Ir al contenido principal

30 Domingo TO B

SABER CONSOLAR É A MELLOR MANEIRA DE VER NO IRMÁN A PRESENZA DE DEUS

PÓRTICO

Nunca tanto coma hoxe tivemos a oportunidade de coñecer as posibilidades que se nos van presentando na vida. A pesares da forte crise que estamos a vivir, se nos comparamos con persoas doutros continentes máis empobrecidos, nós seguimos a ter moitas posibilidades; e o que é máis triste, seguimos sen aproveitalas e sacarlle verdadeiro rendemento. Cómo gozarían tantos rapaces novos de África, América do Sur ou Asía se puidesen estudar, inda que fora con recortes e axustes!. Cómo e canto valorarían poder formarse!. Porén, aquí, seguen a crecer os chamados nin nin –nin traballan nin estudan- que non son para tomalos a broma, senón para que reflexionemos sobre ata onde temos chegado á hora de desaproveitar oportunidades e ter construído unha sociedade saciada e opulenta, que na hora das dificultades, renuncia a facerlle fronte e a non deixarse ir sen rumbo.
Hoxe, a Palabra preséntanos un Deus que acolle, escoita, consola, agarima... pero que fundamentalmente é un Deus que invita á acción e á loita contra a pasividade e o derrotismo. Que saibamos facer nosa esta palabra, para que anime e alente a nosa vida.

O PERDÓN

  • Pola nosa incapacidade para achegarnos a quen necesita consolo, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
  • Porque os nosos comportamentos non acompasan cos valores da fe, CRISTO, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
  • Por deixarnos envolver do barullo que non deixa na nosa vida espazos para a reflexión, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.

