UNHA MISIÓN DE SERVIZO, DESDE A FE, AO DESENVOLVEMENTO INTEGRAL DO SER HUMANO
(XORNADA DO DOMUND 2012)
PÓRTICO
Os textos que imos proclamar hoxe móstrannos que seguir a Xesús non é tanto relatar a súa vida e a súa mensaxe, como esforzarse por estar real e verdadeiramente ao lado das persoas pobres, excluídas, as que non contan no noso mundo tan inxusto e desigual. Isto esixe de nós constancia e perseveranza, porque só quen é quen de seguir a pesares de que as dificultades non son poucas, só quen sabe buscar portas abertas e ventás de aire fresco, só quen vai descubrindo que a universalidade da fe leva unida a solidariedade dos cristiáns, pode entender por que, unha vez máis, celebramos o día das misións, a xornada do DOMUND, compartindo gozos e esperanzas cos homes e mulleres que, en situacións e mundos difíciles, están a traballar polo Reino, entregando xenerosamente a súa vida, o seu tempo e as súas capacidades. Só se somos capaces de entender isto, poderemos entender tamén por que esta mañá de domingo estamos xunt@s para compartir, celebrar e renovar a nosa fe.
O PERDÓN
Ti, Señor, que nos mostras que o camiño non pode ser outro que o servizo e a entrega ás persoas máis desfavorecidas, SEÑOR, QUE O NOSO TESTEMUÑO TRANSMITA ESPERANZA.
Ti, Cristo, que nos chamas a ser creadores e defensores de vida; unha vida que ha ser dignidade e respecto en igualdade, CRISTO, QUE O NOSO TESTEMUÑO TRANSMITA ESPERANZA.
Ti, Señor, que nos envías a ser misioneir@s de servizo e non de imposición, SEÑOR, QUE O NOSO TESTEMUÑO TRANSMITA ESPERANZA
REMUÍÑO
Do
Señor esperamos sempre actitudes de misericordia, a misericordia que
vai modulando a nosa vida e nos fai esquecer comportamentos interesados,
orgullosos ou soberbios. Diante desta tentación que todos temos algunha
vez, non deberamos obviar que só se nos esforzamos por ir acomodando a
nosa vida ás pegadas que Xesús foi deixando e que recolleron os autores
dos Evanxeos e das Cartas do Novo Testamento, acadaremos ser verdadeiras
testemuñas, gozosas e esperanzadas, da mensaxe de Xesús. De aí que,
inda que só algúns dos crentes levan o nome, tod@s somos misioneiros e
misioneiras da mensaxe de Xesús alí onde nos atopemos. Na casa ou a
moitos quilómetros de distancia. A universalidade do Evanxeo, que non
exclúe, senón que engloba, non deixa de recordárnolo unha e outra vez.
En
Cristo e desde Cristo, tod@s fomos marcados cun corazón de carne e cheo
de esperanza; un corazón que non se para diante do abuso dos fortes, a
ignorancia dos máis débiles ou a manipulación de quen non é aproveitado e
vai coa mirada sempre limpa, senón que latexa, se cabe con máis forza,
para facernos sentir unidos e solidarios na dureza da vida, e dispostos a
traballar xunt@s para loitar contra ela, e non deixar que aniñe e acabe
quedándose, en cada un e cada unha de nós. E isto, claro está, non
resulta doado. Tampouco llo resultou aos discípulos. Antes e tamén
agora, custa moito entrar na dinámica da graza que trae misericordia e
horizontes de sentido e salvación para o que facemos e é camiño que nos
leva a gozar da presenza plena con Deus. E porque non é doado, sempre
nos vai máis rápida a lingua que a vida, como lle pasaba aos apóstolos.
