Ir al contenido principal

Domingo 18 TO B

RENOVARNOS PARA SER TESTEMUÑAS CRIBLES

PÓRTICO
Que sinais fas para que creamos en Ti?. Velaí a pregunta que lle lanzan a Xesús os seus contemporáneos. Esa é tamén a pregunta que hoxe estamos chamad@s a respostar nós, cristiáns e cristiás do século XXI: que aportamos, coma Igrexa, coma seguidores de Xesús, ao noso mundo e á nosa sociedade?. Da resposta que lle deamos a tan importante cuestión, dependerá que a nosa sexa unha Igrexa crible, testemuñal, compañeira, coherente, nai.... Por desgraza, sabemos que moitas veces non ten sido así. No fondo deixámonos levar do laio estéril e das rutinas e inercias, ancorados no “sempre se fixo así” ou no “iso nunca se fixo así”.
Porén, Deus chámanos a non ter medo, a sermos creativ@s, a comezar de novo, a ensaiar novos plantexamentos, a deixar atrás a comodidade.... nunha palabra: a saber ler os sinais dos tempos, inculturando a nosa fe nas distintas realidades que forman a nosa vida.
A que esperamos para aprender esta nova linguaxe?. Nunca é tarde para recomezar e poñer o noso gran de area, porque, aínda que ás veces nos pareza que non, o certo é que outro mundo e outra Igrexa son posibles. Só depende de nós. 

O PERDÓN
q  Porque somos tan mesquiños que sempre pensamos que o fin xustifica os medios e só nos preocupamos da nosa “salvación”, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA MEDIOCRIDADE.
q  Porque non deixamos que o sopro do Espíritu que Ti pos nos nosos corazóns renove a nosa vida, vestíndoa de xustiza e gratuidade e enchéndoa de amor, CRISTO, NON NOS DEIXES CAER NA MEDIOCRIDADE.
q  Porque como “sempre se fixo así” seguimos ancorad@s nunha fe infantil, superficial e moitas veces enchoupada de maxia e supersticións baratas que poñen pesadas cargas sobre os nosos ombreiros, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA MEDIOCRIDADE.

REMUÍÑO
Ø  Na lectura do libro do Éxodo podemos atopar un espello da historia e da nosa vida: o medo ao risco, o convencemento de que non é posible traballar por unha vida máis digna, o “non te metas en líos” como criterio básico das que se consideran persoas de xuízo, a busca da tranquilidade e da seguridade ao prezo que sexa....Todas estas actitudes forman parte da nosa propia natureza, pero, se as deixamos, destrozan moitos proxectos de mellora e matan a creatividade e a frescura da fe. Os hebreos estiveron a piques de botar por terra o proxecto de Deus, que quería liberar ao seu pobo da dominación exipcia. Os israelitas preferían a tranquilidade da escravitude antes que o risco da loita pola liberdade. Exactamente o contrario do que Deus quería. Na nosa sociedade e na nosa Igrexa atopamos exemplos abondo disto. Cando alguén ten unha idea novidosa e quere levala á práctica, cando alguén quere por en marcha un proxecto novo, cando a creatividade busca romper a rutina.... rapidamente aparecen os profetas de calamidades que tentan botala abaixo falando de inviabilidade, de sen sentido.... Razóns: “iso non se fixo nunca así”. E xa non digamos se a cousa se pon en marcha e non sae ben.... entón caen chuzos de punta por todos lados.... esquecendo o esforzo, a ilusión e o traballo que había detrás. Por iso, o mellor, o máis cómodo, o máis seguro é seguir coma sempre, nas nosas rutinas, na nosa mediocridade, no laio estéril e permanente. Pero..., será iso o que Deus quere?.
Ø  A resposta a esta pregunta vén da man de Paulo, quen lle lembra aos efesios, e a nós tamén, que temos que abandonar o noso anterior xeito de vida, ou o que é o mesmo, como as persoas e as sociedades evoluimos, o que valeu para outro tempo agora xa non é tan válido porque as circunstancias cambian. Por que esta afirmación que tan crara temos nalgunhas cousas na nosa vida cotiá (uso das novas tecnoloxías para comunicarnos, uso de novos electrodomésticos, mesmo cambios no noso xeito de vestir e na nosa imaxe) xa non é que non a teñamos crara no eido da fe, senón que nin tan sequera a contemplamos, e preferimos seguir vivindo na escravitude do medo e da rutina?. Non será que detrás de afirmacións como doutrinalmente seguro, cumprir o precepto, seguir ao pé da letra o ritual.... e outras parecidas agóchanse a nosa inseguridade, a nosa preguiza por apostar por un “aggiornamento” ou un querer seguir mantendo unha estrutura piramidal que fai que tanta e tanta xente se sinta desencantada e desesperanzada, sen atopar o seu lugar nunha Igrexa encorsetada e ríxida?. Paulo chámanos a deixar que o Espírito renove a nosa mentalidade, a que abramos as nosas ventás, facendo de nós persoas creativas que, desde a fidelidade á mensaxe de Cristo, sexamos capaces de aterrar na realidade e dar respostas cribles ás necesidades actuais das persoas no aquí e agora do noso mundo.
Ø  Por iso hoxe, se cadra coma nunca, precisamos que o Señor nos dea dese Pan, para non volver ter fame nin sede. O pan da escoita e do diálogo, o pan do sorriso, o pan da solidariedade, o pan da creatividade, o pan da gratuidade, o pan da xustiza, o pan da compaña, o pan do traballo..... o Pan da Eucaristía, na que El se nos ofrece como forza para a vida, como alento para o desánimo, como novidade contra das rutinas, como caxato para o camiño. Que nos fartemos do seu pan para compartilo coas persoas pequenas, coas que arriscan, coas que non teñen medo, coas que se esforzan, día a día, para que a súa mensaxe chegue a todos os recunchos da terra.
 
