Ir al contenido principal

Santos 2012


BENAVENTURADAS AS PERSOAS QUE DESCUBREN CRER, CONFESAR E AMAR COMO FOLLA DE RUTA NO CAMIÑO DA VIDA

PÓRTICO
Bo día!. A festa de tódolos santos, a festa dos sinxelos de corazón e vida, volve convocarnos unha vez máis neste comezo de novembro para que fagamos memoria agradecida de tantas persoas de tantos tempos e lugares que camiñaron como servos e servas de Deus; tantos homes e mulleres que creron sempre que o amor era o meirande ben; de tanta xente, dunha moitedume tan inmensa que nos enche o corazón de esperanza, porque, coñecidos ou descoñecidos, todas aquelas persoas que hoxe celebramos viviron o que nós queremos vivir, e por iso axúdannos e acompáñannos.

Que Deus non é de mortos senón de vivos é unha realidade. Que Deus sigue presente no mundo por medio da Igrexa e d@s cristiáns é unha realidade. Que moitas persoas, na súa vida de cada día, transparentan esa presenza de Deus, a pesares das dificultades, a dor, o rexeitamento, o sufrimento, a exclusión... é unha realidade. A festa de hoxe lémbranos a tod@s @s sant@s, a todas esas persoas que gozan da felicidade eterna porque souberon traer un anaquiño do ceo a terra.

Con este sentimento de ledicia e de esperanza, comezamos a nosa celebración.

O PERDÓN

·         Porque non somos pobres de espírito, SEÑOR, TRANSFORMA A NOSA VIDA

·         Porque non somos construtores de paz, XTO, TRANSFORMA A NOSA VIDA

·         Porque non temos o corazón limpo, SEÑOR, TRANSFORMA A NOSA VIDA

 

REMUÍÑO
ö  MIREI UN MUNDO DE XENTE, DE TODAS AS NACIÓNS, TRIBOS, POBOS E LINGUAS: Na festa de todos os santos, a Palabra, unha vez máis, volve falarnos de universalidade. E é que Deus non cansa nunca de insistir en que El non fai distingos nin exclusións, que para El tod@s posuímos a mesma dignidade, que chama por todos e todas nós. O abrente está, pois, preñado de esperanza. Somos invitad@s a mirar cara adiante e a alegrarnos, porque os plans de Deus vanse cumprindo. A nosa contabilidade, que peca de mesquiña, non coincide coa de Deus. Hoxe celebramos a ese mundo de xente do que se nos fala no libro da Apocalipse. Algunhas destas persoas foron canonizadas, son coñecidas e mesmo veneradas dentro da Igrexa; pero nesta morea de xente tamén hai persoas que non aparecen nos santorais, que non contan nas nosas listas pero si nas de Deus. Persoas sinxelas que, no medio das dificultades, souberon ser fieis a Deus e vivir como nos ensinou Xesús: polo camiño das benaventuranzas.

 

ö  CANDO XESÚS APAREZA SEREMOS COMA EL, PORQUE O VEREMOS TAL COMO É: Porque de certo que se collemos o camiño que Deus nos marca, atoparemos sentido para a nosa vida. Nós, pola fe, sabemos que non camiñamos sen rumbo, que Deus é a nosa meta. A resurrección de Xesús abriunos a porta e marcounos a orientación. Nas nosas mans está aplicar o sentido común, fiarnos e deixarnos guiar por ela, como fixeron ao longo da historia tantas e tantas persoas boas que pasaron polo mundo facendo o ben e que agora están ao seu carón, participando da súa resurrección. Por iso a festa de hoxe, a pesares de que nos lembra cemiterios e nos deixa un pouso de tristura, é unha chamada á esperanza, á ledicia: camiñamos cara ao encontro con Deus.

 

ö  BENAVENTURAD@S: Porque se de verdade poñemos nel a nosa esperanza, traballaremos por realizar, cadaquén no seu ambiente e segundo a súa personalidade, o sentido das benaventuranzas. A benaventuranza dos santos foi ter aprendido a facer da súa vida un canto de amor e servizo calado e nas máis das veces descoñecido aos ollos dos que buscan converter as persoas en xoguetes rotos, mercadeando coas súas vidas para gañar anunciantes. Os santos, sempre benaventurados, souberon recoñecer e tratar coma fillos de Deus e irmáns a homes e mulleres aos que a inxustiza, a pobreza, a exclusión, o desamor, a vinganza, as intrigas… lle quitaron a dignidade. Pero aí estaban eles, persoas de carne e oso, coma nós que con sinxeleza e humildade, quixeron e souberon poñer corazón, razón e mans, para facer das vidas de cantos os necesitaban, oasis de misericordia, igualdade, entrega e dignidade; presentando a través do seu facer o rostro do Deus que nos quere e nos leva da man.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentámoslle a Deus Pai as nosas necesidades e as nosas inquedanzas dicindo:

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

*    Felices as persoas con espírito sinxelo, porque delas é o Reino de Deus. Para que o Señor nos axude a poñer toda a nosa confianza nel, sabendo valorar o sinxelo, o humilde, o belo e o pequeno, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

*    Felices as persoas que desexan que triúnfe o que é xusto e bo. Para que Deus nos axude a traballar a prol da xustiza e a buscar o ben dos demais, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

*    Felices as persoas misericordiosas, porque Deus terá misericordia delas. Para que Deus nos axude a vivir na familia, na comunidade, na sociedade, sendo tolerantes, comprensivos e misericordiosos, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

*    Felices as persoas que teñen limpa a conciencia, porque elas verán a Deus. Para que o Señor nos axude a ter un corazón limpo, a vivir con transparencia e a actuar sen engano e sen dobres intencións, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

*    Felices as persoas que traballar pola paz, porque Deus chamaraas fillas súas. Para que o Señor nos axude a construír a paz, que ten como alicerces o desenvolvemento, a verdade e a xustiza, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

Acompaña e anima, Señor, esta nosa oración, para que uníndonos a cantos xa están ao teu lado, camiñemos sempre no camiño que nos leva a resucitar contigo. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Felices os pobres que combaten a pobreza non querida,

os sinxelos que queren a terra en herdade,

os que choran a su audacia e a súa esperanza no cárcere ou o desterro.

os que teñen fame de pan e xustiza e sede de liberdade.

Felices os que pensan e actúan limpamente,

os que loitan cada día, sen descanso, pola paz,

os que son perseguidos, por xustos e esixentes,

odiados, porque buscan un mundo compartido, transparente,

unha persoa liberada de verdade.

Estas son as condicións da humana e da divina,

única felicidade.

 

(Víctor M.Arbeloa, Cantos de fiesta y lucha,111)
CANTOS

ð ENTRADA: Vinde axiña

ð LECTURAS: O Señor é o meu pastor

ð OFERTORIO: Benaventurados

ð COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...