Ir al contenido principal

Domingo 21 TO B

SEÑOR, A QUEN IREMOS?. TI TES PALABRAS DE VIDA.
PÓRTICO
O Evanxeo volve lembrarnos que só o Señor ten palabras de vida; unha vida chea de sentido e forza; unha vida de loita e esperanza; unha vida de colaboración e de encontro solidario. Esta é a vida que os crentes atopamos en Xesús. Pero é en Xesús, e non debemos confundila nin co poder, as riquezas ou os pontificais afastados do que preocupa ás persoas; e moito menos a vida en Cristo se identifica co papa, os bispos ou os curas. A vida en Cristo ímola descubrindo no evanxeo, boa nova ofrecida para acoller e poñer en práctica alí onde esteamos os que nos chamamos crentes. Evitar perder este rumbo é a tarefa que fai que esteamos sempre en actitude receptiva e activa, sen deixar que a presenza da fe esmoreza porque non acabamos de enraizala para que o que cremos e vivimos camiñe polo mesmo vieiro, sen separación nin distancia.
O PERDÓN
*        Porque no eido da fe presumimos de que sabemos ben a teoría; pero non a levamos á práctica, SEÑOR QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.
*        Porque non queremos entender que non é o mesmo servir que servirse dos demais, CRISTO, QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.
*        Porque a nosa comodidade fai que xustifiquemos en nós o mesmo que criticamos nos demais, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.
REMUÍÑO
  • O sentido de pobo está sempre marcado polo esforzo de camiñar xuntos, de unir, de prantexar tarefas e propostas en común. Por iso Xosué reúne ás tribos para compartir co pobo canto lles pasaba, afastando a tentación do individualismo, de ir cada un ao seu, do tan habitual entre nós: sálvese quen poida. Reunidos, comparte co pobo a súa inquedanza, á vez que fai unha sentida confesión de fe: “eu e a miña familia serviremos ao Señor”. Terémolo nós así de claro como Xosué?. Ou tamén somos dos que nos gusta nadar entre dúas ou máis augas, e buscamos xustificacións porque estamos cómodos adecuando a vivencia da fe á nosa comenencia, rebaixándoa das súas esixencias e caendo na mediocridade que non fai máis que producir baleiro en nós e conformidade para non achegarse aos que non ven en nós testemuño algún, senón beatería ritualista puramente externa e sen fondura algunha?. É Deus para nós todo, ou é que temos outros deuses que nos enchen o tempo, pero que dificilmente poden dar sentido á nosa vida?. Somos o suficientemente humildes como para descubrir a súa presenza no día a día da nosa vida?. Temos feito algunha vez o exercicio -tan reparador!- de pensar que tería sido a nosa vida sen a presenza de Deus?. Ou a planicie na que habitualmente vivimos fainos tan preguiceiros que mesmo nos impide preguntarnos sobre os porques e para que da nosa vida?. Verdadeiramente, Deus é o noso Deus?.
  • Como o pobo de Israel, tamén nos hoxe somos invitados a preguntarnos se é a Deus a quen loamos, na humildade e na ledicia; se é o que descubrimos cando traballamos e nos comportamos con xustiza, con capacidade de escoita, con sensibilidade e cercanía aos problemas e dificultades que as persoas máis achegadas están a sufrir. Reunirnos os domingos, dedicar este tempo a compartir e celebrar a fe non é unha cousas máis que facemos ao longo da semana, senón o momento privilexiado no que nos atopamos xuntos os que sabemos que Deus non só é importante na nosa vida, senón o cimento desde do que imos desenvolvendo todas e cada unha das nosas opcións e das decisións que debemos tomar, persoal ou comunitariamente, sobre aquelas cuestións nas que está en xogo o ser un non ser felices. E iso non o poderiamos facer, se como nos di Paulo, non somos ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo.
  • De aí que as súas palabras, cando son acollidas con sinceridade, sen dobreces, sen buscar o que nos convén -que non se identifica moitas das veces nin co xusto nin co mellor-, non poden ser outra cousas mais ca espírito e vida. É dicir, alento, estímulo, forza, esperanza, sentido, guieiro... camiño de salvación e realización persoal. Claro que nos custa, dado o ritmo de vida que levamos e a pouca atención que prestamos á reflexión á hora de tomar decisións importantes na nosa vida. Porque, acostumamos a axudarnos da oración, da reflexión e meditación da palabra de Deus cando temos que tomar decisións que poden marcar presente e futuro?. Deixamos que esa Palabra vaia enchoupándonos para que sexa medio desde o que poder analizar, sen presas e con sinceridade, a vida e as diferentes vertentes que nela nos van aparecendo?. Ou mais ben somos dos que dicimos crer en Deus porque poñemos velas, pedimos misas, facemos promesas... pero nunca facéndonos as preguntas desde o corazón da Palabra de Deus; Palabra sempre viva e actual e que non pasa de moda. Tamén podemos actuar, como lle ocorría as veces aos discípulos, porque non lles conviña, xustificándonos e dicindo que como a aplicación desa Palabra á nosa vida é moi dura e difícil, buscamos vivir ao “meu xeito” no “cumpro e no minto”, é dicir: falar unha cousas e facer outra totalmente contraria, producindo unha bipolaridade coa que pretendemos enganarnos a nós mesmos e aos demais, pero dificilmente conseguiremos facelo con Deus. Si de verdade sabemos que as súas palabras son espírito e vida, comecemos, desde xa, a poñelas en práctica. Non esperemos máis.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
No nome do Señor reunímonos un domingo máis para agradecer a fe e compartir inquedanzas e necesidades. Facémolo dicindo:
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Pola Igrexa, para que saibamos sempre anunciar a Cristo sen manipular nin escurecer a súa mensaxe, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Por cantos decidimos libremente conformar as comunidades cristiás, para que nunca esquezamos que temos que ser testemuñas de Deus a través do que facemos e dicimos, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Para que, facendo vida a mensaxe de Xesús, nunca lle deamos as costas aos problemas e dificultades do noso mundo, e nos comprometamos, alí onde estamos, poñendo tempo e capacidade ao servizo de canto busque a xustiza, a dignidade e a igualdade das persoas, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Señor, porque nos chamas a facer da túa Palabra espírito e vida, queremos compartir contigo canto esforzo leve a mellorar o mundo e as condicións de vida dos que nel vivimos. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
O que verdadeiramente importa non se pode converter en mercancía. Cada vez son menos cousas, é verdade. Pero, por máis que haxa quen tamén fai negocio disto, para a xente máis normal o amor de verdade nin se vende nin se compra. A amizade atópase e gózase, pero no se posúe. A fe no se adquire a golpe de tarxeta. E o sentido da vida no se obtén nos grandes almacéns (todo o máis podes levar para a casa sucedáneos). A trampa da lóxica do ter é intentar converternos naquilo que adquirimos. Porque as cousas importantes vívense e deixan pegada aínda que se afasten; no son de usar e tirar. O esencial non é de temporada, e ás veces nin sequera se ve.
Deus; na miña vida non te podo consumir, como un produto de temporada. Estás, e basta. Estás cando me vai ben, e nas horas tristes. Cando me lembro de ti, e tamén cando te esquezo. Estás sempre.
CANTOS
ð  ENTRADA: Camiñando pola vida
ð  LECTURAS: As túas palabras, Señor, son espírito e vida
ð  OFERTORIO: Pregoeiro da túa paz
ð  COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...