Ir al contenido principal

Domingo 19 TO B

PÓRTICO
Tamén a nós hoxe, o mesmo que no pasado ao profeta Elías, vennos a tentación de deixalo todo, de cortar polo san e desaparecer. Elías, cando todo se lle viña abaixo e o desánimo era tan grande que non vía outro camiño, non era capaz de descubrir unha razón para seguir vivindo, para comezar de novo, para non deixarse ir e virse abaixo totalmente, pois non había porta que atopara aberta. A súa desesperación era moita e as súas forzas xa deran todo de si.
Nesta situación sente a presenza de Deus nel para acompañalo desde a dureza da situación pola que estaba a pasar, e o que parecía que estaba abocado ao final, acaba emerxendo como estímulo e alento en forma de auga e alimento. O mesmo que fixo con Elías, tamén para nós, nestes momentos de dificultade, Deus preséntasenos na nosa vida en forma de axuda, compañía e alento. Diante da demagoxia e das mentiras dos que teñen poder, cartos e capacidade de goberno, e son incapaces de renunciar a nada poñéndolle cangas moi pesadas sobre os ombreiros dos demais, Deus preséntasenos en forma da solidariedade dun veciño, o compartir dun amigo e a compaña daquela persoa que nunca dixo unha palabra máis alta ca outra, pero sempre estivo disposta, sen que os demais o souberan, a estar ao lado de quen puidera necesitala.
Tamén a nós nos queda moito camiño, e só o podermos facer na achega e na fraternidade. Desde esta invitación que nos fai hoxe a Palabra de Deus, comecemos a celebración.
O PERDÓN
ð  Señor, que nas dificultades e problemas, non nos deixemos levar da desesperanza, SEÑOR, QUE DEIXEMOS AGROMAR EN NÓS A MISERICORDIA.
ð  Cristo, que aprendamos a facer as cousas con paciencia e constancia, CRISTO, QUE DEIXEMOS AGROMAR EN NÓS A MISERICORDIA.
ð  Señor, que deixemos que o teu pan de fraternidade sexa o alimento no noso camiño, SEÑOR, QUE DEIXEMOS AGROMAR EN NÓS A MISERICORDIA.
REMUÍÑO
Moitas persoas non acaban de aprender a quererse e aceptarse como son, o que as leva a vivir nunha continua autoestima baixa, sentíndose distintas: os patiños feos da súa contorna, coma se o seu ser persoas estivera a expensas do que fan os demais. E se non nos queremos a nós mesmos e non somos capaces de aceptarnos como somos, viviremos sempre nunha continua angustia e desespero. Algo así lle ocorría ao profeta Elías: tampouco confiaba nel e non era capaz de remontar a situación na que vivía, por iso desexa morrer: “quítame a vida, pois non vallo...”. Que expresión tan forte e dura. Que mal ten que atoparse unha persoa para que chegue a esa situación. Pero diante disto aparecen o sentido e a forza da fe. Cando dicimos que a fe non adormece conciencias, senón que as esperta e alenta, queremos dicir e destacar a importancia que ten na vida de quen quere vivir desde o que ela lle aporta e ofrece. Elías tamén acaba dándose conta desta situación, e atopa forza para superar o que poderiamos chamar a súa situación de depresión e desesperanza, do seu non quererse nin recoñecer o moito de bo que el, coma calquera de nós, ten e pode ofrecer aos demais. A vida como don recibido é unha invitación a responder a este don dándolle sentido e loitando para devolverlle a Deus canto puxo en nós sabendo aproveitala. É aquilo de poñer a render os talentos recibidos. Como lle di a Elías –senso figurado– tamén a nós nos di que temos que poñela a render porque sempre queda moito camiño, un camiño no que ao final non nos atoparemos coa nada e o sensentido, senón con Deus. Do mesmo xeito que en tempos difíciles Elías soubo dar un xiro ao seu desespero, tamén nós estamos chamados a facer o mesmo. A fe non é proclama dunha teoría abstracta na que nos deixamos manipular, senón presenza viva de sentido e salvación que nos converte en amigos de Deus.