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Unha vez máis, unímonos para compartir a forza da oración comunitaria, dicindo xuntos:
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
´  Pola Igrexa, para que nunca teña medo a presentar o Evanxeo no mundo de hoxe dun xeito creativo, con actitudes, palabras e proxectos solidarios, xustos e libres de calquera intento de dominio e poder, Oremos
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
´   Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por ter actitudes construtivas e de colaboración, deixando atrás o que nos afasta, para unirnos nas tarefas que nos levan a aunar esforzos e abrir camiños de participación parroquial, Oremos.
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
´  Para que cada un/ha d@s que hoxe sentimos a necesidade de renovar a nosa vivencia de fe saibamos concretar esta renovación na visita aos enfermos, no tempo compartido cos que están solos, no sorriso sincero e solidario dos nosos maiores, na palabra amiga para quen está triste... Oremos.
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
Grazas, por seguir abríndonos camiños que nos levan a facer da fe motor de motivación e sentido da nosa vida. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor,
andamos como perdidos entre tantas cousas.
Temos a casa chea de cousas,
temos cheos de cousas as tendas e os almacéns,
cheos de cousas os museos e as cidades,
cheo de cousas o tempo,
chea de cousas a alma.
Ensínanos a desprendernos das que nos estorban,
a repartir as que non precisamos,
a compartir as necesarias,
para gañar aos irmáns e ás irmás,
aínda que perdamos cartos e prestixio.
Ensínanos a descubrir o verdadeiro sentido das cousas,
a súa funcionalidade e a súa caducidade,
o seu sentido de solidariedade,
a súa verdadeira dimensión de dons teus.
Axúdanos a facer un bo uso das cousas,
sen empobrecer aos outros, sen degradar a natureza,
sen poñer en elas o corazón nin a esperanza.
Para que non sexamos consumidores, senón viventes,
crentes, irmáns de todas as persoas,
pois Ti, Señor, es Pai-Nai de tod@s
e déchesnos todo para que poidamos vivir felices e en paz.

CANTOS
ö  ENTRADA: Que ledicia a miña
ö  LECTURAS: Benaventurados
ö  OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
ö  COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...