REMUÍÑO

Somos plenamente conscientes de que a vida das persoas con deficiencia visual ou con dificultades ou incapacidade para oír, non é nada doada. Todo o que lle rodea non lle facilita nin axuda a superar os problemas que o non ver nin oír lle provocan. Por iso tamén podemos entender o sentido das palabras do profeta Xeremías cando, utilizando unha imaxe que tod@s comprendemos, afirma que Deus é guía e consolo para as nosas cegueiras e xordeiras. Un guía que marca o camiño e vai deixando pegadas para poder seguilo sen que corramos o risco de perdernos. E ben sabemos que as pegadas lévannos a que perdamos a sensación de desorientación e desconcerto. Unha e outra vez a palabra de Deus vén afirmando isto, e que pouca atención lle temos prestado!. Tendo con nós a Deus como o mellor dos tesouros, moitas veces pouco temos feito para coidalo, conservalo e ter con El unha relación de confianza e dispoñibilidade. Máis ben, por influxo desas maneiras de presentar e achegarnos a Deus que temos recibido, moitas veces desde aqueles que no nome da Igrexa presidían as comunidades e tiñan a misión do servizo testemuñando coa súa vida, temos acabado tendo unha experiencia de Deus afastada e en absoluto asentada no amor. E como isto se vén repetindo, unha e outra vez, desde que eramos pequen@s, acabamos pensando que no canto do amor, El é medo, castigo, imposición e falta de liberdade, como se foramos monicreques cos que xoga para se divertir. Pois ben, diante disto, unha e outra vez a súa palabra non cansa de lembrarnos constantemente que El non é, non podería ser outra cousa, máis que amor, confianza, agarimo, consolo. Con El e desde El, non obviamos a realidade, pero si a afrontamos dun xeito distinto, nada paternalista, senón valorando que se nos considere adultos, autónomos e sempre libres, como fill@s de quen é o cumio da liberdade. Aquel que sempre está grande connosco, polo que estamos alegres.
Deus que derrama toda súa presenza no seu Fillo Xesucristo vai consolando as nosas tristuras e agonías. Tristuras e agonías que moitas veces acaban por eclipsar a forza do seu consolo e da súa esperanza que de xeito constante e permanente segue a ofrecernos, e pondo ao noso dispor. En Cristo nós recibimos a salvación, que non é un concepto teórico e abstracto, senón manifestación de que a vida non é nin caos nin azar, senón sentido, horizonte e razón universal de xustiza, solidariedade e amor. Por iso paga a pena implicarnos en toda aquela acción que poida ir facendo posible o rostro de Xesús Salvador a través da búsquea de canto fai que o ser humano sexa recoñecido e respectado na súa dignidade. O seu sacerdocio non é logo máis ca servizo e entrega á causa da humanidade, da persoa, de todo ser humano, sen ter que poñer fronteiras que delimiten ou exclúan a quen non comparta o seu seguimento ou non o acolla como luz.
Coma Bartimeu, en momentos difíciles e de tanto desconcerto; nos que non acabamos de ver onde está e cando chegará o final deste túnel que chamamos crise e que está deixando nas beiras e levando á desesperación a xeracións enteiras de persoas, moz@s ou maduras, tamén nós hoxe, nos diriximos a El e insistimos sen cansar para que nos acompañe neste traxecto para que se vaia facendo a luz na sociedade; unha luz que nos volva falar de que hai futuro, de que as cousas pouco a pouco van ir cambiando, e para mellor; que non estamos abocados á desesperación de que volverán gañar os que teñen moito a custa dos de sempre, os pobres, senón, porque Nel atopamos luz, coa solidariedade de uns para cos outros e coa capacidade de superar o individualismo e a tentación da división, iremos remontando rumbo e pouco a pouco iremos vendo aparecer raiolas de luz e esperanza que fagan que as nubes se vaian indo. Pero para iso, esta travesía non podemos facela solos, necesitamos uns dos outros, porque sen ser ninguén imprescindible, todos somos necesarios. Que a luz de Xesús nos vaia abrindo os ollos para ver esta tarefa que temos por diante.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Rezamos agora xunt@s a quen quere ser luz e consolo no noso camiño, e digámoslle: 
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOSPara que nos esforcemos por non deixarnos levar da tebra que todo o escurece, e vaiámonos achegando aos faros que no mundo do que formamos parte, loitan e entregan a súa vida para que o teu consolo e agarimo se estenda entre quen sofre e vive na dor, OREMOS.
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOSPara que nas nosas comunidades nos esforcemos por ser luz levando consolo, tempo e solidariedade a quen poida necesitar de nós por estar enferm@, ter perdido o seu traballo ou estar a pasar por un momento de soidade e abandono, OREMOS.
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOSPara que nós, alí onde nos atopemos, non renunciemos nunca a facer visibles cos nosos comportamentos os valores que van conformando a nosa vida e fan posible accións comunitarias que rompen co individualismo, OREMOS.
QUE A TÚA LUZ NOS ABRA OS OLLOSGrazas, Señor, por axudarnos a saír da tebra que nos fai perder o rumbo, para levarnos á luz que nos ofrece iniciativas e nos invita á loita contra a resignación. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Aquí estou, Señor, coma o cego na beira do camiño-canso, suoroso e cheo de po-:mendigo por necesidade e por oficio.
 
Pasas ao meu carón e non te vexo.
Teño os ollos pechados á luz.
Costume, dor, desalento....
Sobre eles medraron escamas que impiden que te vexa. 
 
Mais, ao escoitar os teus pasos,
ao escoitar a túa voz inconfundible,
todo o meu ser treme coma se tivese un manancial dentro de min.
 
Eu búscote, deséxote,
necesito de ti para andar polos camiños da vida e do mundo sen perderme.
 
Que pregunta a túa!.
Que quere un cego máis que ver?.
Que vexa, Señor!.
 
Que vexa, Señor, as túas sendas.
Que vexa, Señor, os camiños da vida.
Que vexa, Señor, o teu rostro, os teus ollos, o teu corazón.

CANTOS

  • ENTRADA: Amigos nas penas
  • LECTURAS: Sede o sal
  • OFRENDAS: Canta o sol
  • COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...