Nin o pensaron moito nin tardaron en dar resposta; a modo de quen se
move por arroutos, non dubidaron en afirmar que estaban dispostos a
beber do cáliz do Señor. Cáliz de sufrimento e angustia, cáliz de
incomprensión e abandono, cáliz de rexeitamento e burla. Pero outra
cousas distinta era sentilo nas súas propias carnes..., e aquí tampouco
eles andaban moi finos: Pedro négao, os demais abandónano. A pesares
desta actitude, Xesús segue a confiar neles, pois sabe que
reconsiderarán palabras e feitos. O mesmo ocorre con nós: tamén segue a
confiar e a darnos oportunidades. Seremos nós capaces de facer o mesmo
cos demais?.
Porque
a confianza que nos dá vai facendo que a nosa vida non desespere, senón
que volvamos intentalo, cambiemos e a transformemos. Hoxe podemos estar
aquí xuntos sen medo e abertos a vivir, un domingo máis, unha fe que
non se esgota nin nas paredes do templo, nin nas lindes da nosa
parroquia, ou as fronteiras que marcan o noso continente. A
universalidade da fe lévanos a unirnos aos seguidores de Xesús que hoxe,
dun cabo ao outro do mundo nos reunimos para celebrar a fe; sentir a
calor da comunidade reunida sendo capaces de compartir solidariamente o
moito ou pouco do que teñamos con aqueles que non teñen nada e máis o
necesitan. Porque non queremos esquecer nunca isto, fagamos da nosa
celebración unha experiencia de apertura e encontro universal no Deus
amor e solidario, verdadeiramente misioneiro.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Cristo
ábrenos un camiño de confianza e encontro con Deus desde a nosa
disposición a acoller aos irmáns. Recemos logo presentándolle a nosa
oración comunitaria e dicindo:
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Para
que a Igrexa non esqueza nunca, no seu dicir e no seu actuar, que é
universal, e que o seu compromiso é levar liberación, xustiza e amor dun
cabo ao outro do mundo a quen lle falte, Oremos.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Para
que nas nosas comunidades teñamos sempre actitudes evanxelizadoras e
non rutinarias, desesperanzadas e faltas de ilusión que nos impiden
sempre dar testemuño gozoso e ilusionado da fe que rezamos, compartimos e
vivimos, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Polas
persoas que neste momento están a sufrir situacións de dolor e
tristura: enferm@s. parad@s, abusad@s, ignorad@s... para que nós, que
nos sentimos seguidores de Xesús, non esquezamos nunca o noso compromiso
de esforzarnos por estar ao seu lado para compartir o seu desespero,
OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Pol@s
misioneir@s e aqueles aos que serven coa súa entrega e traballo, o seu
tempo e a súa vida, para que Deus siga movendo corazóns dispostos a
darse á misión de levar dignidade e salvación a quen lles falte, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SEXA SEMPRE MISIONEIRO
Grazas,
Señor, por invitarnos a non esquecer a universalidade da misión que
tamén a nós nos encomendas no aquí e agora do noso tempo. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Queremos, coma Ti, pensar que non estamos para ser servidos, senón para servir,
que quen está ao noso redor vive mellor se nós estamos atentos ás súas necesidades,
que posuímos capacidades infinitas para regalar,
que podemos facerlle a vida máis doada a quen camiña connosco.
Queremos ser o ombreiro no que descansa quen está canso,
o oído que escoita a mágoa de quen sofre,
a ollada que acariña a vida que está ao lado,
a man que se estende para acoller a súa historia,
a luz para a escuridade doutros,
latexo para quen está desanimado,
sal para quen ten unha vida sosa,
azucre para quen ten que soportar tragos amargos.
Queremos, contigo, Señor,
ser o arco da vella que anuncia que detrás da tormenta vén a calma,
a auga fresca que hidrata o corpo reseco,
xograr que fai rir para esquecer as penas,
venda para as feridas do camiño,
menciña para as enfermidades da alma,
vitamina que contaxia ganas de vivir,
alimento para quen ten fame de amor, de amigos, de traballo ou de pan.
Axúdanos, Señor, a traballar por un mundo novo.
Danos a túa esperanza e a túa bendición.
CANTOS
- ENTRADA: Unha xuntanza de amor
- LECTURAS: Veña o teu Reino
- OFERTORIO: Misioneiro serás
- COMUÑÓN: Ide e pregoade
Comentarios