Ir al contenido principal

22 Domingo TO B

NON TODO O MONTE É OUREGO, POR ISO CÓMPRE NON CONFUNDIR O TOUCIÑO COA VELOCIDADE

PÓRTICO

En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen, en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?
A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeiramente nos fará felices, non é o seguir un manual cunhas letras, que tantas veces matan, senón axudar, compartir, empatizar coa xente, con todas aquelas persoas nas que Deus se nos mostra. Acollamos, entón, esta Palabra, e camiñemos nela.

O PERDÓN

Porque moitas veces deixámonos levar pola frivolidade e a superficialidade; SEÑOR, PURIFICA A NOSA FE.
Porque nos deixamos levar polas apariencias, ou polo que nos din, sen preocupármonos de coñecer persoal e a fondo aos demais, CRISTO, PURIFICA A NOSA FE.
Porque en demasiadas ocasións, por unha falsa fidelidade á letra, temos sementado infelicidade, fanatismo e afastamento na vida dos irmáns, SEÑOR, PURIFICA A NOSA FE.

REMUÍÑO

Moit@s dentro da nosa Igrexa teñen verdadeiros problemas para distinguir o fundamental do accesorio, o envoltorio do agasallo, a cáscara da froita. Como noutro tempo lles pasaba aos fariseos, poñen o grito no ceo diante dunha xenuflexión mal feita, porque non nos axeonllamos durante a consagración, porque as celebracións son en galego, porque temos celebracións da Palabra, porque os nenos que van facer a primeira comuñón non memorizan coma loros as oracións do devocionario... e por tantas e tantas cousas triviais que, en demasiadas ocasións, afogan o que debera ser o principal: o amor. Porén, esas mesmas persoas non din unha palabra a propósito da crise, do mercadeo relixioso, non queren asegurar ás súas empregadas do fogar (ás que elas lle chaman criadas), non se cortan un pelo por comerlle a suor a quen desenvolve un traballo para elas, non se escandalizan diante de gastos superficiais e ostentosos para seguir mantendo o boato e a aparencia........ Eses son, para elas, temas que non teñen que ver coa relixión.
Se cadra, Xesús tamén nos faría hoxe a nós a mesma réplica que lles fixo a eles: diríanos que somos hipócritas, por converter as celebracións nun negocio, nun espectáculo alleo á comunidade, cun esquema ríxido ás veces lonxe da vida das persoas que nelas participan. A relixión redúcese a un conxunto de prohibicións ou normas a cumprir (coma se se tratase dunha desas cartillas dos xornais que temos que encher cos cupóns) e ten pouco que ver cunha proposta para que a nosa vida sexa máis feliz. De verdade a nosa Igrexa (sobre todo a xerarquía) está preocupada pola xente?; seguro que os nosos pastores coñecen ás persoas que forman as comunidades ás que serven, comparten as súas tristuras, as súas ledicias, as súas inquedanzas; traballan por construír parroquia, pobo, Reino?. E nós, como comunidade, non estamos máis preocupad@s tamén polo exterior que polo interior: pola cantidade de curas que hai nun funeral, por “pagar” uns servizos relixiosos, por ter unha misa só polos meus defuntos, porque o meu ramo sexa o máis bonito, porque o templo estea ben fermoso para o bauticeiro, a comuñón ou a voda dos meus?. E iso, non son máis que pequeneces, pois o importante para Deus, a fidelidade da que nos fala Deus, como nos lembra Santiago na lectura é a do corazón limpo, sinxelo, sen dobres lecturas, nin intentos de quedar ben diante dos demais. Por iso a nosa fe non pode converterse nun conxunto de normas que afogan e impiden vivir con ledicia, senón que debe ser un camiñar descubrindo en cada momento e situación cal e como ha ser a nosa fidelidade ao o único que nos debera importar: Cristo. Sabendo telo a El como razón do noso ser e vivir, seguro que non nos deixaremos tentar por aqueles que só buscan signos e sabedoría, púlpitos e vanaglorias. Nós, aprendendo Del, descubriremos que o que verdadeiramente importa é o amor. Un amor descuberto e expresado no sinxelo, pobre, desprendido e misericordioso; un amor que se manifesta nesas pequenas cousiñas que van enchendo a nosa vida, un amor que mira sempre o interior das persoas, os seus sentimentos, a súa capacidade de amar, de poñerse no lugar do outr@, de sentir compaixón e de doerse do irmán.
Ao final da vida, a pesares do que moitos impoñen, pensan ou predican, non se nos vai examinar do número de misas nas que participamos, das oracións que coñecemos, dos rosarios que rezamos ou das novenas ás que asistimos. Tampouco se nos descontarán as indulxencias coma se dunha rebaixa se tratara, senón que o exame terá unha única cuestión: canto amaches?, e iso implica que han aprobar:
  • @s que practican a xustiza, entendida como dar ao irmán e á irmá o que precisa para desenvolverse coma persoa.
  • @s que traballan para que no mundo todas as persoas teñamos os mesmos dereitos
  • @s que non calumnian nin utilizan aos demais para o seu beneficio.
  • @s que buscan o ben común por riba do individualismo.
  • @s que son coherentes e fieis aos seus principios, e nunca están en venda.
  • @s que visitan aos enferm@s, aos tristes, aos que están sos... aínda que sexan mulleres.
  • @s que buscan e traballan pola paz
  • @s que denuncian calquera tipo de atentado contra a dignidade da persoa.
  • @s que protexen e coidan a creación que puxeches nas nosas mans.
Non nos esquezamos: este é o culto que o Señor quere que lle deamos: o do amor. Sen amor, o demais será baleiro e estéril... mera anécdota.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Alentad@s pola Palabra de Deus, que nos chama a un culto realizado desde e co corazón, dicim@s xuntos:
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
· Para que a Igrexa non caia nunca no integrismo nin no fanatismo, senón que saiba sempre axudar a que poidamos todos e todas descubrir que a fidelidade está na intención dos corazóns, e non na superficialidade dos feitos, Oremos.
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
· Para que nas nosas comunidades non nos escandalicemos do que fan os demais, e nos esforcemos por mirar cara dentro de nós, para así descubrirmos que precisamos recoñecer primeiro os nosos propios erros, antes de xulgar os dos demais, OREMOS.
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
· Por cada un dos que hoxe celebramos a fe xuntos, para que sexamos capaces de descubrir que o seguimento de Xesús non é unha doutrina, senón un estilo de vida que nos invita a aportar e non a condenar, a acoller e non a satanizar; a entender e non a xulgar, OREMOS.
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
Grazas, Señor, porque Ti non miras as aparencias nin te fixas en pequeneces, senón que o único que nos pides é que sexamos capaces de amar moito aos nosos irmáns. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar a túa voz,
e creo nela,
a pesares dos meus prexuízos e das miñas torpes decisións.
Tanto tempo cargado coa mochila ás costas,
sufrindo o andazo desde o primeiro paso,
suando,
sen poder erguer a vista,
triste e calado...
pensando que seguía as túas pegadas!.
Pero Ti espertáchesme do falso soño da responsabilidade.
Descargaches a miña mochila
de seguridades inútiles e de necesidades falsas,
dixéchesme con voz amiga:
camiña lixeiro de equipaxe.
Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar a túa voz amiga,
e o seu eco no abrente,
e estou aprendendo a alixeirar as miñas costas,
a camiñar erguido
e a gozar da túa compaña.
Agora si, Señor,
camiñe ou descanse,
síntote ao meu carón,
e non me pesa a vida
nin o seguimento das túas pegadas.

CANTOS

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Seguirei os teus pasos
  • COMUÑÓN: Déixate querer

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor