivos; un Deus de esperanza, de solidariedade, de xustiza.... de igualdade. E estas non son afirmacións ao vento e baleiras de contido, senón fundamentos da fe que profesamos e queremos ou dicimos que queremos vivir cada día, persoal e comunitariamente. Diante da inxustiza, o empobrecemento, a exclusión, o derroche, a manipulación e todos os contravalores e da debilidade de pensamento que ateiga neste momento a visión da sociedade e a vida de moitas persoas, a confesión de que cremos en Deus Pai supón tamén a confesión nun Deus que busca e alenta sempre a xustiza, o trato igualitario de uns para cos outros, a superación de calquera tipo de discriminación, imposición ou medo. Por iso dicimos que é un Deus de vivos e para a vida, un Deus que pon en nós a semente da graza para que non nos deixemos ir sen criterio, sen horizonte e sen principios á hora de tomar decisións sobre quen somos, que queremos e con quen estamos chamados a construír espazos de verdadeira, fraterna e solidaria humanidade. Cómo se vai aledar cando os que mandan impoñen os seus criterios aos máis pobres, aos indefensos, á vez que van deixando nas rúas vidas rotas e abocadas á máis absoluta desesperación?. Cómo non vai rebelarse contra comportamentos e actitudes de prepotencia, superioridade e humillación cara aos máis débiles?. Como vai dar por bo o engano, ao abuso ou o aproveitamento da necesidade dos que están a pasar por verdadeiras situacións de explotación?. A fe que nós cremos e rezamos non tería nin sentido nin valería para nada se non nos levase logo a aplicala na nosa vida, a canto facemos, ás decisións que tomamos, á maneira que temos de tratar uns cos outros. Por iso nin a morte pode ser a que peche todo o que somos e temos feito, nin a vida se ha identificar co que fan os que teñen poder, cartos ou capacidade de someter aos demais. Deus ábrenos un camiño, El mesmo se rebela contra a inxustiza e contra canto deu de costas ao seu proxecto para nós. Un proxecto no que caridade e xustiza van xuntas, non poden separarse. Unha sen a outra acabarían converténdose en puro paternalismo ou en violencia permanente duns, as vítimas, con outros, os verdugos, o que nos levaría á total destrución. Porque Deus non se aleda, tampouco busca o exterminio de ninguén, só camiñando xuntas a xustiza e o amor, respondemos á invitación de traballar pola dignidade humana.
*        Por iso Paulo nos lembra que sen igualdade non pode haber presenza de Deus. Pero a igualdade non é unha palabra, por moi ben que soe, senón unha actitude, un compromiso, unha tarefa na que imos traballando e esforzándonos día da día, na casa, no traballo, na parroquia... alí onde nos atopemos. Desde a perspectiva de fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificad@s co que Paulo lle di aos corintios: só se descubrimos a igualdade de todas as persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa, tod@s @s bautizad@s temos que preocuparnos das persoas máis necesitadas, das de aquí e tamén das de máis lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer nos medios de comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe que nos invitou a vivir desde o testemuño. Se o noso dicir creo se reduce a palabras, sen ser capaces de acompañalo coa vida. Que fe podemos ter?. A igualdade é unha actitude que debe ir sempre acompañada da solidariedade e do amor. Sen elas, todo se converte baleiro.
*        E esta igualdade da que a Palabra nos fala abrangue todas as facetas nas que os seres humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero. Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento feminino” e reaccionan rapidamente contra calquera plantexamento que poida poñer en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres. @s seguidor@s de Xesús temos que concienciarnos de que isto non é algo natural, de que Xesús non o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición inxusta do poder machista. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico “saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

A oración comunitaria é unión fonda e forte na confianza e gratuidade de Deus. Porque sabemos que El escoita e acompaña canto poñemos ao seu carón, dicimos:
QUE OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
ð  Para que na Igrexa saibamos expresar, compartir, vivir  e celebrar a fe desde o concreto da nosa vida, deixándonos alimentar polos valores que a través dela Xesús pon ao noso dispor, OREMOS.
QUE OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
ð  Porque necesitamos facer da relación entre os veciños comunicación de solidariedade, confianza, respecto, axuda e igualdade, ao estilo do actuar de Xesús, OREMOS.
QUE OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
 ð  Para que nos esforcemos por non vivir unha fe que escapa ás nubes e esquece a realidade do que está a pasar ao noso redor, para tentar vivir tendendo a man  a quen a necesite: enfermos, maiores, parad@s, desalentados, entristecid@s e asoballados., tal e como fixo e nos ensina Xesús, OREMOS.
QUE OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
Señor, na túa compaña temos compartido este momento de oración comunitaria. Que sintamos a forza da túa presenza para vivir unha fe comprometida e ao servizo da xustiza e a dignidade das persoas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

“Onde se atropelan a dignidade e os dereitos da persoa humana; onde os egoísmos persoais ou de grupo prevalecen sobre o ben común; onde se corre o risco de habituarse ao odio fratricida e á explotación do home polo home; onde as loitas dividen grupos e etnias e laceran a convivencia; onde o terrorismo sigue golpeando; onde falta o necesario para vivir; onde se mira con desconfianza un futuro que se está facendo cada vez máis incerto, incluso nas nacións do benestar: que en todos estes casos brille a Luz do Deus encarnado e anime a todas as persoas a poñer da súa propia parte, con espírito de auténtica solidariedade, pois se cadaquén pensa só nos seus propios intereses, o mundo encamiñase á ruína". (Bieito XVI)

CANTOS

ENTRADA: Andarei
LECTURAS:  Benaventurados
OFERTORIO: Sede o sal
COMUÑÓN: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...