Neste non deixarnos levar polo desespero, aparece como presenza de Deus a forza do Espírito que nos acompaña e alenta en toda situación. É verdade que moitas veces somos xordos e cegos para escoitalo e velo, pero El está, tal e como nos di Paulo na carta aos Efesios. O seu estar é todo un cambio de rumbo do noso xeito de facer as cousas; un cambio que supón cambiar carraxe -que difícil tantas veces!!-, en bondade, ou os berros e aldraxes en misericordia. Aquí é onde se nos mostra a frescura da fe e a súa forza para que a nosa vida non camiñe ao túnel escuro do sensentido, do non sei, non vallo ou non podo. Namentres nos quede capacidade de respirar, segue habendo unha posibilidade de cambiar as cousas e non deixarnos levar polas situacións que outr@s nos teñen marcado. Coma persoas libres afrontamos a realidade con decisión e capacidade de superación. A referencia témola en Cristo, e o camiño non pode ser outro máis có do amor. Nel está o verdadeiro recendo da vida.
A Eucaristía, “fonte e cumio“ da vida do crente, convértese no pan que vai alimentando este esforzo cotián por non deixar que outros nos leven: persoas, situacións circunstancias..., á vez que se presenta como alimento sen caducidade que fai fronte á tentación do abandono, de deixalo todo, de recuar. Nunha palabra, é o mellor antídoto contra o medo. Nela xuntámonos, escoitamos a Palabra, compartimos oración, sentímonos comunidade, e todo isto remite ao alimento no que se converte cando a recibimos para que Deus se faga carne da nosa carne e un dos nosos. É o gran que se fai presenza e entrega que esperta ao traballo de non calar diante da mentira, de denunciar o engano e non deixarse levar nin polo derrotismo nin polos camiños que outros, aproveitándose da nosa situación de debilidade, nos queren marcar para aproveitarse de nós. Pan vivo e alimento fresco que non cede á tentación da murmuración e crítica, senón que pasando por riba desta tentación convértese en referencia de encontro e fraternidade; impulso indignado contra calquera intento de utilización e engano do ser humano.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Uníndonos na oración, sentimos que somos capaces de superar medos e desesperacións. Respondendo á invitación que nos fai Xesús de querer ser alimento para a vida, dicimos xunt@s:
QUE O MEDO NON ATENACE A NOSA LIBERDADE
ü  Pola Igrexa, para sexa no medio do mundo testemuño de verdade e denuncia de canto faga que as persoas non sexan tratadas con dignidade e respecto, OREMOS.
QUE O MEDO NON ATENACE A NOSA LIBERDADE
ü  Para que entre nós, os que formamos parte das comunidades cristiás, esteamos sempre pendentes dos demais, non deixando que aniñe neles a tentación da tristura, a desesperación e a desconfianza, OREMOS.
QUE O MEDO NON ATENACE A NOSA LIBERDADE
ü  Para que cada un de nós, alí onde desenvolva o seu traballo, se esforce por facer da súa presenza imaxe viva da mensaxe de Xesús, non permitindo que ninguén sexa tratado coma cousa ou utilizado como moeda para cambiar polo interese duns poucos, OREMOS.
QUE O MEDO NON ATENACE A NOSA LIBERDADE
Señor, que esta nosa oración comunitaria nos dea pulo para afrontar con forza, e sen virnos abaixo, os retos e situacións, non sempre fáciles, que a vida nos vai presentando a nós ou aos nosos. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Pan do ceo, pan da vida no que Cristo está presente.
O que come deste pan vivirá eternamente.
1- Que se acheguen os famentos de verdade e de xustiza,
e atoparán a fartura na mesa da Eucaristía.
2- Os que sentides a sede dos sedentos de auga viva,
vinde beber xubilosos na fonte da Eucaristía.
3- O banquete do Señor é unha mesa de irmandade,
vinde vestidos de festa cantándolle á liberdade.
4- Achegádevos a Min os anguriados da vida,
serei o voso agarimo e enchereivos de ledicia.
5- O que coma do meu Pan vivirá eternamente;
o que beba do meu sangue ha ser sempre inmorrente.
6- Xa non vos chamarei servos, heivos de chamar amigos,
gardando as miñas palabras seredes os meus testigos.  
7- Vós sodes o sal da terra, vós sodes a luz do mundo.
Permanecede comigo para dar froito dabondo. Amén.
CANTOS
ENTRADA: Con ledicia imos todos ao altar
LECTURAS: Ti es o pan do ceo
OFERTORIO: Na nosa terra
COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...